O Concello de Malpica acolle a teatralización da vida de Rosalía de Castro
A obra “Rosalía” chega o 17 de maio ao Ecomuseo Forno do Forte, en Buño
O Concello de Malpica traerá, o vindeiro 17 de maio, a vida de Rosalía de Castro a través dunha obra de teatro homónima, representada pola compañía Culturactiva Producións. Será, ás 17.00 horas, no Ecomuseo Forno do Forte, en Buño.
Unha oferta familiar, con entrada de balde, que recreará a vida da escritora achegando a Rosalía nena que cantaba, bailaba, lía e comía chocolate. A que vive no lugar onde medran as poetas entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as canción con rimas e sen autor. Toda unha recreación cos valores sociais en escena dirixida por Fina Calleja e representada por Rocío González e Cristina Collazo.
Esta obra xa leva mais de 70 funcións realizadas desde a súa estrea ata ser un título imprescindible do teatro familiar galego.
Con esta programación o Concello continúa coa programación de “Malpica nun mar de letras” co que celebra o Día das Letras Galegas ao longo do mes de maio. A programación do día 17 complétase coa inauguración da sala Non canto por cantar, ás 12.00 horas, no Centro de Artesanía e Tradición (antigo Centro Comarcal de Bergantiños) unha homenaxe ao canto e baile tradicional e o patrimonio inmaterial da terra.
Ás 18.30 está previsto o concerto de música infantil: Charo Pita co espectáculo A familia Papaventos, na praza Anselmo Villar Amigo.