Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
13°
Sábado 16°
13°
Domingo 16°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

15Ago 2014

Malpica, protagonista do programa da TVG “Aquí Galicia”

O espazo emitirase mañá sábado de 16.30 a 19.00 horas dende a vila malpicá coincidindo co Mercado Medieval e a Festa Galega
540-f-foto

O programa da TVG “Aquí Galicia” realizarase mañá sábado dende Malpica por iniciativa do concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo. A emisión coincide coa celebración do Mercado Medieval Mariñeiro e a Festa Galega, que terán unha presenza destacada, pero ademais participarán numerosas entidades do municipio, como a Agrupación de Percebeiros ou a Asociación de Redeiras o Fieital, que amosará bolsos deseñados por elas e confeccionados con redes. Un representante da Asociación Oleira de Buño realizará unha demostración no torno, membros da Federación Galega de Surf impartirán unha clase en directo e Asociación Cultural Carcaxía fará un centro de flores.

 

A oferta do programa será moi variada. Os espectadores poderán ver dous vehículos que participan en concentracións de tunning, un desfile de bolsos de Carmen Labrador ou como se prepara unha caldeirada de peixe. A música estará moi presente, coas actuacións dos grupos de baile e gaitas da Asociación Cultural Malante e unha exhibición de bailes de salón dos maiores. E a festa continuará a ritmo de verbena coas orquestras Ciclón e Alaska.

 

Tampouco faltará a gastronomía. A Concellería de Turismo ten preparada unha sardiñada, e como postre haberá rosca de pan de ovo

 

A emisión do programa da TVG forma parte da ampla campaña de promoción turística de Malpica que está a levar a cabo o concelleiro Alfredo Cañizo, promotor, así mesmo, do Mercado Medieval e da Festa Galega que están a converter a vila nun punto de referencia durante toda a ponte. Miles de persoas visitaron hoxe Malpica, e para a fin de semana agárdase unha afluenza moito maior.

 

O programa de actividades de hoxe arrincará ás 11.30 horas cos pasarrúas dos gaiteiros das asociación Carcaxía e Raigañas. Ás 19.15, despois do programa da TVG, comezará o desfile da Banda de Gaitas Malante, que este ano estará acompañada por Maruxía de Laxe. E ás 22.00 horas comezará o prato forte do sábado, o concerto folk no que actuarán tres grandes da música galega: Quempallou, Treixadura e Sés.

 

14Ago 2014

Moita animación na apertura do Mercado Medieval de Malpica

Os postos de venda de produtos gastronómicos e artesanía, así coma diversas actuacións e atraccións, animarán as rúas da vila ata o domingo
540-f-foto

O Mercado Medieval Mariñeiro de Malpica abriu as súas portas oficialmente este mediodía cunha amplísima oferta de gastronomía, artesanía e atraccións que van animar as rúas da vila durante toda a ponte do 15 de agosto, coincidindo coa celebración da Festa Galega.

 

O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Alfredo Cañizo e Miguel Fernández realizaron un completo percorrido polos máis de trinta postos que integran o atractivo mercado. Os representantes municipais conversaron cos comerciantes, entre os que hai algún que visitan Malpica por primeira vez, pero tamén os hai que repiten e que ademais levaron moi boa impresión das anteriores edicións. Durante o paseo, as autoridades locais foron descubrindo unha amplísima oferta que inclúe todo tipo de queixos e embutidos, sabedores doces (cos que se atreveu o alcalde), churrasco, polbo e outros moitos atractivos culinarios, pero tamén xogos tradicionais, produtos cosméticos, artesanía en coiro e madeira, xoiería, tatuaxes con hena, complementos e bolsos ou peluches térmicos. Tamén ten un posto a Asociación de Redeiras O Fieital, que amosa todo tipo de obxectos relacionados co mar e novidosos deseños de moda elaborados con redes, coma un chal e un bolso.

 

O Mercado Medieval de Malpica permanecerá aberto ata o domingo. Este ano no só aumentou o número de postos, senón que tamén van a máis as actividades paralelas. Os cabezudos xa empezaron a percorrer hoxe pola mañá o recinto feiral, pero tamén se agarda a visita de músicos e do Gran Cabaleiro Negro Medieval, que chegará a lomos do seu cabalo. Para os máis pequenos haberá unha noria de madeira ecolóxica impulsada a manivela, un castelo inchable, paseos en poni e unha mesa de xogos tradicionais na que poderán poner a proba o seu enxeño.

 

E todo iso no centro da vila, engalanado especialmente para a ocasión.

 

14Ago 2014

O Concello de Malpica recupera a Croa do Castro

A limpeza será o primeiro paso para a posta en valor do xacemento da parroquia de Cerqueda, máis grande e máis complexo ca o de Borneiro
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños está levando a cabo un intenso labor de recuperación do patrimonio arqueolóxico e etnográfico que abrangue dende a restauración do Forno da Costa, en Buño, onde xa remataron os labores de limpeza, ata a posta en valor da Croa do Castro, na parroquia de Cerqueda. Hoxe pola mañá celebrouse na casa consistorial unha reunión na que participaron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo; Xosé Manuel Varela e Manuel Chouciño, en representación das entidades da parroquia de Cerqueda que están a traballar tamén na recuperación do xacemento; o profesor da USC Manuel Gago e técnicos municipais de Cultura e Urbanismo. O obxectivo: avanzar no proxecto que fará posible o redescubrimento para toda a poboación dun castro da Idade do Ferro máis grande e complexo ca o de Borneiro (Cabana).

 

Neste momento falta por solventar un último trámite burocrático, que o Concello de Malpica espera ter listo no mes de setembro, para que poida comezar o desenvolvemento do proxecto de posta en valor. O traballo inicial consistirá na limpeza do castro e do seu entorno, para o cal levarase a cabo unha campaña de captación de voluntarios coa finalidade de conseguir que os veciños e veciñas se impliquen directamente no proxecto. A proposta inclúe, ademais, a elaboración dunha páxina web que recollerá toda a información sobre o Castro da Croa e a parroquia de Cerqueda; así coma a organización de actividades para escolares, charlas informativas e un vídeo.

 

O alcalde e o concelleiro de Turismo expresaron o compromiso do Concello de Malpica coa recuperación do Castro da Croa polo enorme interese arqueolóxico que pode ter e porque o seu estudo podería contribuír ao descubrimento de novos datos sobre a orixe da cultura oleira.

 

12Ago 2014

BASES DO XIV CONCURSO DE BARCANAS E CASTELOS DE AREA “PRAIA DE AREA MAIOR”

Venres 22, a partir das 10.30 horas e ata as 14.00 horas na Praia de Area Maior
540-f-foto

1.     OBXECTO: O presente concurso terá por obxecto o fomento da cultura.

 

 2.     PUBLICIDADE: As presentes bases permanecerán expostas no taboleiro de anuncios do concello dende a súa aprobación ata a finalización do procedemento, dada a súa escasa contía e de acordo co disposto no apartado VI) 6 do Anexo I das BEO do Concello de Malpica, asemade, se lles dará publicidade mediante a páxina web do Concello de Malpica e cartelería.

 3.     PRAZO DE INSCRIPCIÓN: O prazo de inscrición rematará o venres día 22 de agosto ás 11.00 h. as inscricións poderán realizarse tanto no Departamento de Educación e Cultura do Concello ata o día 21 de agosto, como na Praia de Area Maior o día 22  de agosto de 2014, dacordo cós modelos de solicitudes facilitados polo Concello e que deberán ser remitidos, debidamente cumplimentadas, ó rexistro xeral dacordo có disposto no apartado VI)7 do Anexo I das BEO.

 4.     REQUISITOS DOS PARTICIPANTES:

         Cada participante ou grupo de participantes só poderá participar cunha única obra.

 

         Existiran tres modalidades: Infantil (até os 10 anos), amateur (de 10 anos en adiante) e Barcanas (barcanas tradicionais de area sen límites de idade).

 

         No caso de menores de idade as solicitudes virán presentadas polos pais/nais ou titores que os representen, que terán a condición de beneficiarios.

 

         Para obtar ó Premio Infantil todo os autores da obra deberán ter como máximo 10 anos cumpridos.

 

 

5.     Existirán cinco premios: 1º, 2º e 3º na modalidade amateur, premio á mellor Barcala, premio infantil e premio especial do público.

 

 6.     CONTÍA MÁXIMA DOS PREMIOS:Os premios estarán dotados do seguinte xeito:

 Premios amateur:

1º premio: 130,00 ? e trofeo

 

2º premio:  70,00 ? e trofeo

 

3º premio:  40,00 ? e trofeo

 

Premio a mellor Barcana: trofeo

 

Premio Infantil: trofeo

 

Premio Especial do Público: trofeo

 

 

7.     REQUISITOS, LUGAR E PRAZO DA REALIZACIÓN DAS OBRAS:

 

         A obras realizaranse na Praia de Aréa Maior nas zonas balizadas polo Concello de Malpica para este fin.

 

         As obras realizaranse con posterioridade á inscrición do/a participante ou participantes e en calquera caso entre ás 11.00 h. e as 13.00 h. do día 22  de agosto de 2014.

 

         Para a elaboración das obras só se poderá utilizar aréa e materiais que se atopen depositados na praia.

 

         Para a elaboración das obras permitirase o uso de ferramenta, difusores de auga, etc. aínda que estes en ningún caso poderán formar parte da obra unha vez rematada.

 

         Na elaboración das obras non está permitido utilizar ningún producto compactante ou fixador da aréa, agás o auga.

 

 

8.     CRITERIOS :

 

 O xurado valorará a calidade artística e a orixinalidade de cada proposta. De acordo cos seguintes criterios:

          Calidade técnica da obra

 

          Complexidade da obra realizada

 

          Deseño da obra

 

–    Dimensións da obra realizada

 

          Vinculación da obra co Concello de Malpica

 

          Orixinalidade da obra

 

         Para a elección do premio especial do público instalarase unha furna, entre ás 13.00 h. e as 13.30 h. na Praia de Aréa Maior donde tódolos espectadores/as do concurso poderán participar, sendo agraciada a obra con maior número de votos, agás que xa obtivera outro premio por parte do xurado, nese caso otorgaríase á seguinte obra máis votada.

 

 

9.     O fallo do xurado será inapelable, e será notificado ós presentes no acto.

 

10.  COMPOSICIÓN DO XURADO: O Xurado estará composto por 2 representantes do Concello de Malpica nomeados polo Alcalde (que determinará quen dos dous actuará como Presidente e como vogal) e 2 das entidades colaboradoras (Asociación de Amas de Casa de Malpica e/ou Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa)  a proposta destas e nomeados/as polo Alcalde e que actuarán como vogais. Actuará como secretario/a do mesmo un/unha funcionario/a do Concello de Malpica designado a tal fin pola Alcaldía.

11.  XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO: Unha vez elaborada a acta do xurado propoñendo os beneficiarios, o órgano competente, acordará a concesión e recoñecemento de obrigas a favor dos mesmos. O pagamento efectuarase en efectivo tras o fallo do xurado. Os beneficiarios acreditaran suficientemente a súa  identidade e a recepción do premio correspondente perante o Concello segundo o modelo facilitado ao efecto.

12.  PUBLICIDADE DOS BENEFICIARIOS: Publicarase no taboleiro de anuncios do concello a resolución ou acordo polo que se concedan os premios aos que se refiren as presentes bases.

7Ago 2014

O Mercado Medieval de Malpica amplía a oferta de postos de venda e de actividades paralelas

A vila malpicá trasladarase á Idade Media do 14 ao 17 deste mes, coincidindo coa celebración da Festa da Galega
540-f-foto

Agosto é o mes de Malpica de Bergantiños. En plena celebración da Mostra da Olería de Buño, coa que colabora activamente, a Concellería de Turismo non quere que o ambiente decaia a partir da súa clausura, o día 10. Por iso o seu responsable, Alfredo Cañizo, ten preparado un ambicioso programa de eventos para a segunda quincena que arrincará o día 14 coa inauguración do III Mercado Medieval, unha cita ?que ano tras ano vai adquirindo unha maior relevancia dentro e fóra da localidade?, manifestou hoxe no acto de presentación, no que estivo acompañado polo alcalde, Eduardo Parga, e polo técnico de Cultura, Antón Noceda.

 

Esta terceira edición será espectacular, non só polo incremento do número de postos de venda de artesanía e produtos de alimentación, senón tamén polo amplo abano de actividades paralelas que se levarán a cabo ao longo dos catro días do Mercado Medieval, entre o 14 e o 17 deste mes.

 

Deste xeito, nas tabernas da feira este ano poderase degustar un dos mellores polbos de Galicia, ademais de cochiño ao espeto. Durante catro días estará en Malpica Salvador de Paz, un dos acibecheiros máis importantes da metade norte da Península, que compartirá co público os segredos da extracción e da talla do acibeche, e que cumprirá o soño dos máis pequenos de converterse en paleontólogos.

 

As rúas do Mercado Medieval e da contorna estarán decoradas con bandeiras e estandartes, o que permitirá a veciñ@s e visitantes viaxar por uns días á Idade Media. E para que a sensación sexa aínda maior haberá músicos e cabezudos animando a vila, e a fin de semana Malpica recibirá a visita do Gran cabaleiro negro, que chegará montado a cabalo e fará rir e gozar a todos os visitantes os seus trucos e as súas fazañas.

 

Entre as propostas diarias do Mercado Medieval figuran os paseos en poni, unha noria de madeira ecolóxica impulsada a manivela, un castelo inchable e unha mesa de xogos tradicionais de madeira na que os nenos porán a proba a súa destreza e crearán as súas propias estratexias.

 

Pero na longa fin de semana de mediados de agosto, coincidindo do Mercado Medieval, Malpica tamén acollerá unha nova edición da Festa Galega, outro evento que vai gañando forza nos seus sete anos de vida grazas a carteis de luxo coma o deste ano. O venres 15 comezará a soar a música nas tabernas da vila con Vai Rañala Meu, que actuará a partir das 20.30 horas. Continuarán Os Sons do Vento de GonÇalo Guerreiro, Samarúas e Fol de Veneno, que tocará á media noite.

 

O sábado 16 será o día grande. Haberá pasarrúas dos gaiteiros de Carcaxía e Raigañas xa pola mañá, desfile da banda de gaitas de Malante ás 19.15 dende o Centro Cívico, e gran concerto nocturno con Quempallou, Treixadura e Sés, tres nomes claves na música galega actual.

 

Tanto Alfredo Cañizo coma Eduardo Parga destacaron a calidade do cartel e convidaron a veciños, visitantes e forasteiros a gozar destes días de verán en Malpica.

 

7Ago 2014

Un total de 160 deportistas asumen o reto de cubrir a nado os 4,3 quilómetros da Travesía Sisargas

Un operativo integrado por 65 persoas, 22 embarcacións e 2 ambulancias garantirá a seguridade dos participantes por mar e por terra
540-f-foto

“Mais ca competitiva, a Travesía Sisargas é unha proba de reto e de aventura”. Esta frase de Daniel Gambón, promotor da actividade, define o espírito da proba que se vai celebrar o vindeiro domingo día 10 en Malpica. A travesía acada unha participación récord. De feito, este ano haberá 160 participantes, 60 máis ca no 2013, e todo indica que o ritmo de crecemento manterase nas vindeiras edicións, dado o interese que desperta a iniciativa.

 

Os detalles déronse a coñecer hoxe, nun acto no que, ademais de Daniel Gambón, en representación do Club Travesía Sisargas, creado específicamente para este evento, participaron o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; os concelleiros de Turismo e Deportes, Alfredo Cañizo e Manuel Torrado; o tenente de alcalde, Miguel Fernández; o xefe de Protección Civil, Iván Muíño, e o secretario da Confraría de Pescadores, Francisco Rodríguez.

 

Daniel Gambón referiuse ao crecemento espectacular da proba, que ten as súas orixes na travesía realizada no ano 1933 polo seu bisavó, Domingo Suárez, o precursor dun reto recuperado no ano 2010 coa aventura en solitario do bisneto, pero que xa no 2013 reuníu a un cento de participantes. Daniel Gambón expresou o seu desexo de que a actividade siga medrando ata acadar os 200 nadadores, ?pero pouco a pouco?, aclarou, e sempre que o dispositivo de seguridade o permita.

 

De feito, son moitísimos os medios humanos e materiais que se van mobilizar este domingo para que todo transcorra con normalidade. Os participantes están citados ás 10.00 horas para preparar a saída. Dende o porto de Malpica desprazaranse en barco ata as Sisargas. Neste sentido, Daniel Gambón agradeceu a colaboración da Confraría de Pescadores e a boa disposición dos patróns do ?Adriana?, o ?Casal Novo? e o ?Castelao?, que farán a travesía de ida cos nadadores. En total participarán 9 embarcacións, unha moto de auga e 12 kayacs, segundo explicou Iván Muíño. Tres embarcacións e a moto de auga son de intervención, outra levará o equipo médico e de coordinación, e as restantes farán labores de acompañamento e apoio.

 

Pero o dispositivo de seguridade non estará operativo só no mar, senón tamén en terra. Neste sentido haberá oito postos fixos distribuídos entre San Adrián e a Atalaia. O equipo humano estará integrado por 65 persoas, entre elas 44 traballadores de Protección Civil (27 por terra e 17 por mar) das agrupacións de Coristanco, Cabana, Arteixo, Cerceda, Carballo, A Coruña, Ferrol e Malpica; persoal sanitario, buzos do Club Náutico de Malpica que acompañarán aos nadadores e colaboradores.

 

O alcalde, Eduardo Parga, felicitou ao Club Travesía Sisargas pola iniciativa, que contribúe á promoción de Malpica como destino turístico e deportivo, e ofreceu toda a colaboración do Concello para as vindeiras edicións. No mesmo sentido manifestouse Alfredo Cañizo, concelleiro de Turismo, quen expresou o seu desexo de que a proba ?siga potenciándose? no futuro. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Torrado, destacou a ampla oferta deportiva do domingo, coa travesía pola mañá e o Trofeo de fútbol da Mostra da Olería pola tarde.

 

Na Travesía Sisargas participarán 166 nadadores, 150 homes e 16 mulleres (no 2013 só houbo catro, aínda que unha delas, que este ano repite, foi a segunda en chegar á meta). Daniel Gambón destacou o nivel dos participantes, entre os que figuran triatletas que compiten a nivel mundial, pero sobre todo subliñou a representación local. Neste sentido aludiu á presenza de Adrián Martínez, gañador do Campionato de España celebrado recentemente na Coruña, e que ademais será o participante máis novo, aos seus 16 anos. O maior ten 66. A maior parte dos inscritos, sinalou Gambón, son foráneos que moitos deles non coñecen Malpica, polo que se amosou convencido de que a proba tamén vai ter unha rendibilidade turística. 

 

5Ago 2014

A Mostra da Olería continúa toda a semana con actividades paralelas

Os nenos e nenas da Ludoteca de Verán do Concello de Malpica visitarán mañá o Forno do Forte
540-f-foto

A Mostra da Olería de Buño, que este ano cambiou de emprazamento, estará aberta ata o domingo 10 no parque Luciano García Alén, no centro da vila oleira.

Os postos de venda de tendas e artesáns están abertos de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas todos os días, pero ademais celébranse actividades paralelas. Hoxe, sen ir máis lonxe, é o Día do Neno, con xogos tradicionais (carreira de sacos, zancos, comebolas?) de 18.00 a 21.00 horas.

 

Tamén se levan a cabo actividades complementarias no Ecomuseo do Forno do Forte, que está aberto durante toda a semana de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas. O público poderá visitar a exposición permanente, pero tamén a mostra realizada expresamente para este evento polos oleiros de Buño, con pezas únicas e exclusivas, e a exposición fotográfica Aloumiñando o barro, de Criss Becerra. Ao mesmo tempo hai exhibición sao torno e obradoiros de barro para nenos.

 

Mañá mércores o Ecomuseo do Forno do Forte recibirá a visita dos nenos e nenas que participan na Ludoteca de Verán do Concello de Malpica. De 11.00 a 13.00 horas visitarán as exposicións e participarán nos obradoiros de barro.

 

1Ago 2014

O Retablo de Fantoches conmemora a estrea da obra de Rafael Dieste “A Doncela Guerreira” en Malpica en 1933

A Concellería de Cultura lembra a data cun ciclo de espectáculos de monicreques
540-f-foto

O 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas, estreábase en Malpica o Retablo de Fantoches coa obra “A Doncela Guerreira“. 

A obra de Rafael Dieste formou parte do repertorio que o Teatro Guiñol das Misións Pedagóxicas representou por aldeas de pobos de toda España entre 1933 e 1936.

 

Así lembraba o propio Dieste a experiencia: ?Os medios de fabricación foron da miña colleita, o mesmo que o deseño do estaribel, cos seus recursos de iluminación, escenográficos, etcétera. Todo isto requiriu experimentos nos que participou con seu fogoso xenio José Val del Omar. No modelado dos bonecos e nos decorados interviñeron principalmente Ramón Gaya, Fernández Mazas, Miguel Prieto, Urbano Lugrís e eu tamén, non só como teórico -xa que xurdiron moi curiosas discusións estéticas-, senón como artesán  Na doncela Guerreira, Lugrís, que era un guiñolista portentoso, acertou a resolver teatralmente un final de escena, culminación da comedia, cun relincho brioso e xubiloso do cabalo en fuga levándose a heroína. A dirección de escena, así como os guións ou farsas, corrían o meu cargo, e rara vez deixaba de ter algún papel nas representacións?.

 

 En lembranza do titánico esforzo realizado por Dieste, Val del Omar, Gaya, Mazas, Prieto e Lugrís para levar a cultura a todos os recunchos do país, a Concellería de Cultura de Malpica pon en marcha un ciclo de espectáculos de monicreques baixo a denominación de Retablo de Fantoches de Rafael Dieste.

 

 

As funcións comezarán este sábado, día 2 (paseo marítimo, 20.30 horas), coa representación de Acuario, de Teatro Ghazafelhos e María Canosa. O día 9, Titeres Trompicallo ofrecerá Jiñol, e o 30 estará en Mapica Ledo Teatro con A súa vida. No caso de choiva as actuacións trasladaranse ao auditorio do Centro Cívico.

26Xul 2014

O Concello de Malpica organiza para a vindeira fin de semana a XVI Cocedura Tradicional no Forno do Forte de Buño

Coincidindo coa Mostra da Olería, a Concellería de Turismo repetirá un proceso centenario de elaboración das pezas de barro
540-f-foto

A Concellería de Turismo de Malpica prepara para a vindeira fin de semana unha nova edición, a número 16, da Cocedura Tradicional no Forno do Forte de Buño. O proceso centenario de elaboración das pezas de barro comezará o día 2, ás 11.00 horas, coa carga do forno. O prendido será ás 15.00 horas, e xa a última hora da tarde, aproveitando a calor, celebrarase a Festa da Carroa, outra tradición que vai unida á cocedura tradicional. A descarga do forno será o domingo 3, a partir das 11.00 horas.

 

O concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo, destacou a importancia de reproducir unha parte tan importante do proceso de elaboración da olería como é a cocción tal e como se facía en Buño polo menos dende o século XVII. <Intentamos que a Cocedura Tradicional se faga como se fixo sempre>, sinalou. Para conseguilo, todo o proceso, no que participarán veciños e artesáns de Buño, estará supervisado polo oleiro Antonio Pereira, <O Rulo>.

 

Olas, ánforas, porróns? Arredor de 2.000 pezas serán colocadas con sumo coidado no Forno do Forte o sábado pola mañá. Unha vez cargado o forno, a bóveda será tapada con <cachos>, que axudan a manter a calor. O prendido será ás 15.00 horas, e nese momento entrará en escena a <muller dos fumes> para alimentar o forno con toxo ata que acade a temperatura idónea, que se sitúa arredor dos 1.000 graos. E despois será a quenda dos atizadores, que terán a misión de manter a temperatura ata que remate a cocción, unhas catro horas despois. A a calor acumulada aproveitarase para asar as sardiñas, que se servirán acompañado con pan e viño na Festa da Carroa, a partir das 21.00 horas. De feito, a cocedura nestes fornos comunitarios era, antigamente, unha festa.

 

As pezas que se descarguen o domingo do Forno do Forte serán comercializadas cunha etiqueta na que se garante que foron elaboradas de xeito artesanal.

 

25Xul 2014

O Concello de Malpica decide ampliar o obradoiro Pintar na Rúa ante o éxito da actividade

O día 28 tamén se porá en marcha o taller de danza moderna. En ámbolos obradoiros hai prazas libres
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños decidiu prorrogar durante dúas semanas máis o obradoiro Pintar na Rúa ante o éxito da actividade, na que participaron nos últimos 15 días un total de vinte nenos e nenas. Os que quedaron en lista de agarda e todos os que se anoten ata o luns, incluído, poderán participar na segunda fase da experiencia, que arrincará o mesmo día 28.

 

O taller, impartido polas artistas Paula Fraile e Roberta Venanzi, vai dirixido a nenos e nenas de 6 a 14 anos de idade. Os rapaces poderán completar o traballo realizado nos últimos días nos muros exteriores do Centro Cívico, nos que o cemento está a ser substituído por un enorme e colorido mural co mar e a pesca como temas de inspiración. As pintoras están moi satisfeitas coa resposta dos rapaces e rapazas e coa súa implicación no proxecto malia as súas cortas idades, e a mesma satisfacción existe por parte da Concellería de Cultura de Malpica. De feito, a súa titular, Noelia Freijeiro, non descarta ampliar a iniciativa a outros espazos públicos da vila, na que xa se levou a cabo hai anos unha experiencia semellante de adecentamento de muros e medianeiras con pinturas artísticas.

 

Os nenos e nenas que queiran participar neste novo obradoiro poden acudir o luns 28 ao Centro Cívico antes das 11 da mañá, hora prevista para o inicio da actividade. As sesións teñen dúas horas de duración, de luns a venres, e no caso de choiva están previstas actividades alternativas, tamén de carácter artístico, no Centro Cívico.

 

O luns tamén se porá en marcha o obradoiro de danza moderna, no que os participantes practicarán hip hop e model jazz. O taller terá dúas semanas de duración, do 28 de xullo ao 8 de agosto, e celebrarase no auditorio do Centro Cívico de 11.00 a 13.00 horas, de luns a venres. Esta actividade vai destinada a nen@s e moz@s de 6 a 17 anos de idade, que se repartirán en dous grupos de 12 alumnos como máximo cada un.