Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
13°
Sábado 16°
13°
Domingo 16°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

13Set 2014

As obras de construción da EDAR de Malpica arrincarán coa estabilización dos taludes do Monte da Plancha

O traslado aos novos departamentos para usuarios do porto podería levarse a cabo xa a finais deste mes de setembro
540-f-foto

Ao mesmo tempo que dá os últimos retoques aos novos departamentos para usuarios do porto, a empresa adxudicataria do proxecto de construcción da estación depuradora de augas residuais de Malpica comezará no prazo de 15 días cos traballos de estabilización dos taludes do Monte da Plancha. Segundo indicou o alcalde, Eduardo Parga, a finalidade das obras é asegurar a ladeira na zona na que irá ubicada a EDAR. Segundo as previsións da empresa construtora, Copasa, a finais deste mes tamén podería levarse a cabo o traslado ás novas casetas que se están a construír no outro extremo do recinto portuario.

 

A construción da EDAR, unha importante infraestrutura que solucionará de xeito definitivo os problemas de saneamento da vila, está financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta e o Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), que achega o 80% dos 5,4 millóns de euros consignados para a obra. A depuradora de Malpica empregará un tratamento biolóxico, en concreto, unha tecnoloxía de biofiltros no seu proceso de depuración. Esta avanzada tecnoloxía permite reducir ao mínimo o espazo que ocupará a planta. Este aspecto, xunto co feito de que a EDAR emprazarase nun edificio de formigón, pedra e madeira, facilitará a súa integración no entorno portuario, reducindo significativamente o seu impacto visual. A EDAR situarase no extremo sur do peirao. A localización foi consensuada entre a Consellería de Medio Ambiente, Portos de Galicia e o Concello de Malpica tras o estudio de distintas alternativas.

 

A estación depuradora de Malpica de Bergantiños dará servizo a máis de 7.000 habitantes. Constará dunha liña de tratamento composta por unha liña de auga, na cal se realizan accións de desinfección; e unha liña de lodos, onde se efectúan os procesos de deshidratación e estabilización.

 

O proxecto, considerando a capacidade de dilución no punto de vertedura, recolle unha depuración biolóxica para reducir a materia orgánica a través dunha biofiltración, seguida dunha desinfección para asegurar unha boa calidade microbiolóxica da vertedura a pesar de que as zonas de baño están afastadas.

 

Este proceso de depuración utilizará unha tecnoloxía particularmente avanzada e compacta, xa que o terreo dispoñible para a localización da EDAR se condicionou a manter a actual aliñación no peirao de modo que nun futuro non se impida a construción dunha eventual vía de saída do porto, e para afectar ao mínimo número de departamentos portuarios. Deste modo, a nova instalación necesitará 675 m2 de superficie, para o cal será necesario demoler 360 m2 correspondentes a 13 departamentos do final do peirao, e manterase unha das vías existentes.

 

Segundo os cálculos iniciais, a EDAR entrará en funcionamento no ano 2015.

 

12Set 2014

O Concello de Malpica prepara o inicio do curso na ludoteca municipal para os nenos e nenas de 2 a 11 anos

O prazo de inscrición estará aberto dende o 16 ata o 29 deste mes
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños está a preparar o comezo dun novo curso na ludoteca municipal, un servizo destinado a todos os nenos e nenas de 2 a 11 anos de idade. O prazo de inscrición estará aberto do 16 ao 29 deste mes. As familias interesadas deben entregar o formulario de solicitude de praza no departamento de Educación e Cultura en horario de 09.00 a 14.00.

 

Para os nen@s de 2 a 3 anos de idade sen escolarizar establécense dous grupos, un de luns a venres de 11.00 a 13.15 horas, e outro de luns a venres de 15.30 a 17.00 horas. O grupo de nen@s de 3 a 11 anos terán as instalacións municipais á súa disposición de luns a venres de 17.00 a 18.30 horas.

 

As familias interesadas en utilizar o servizo deben presentar ficha de inscrición correctamente cuberta, fotocopia do libro de familia, fotocopia da cartilla da Seguridade Social do usuari@, fotocopia do DNI dos titores legais, documentación acreditativa do titor da custodia se procede, informe psicopedagóxico no caso de nen@s con necesidades educativas especiais, dúas fotografías tamaño carné, número de conta bancaria e certificado de empadroamento. No caso de que o/a menor estea a tratamento necesítase folla actualizada onde consten as pautas de medicación e a sinatura do profesional co número de colexiad@ e a autorización dos tutores legais para a administración de medicación se así se require.

 

Terán preferencia os nenos e nenas empadroados no municipio de Malpica de Bergantiños. Para o resto dos casos as admisións realizaranse por orde de inscrición. Pasado o prazo de matriculación, no caso de quedar prazas vacantes poderán  admitirse novas solicitudes ata cubrir todas as prazas ofertadas. Para rapaces e rapazas que non cumpran os requisitos de idade mínima o día de inicio da actividade as solicitudes tramitaranse ao día seguinte de cumprir a idade mínima.

 

12Set 2014

Inaugurado o curso de manualidades para maiores en Malpica

Comezaron tamén as sesións formativas para persoas con diversidade funcional
540-f-foto

Hoxe foi inaugurado no Centro Cívico o curso de manualidades para maiores que organiza a Concellería de Servizos Sociais. No acto, celebrado ás 17.00 horas, participou o alcalde de Malpica, Eduardo Parga. As clases serán os martes e venres de 16.00 a 18.00 horas, e a encargada de impartilas será Lucía Villanueva, que este ano terá 20 alumnas.

No curso de manualidades para persoas con diversidade funcional, que tamén empezou hoxe, participarán 11 persoas. As sesións formativas serán os luns e os venres de 10.30 a 12.30 horas.

Dentro da programación da Concellería de Servizos Sociais, o día 16 tamén comezará un taller de xardinería para persoas con diversidade funcional. As clases, a cargo da asociación Íntegro, serán todos os martes e xoves de 11.00 a 13.00 horas. As clases teóricas celebraranse na Casa do Oleiro e o traballo práctico desenvolverase na área axardinada da praza Luciano García Alén.

 

12Set 2014

Avanzan as obras da escola infantil de Malpica

O alcalde e o concelleiro de Obras visitaron hoxe os traballos
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, visitaron hoxe as obras da futura escola infantil, que se está a construír nos terreos da antiga unitaria de Aldeola, na parroquia de Cerqueda. Os responsables municipais estiveron acompañados por técnicos do Concello e representantes da empresa construtora, Atlántica de Construción e Medio Ambiente. Os traballos, que teñen un orzamento de 354.175 euros, comezaron en xullo co derrubo da vella unitaria, e teñen un prazo de execución de oito meses.

 

A escola infantil de Malpica contará con 3 unidades, polo que dará cabida a 41 nenos e nenas de cero a tres anos de idade. O novo edificio terá dúas plantas. Na baixa estarán as aulas, un espazo de usos múltiples, cociña e aseo; mentres que na planta alta emprazaranse a sala de profesores, o despacho de dirección e unha zona de xogos.

 

11Set 2014

Inaugurado o curso de manualidades para maiores en Buño

Mañá venres comezará a actividade tamén no Centro Cívico de Malpica
540-f-foto

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica inaugurou onte o primeiro dos dous obradoiros de manualidades que se impartirán este ano no municipio. As primeiras en empezar o curso foron as 16 alumnas de Buño, que terán coma monitora, un ano máis, a Chelo García. No seu primeiro día de actividade recibiron a visita da concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e do primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández Mirás. As clases serán todos os mércores e venres, de 15.45 a 17.45 horas, na Casa do Oleiro.

 

Mañá tamén comezará o curso en Malpica, onde as sesións formativas celebraranse os martes e venres de 16.00 a 18.00 horas, e neste caso serán impartidas por Lucía Villanueva.

 

Dentro da programación da Concellería de Servizos Sociais, o día 16 tamén comezará un taller de xardinería para persoas con diversidade funcional. As clases, a cargo da asociación Íntegro, serán todos os martes e xoves de 11.00 a 13.00 horas. As clases teóricas celebraranse na Casa do Oleiro e o traballo práctico desenvolverase na área axardinada da praza Luciano García Alén.

 

8Set 2014

O Concello de Malpica regula a concesión de espazos no Centro Cívico

As entidades poden presentar as súas solicitudes ata o día 10
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños decidiu regular a concesión de espazos no Centro Cívico para evitar os problemas que poidan xurdir á hora de que as entidades que os utilizan organicen as súas actividades, segundo informou a concelleira de Educación e Cultura, Noelia Freijeiro. Para contribuír a unha mellor planificación abriuse un prazo de solicitude, do cal xa se informou por carta ás entidades, e que rematará o mércores 10 de setembro.  

 

A solicitude de espazos no Centro Cívico debe realizarse no rexistro xeral do Concello de Malpica mediante o formulario establecido a tal efecto, e no cal debe indicarse a actividade para a cal se fai a solicitude e as características técnicas que se precisan (metros cadrados, equipamento da sala, etc?). As solicitudes resolveranse nun prazo máximo de 5 días. No caso de que dúas ou máis entidades pidan os mesmos espazos en horarios coincidentes, a Concellería de Educación e Cultura convocará aos interesados co obxecto de estudar coas partes as posibles solucións. No caso de non acadarse un acordo, a Alcaldía, a proposta da Concellería de Educación e Cultura, resolverá como estime máis convinte para garantir o dereito das entidades solicitantes ao uso dos espazos do Centro Cívico e promover un clima de convivencia, tolerancia, cooperación e boa veciñanza entre as diferentes entidades do Centro Cívico.

 

A concesión de espazos deberá respectar a programación xeral de actividades do Centro Cívico e as programacións dos departamentos de Educación e Cultura e Servizos Sociais (Mostra de Teatro, Nadal, Antroido, Nos Tempos das Letras, Malpica Verán, Aula de Lecer, actividades de maiores, etc.). 

 

6Set 2014

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica pon en marcha as actividades para maiores e persoas con diversidade funcional

Mañá domingo comezará unha nova tempada de baile social, e a partir do día 10 desenvolveranse diversos obradoiros
540-f-foto

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica comeza un novo curso repleto de actividades para os maiores e para as persoas con diversidade funcional. Os primeiros teñen mañá domingo a súa primeira cita, xa que volve o baile social ao Centro Cívico. Todas as semanas, de 20.00 a 23.00 horas, haberá sesión de baile con música variada e actuacións en directo.

 

A vindeira semana retomaranse tamén os obradoiros promovidos dende a Concellería de Servizos Sociais. Segundo informou a súa titular, Marisol Blanco Gorín, os cursos de manualidades para maiores serán inaugurados o día 10, ás 17.00 horas, na Casa do Oleiro de Buño, e o 12, á mesma hora, no Centro Cívico de Malpica. As clases en Buño serán os mércores e venres, de 15.45 a 17.45, e en Malpica, os martes e venres, de 16.00 a 18.00 horas.

 

As persoas con diversidade funcional poderán participar a partir do día 16 nun taller de xardinería que impartirá a asociación Íntegro todos os martes e xoves de 11.00 a 13.00 horas. As clases teóricas celebraranse na Casa do Oleiro e o traballo práctico desenvolverase na área axardinada da praza Luciano García Alén.

 

29Ago 2014

Preto de 80 nenos participaron no Torneo de fútbol praia e fútbol sala infantil organizado polo Concello

Todos os participantes recibiron hoxe as súas medallas despois da disputa das finais na praia de Area Maior
540-f-foto

Os nenos que participaron no Torneo de fútbol praia e fútbol sala infantil organizado polo Concello de Malpica ao longo do mes de agosto despediron a competición nunha das xornadas máis calorosas do verán. Hoxe pola mañá disputáronse as finais e procedeuse á entrega de medallas a todos os participantes. O torneo reuniu a 78 nenos de seis a quince anos de idades, que se dividiron en varios equipos identificados coas cores das camisetas que lles entregou a Concellería de Deportes. O seu titular, Manuel Torrado, subliñou a importancia deste tipo de actividades para fomentar o espírito deportivo e a convivencia entre rapaces de diferentes idades. Ademais de Torrado, na entrega de medallas participaron o alcalde, Eduardo Parga, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández.

 

A xornada deportiva congregou a numeroso público na praia de Area Maior, escenario da actividade xunto co pavillón municipal, no que xogaron os rapaces os días de choiva ou cando as mareas non permitiron facelo na praia. Os resultados das finais de hoxe foron os seguintes:

 

Na Supercopa, o equipo Branco foi campión da pequeliga e o Mariño, subcampión da Pequeliga, mentres que o Vermello e o Azulón quedaron primeiro e segundo, respectivamente, da Superliga.

 

Nas finais da UEFA, o primeiro e o segundo postos da Pequeliga foron para os equipos Laranxa e Lima, e os da Superliga, para o Turquesa e o Lima.

 

Finalmente, no torneo Champions o equipo Turquesa foi primeiro e o Vermello quedou segundo na Pequeliga, mentres que na Superliga o campión foi o Mariño e o subcampión, o Branco.

 

21Ago 2014

Educación abordará o vindeiro curso melloras infraestruturais no IES Urbano Lugrís e nas Escolas Vellas de Buño

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, reuniuse hoxe co xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, reuniuse hoxe na Coruña co xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana Leiro, para transmitirlle as necesidades infraestruturais dos diferentes centros de ensino do municipio.

 

O xefe territorial comprometeuse a abordar durante o vindeiro curso escolar 2014-2015 a dotación dun novo portal para o peche perimetral do IES Urbano Lugrís. Así mesmo, a Consellería de Educación continuará cos traballos de rehabilitación das Escolas Vellas de Buño, de maneira que no próximo curso acometeranse a impermeabilización e o pintado exterior.

 

O alcalde de Malpica expresou o compromiso do goberno municipal coa educación, e nese sentido amosou a súa satisfacción pola boa acollida que tiveron as súas demandas por parte de Indalecio Cabana. Na reunión de hoxe, os representantes das dúas Administracións públicas fixeron un repaso dos investimentos realizados pola Consellería de Educación nos centros de ensino do municipio ao longo da actual lexislatura, que están cuantificados en máis de 100.000 euros. 

19Ago 2014

Comezan as obras da senda peonil de Buño á Casa do Oleiro

O alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, asistiron hoxe á firma da acta de replanteo
540-f-foto

Dentro de súa política de mellora da seguridade viaria, o Concello de Malpica de Bergantiños vén de poñer en marcha unha nova actuación que facilitará a comunicación do núcleo urbano de Buño coa Casa do Oleiro e, no futuro, co novo centro de saúde.

 

O alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, asistiron hoxe, xunto con técnicos municipais e representantes da empresa construtora, á firma da acta de replanteo das obras da senda peonil de Buño á Casa do Oleiro. A obra, incluída no Fondo de Compensación Ambiental da Xunta, ten un orzamento de 31.675,68 euros e un prazo de execución de tres meses.

 

A nova senda peonil, cunha lonxitude aproximada de 230 metros liñais, contribuirá de forma decisiva a mellorar a comunicación entre o núcleo urbano e os edificios administrativos da Casa do Oleiro, onde se ubican o consultorio médico e correos, entre outros servizos administrativos, e o Centro Comarcal, para o cal o goberno municipal de Malpica está preparando un plan de usos.