Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 17°
13°
Venres 16°
13°
Sábado 16°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

18Nov 2014

Unha nova senda peonil dende Seaia ata Beo mellora a seguridade na estrada de Malpica a Ponteceso

A obra, xestionada polo alcalde na Deputación da Coruña, inclúe tamén a canalización das augas pluviais nun tramo de 240 metros
540-f-foto

Os veciños e veciñas de Seaia e Beo poderán camiñar con moita máis seguridade pola estrada de Malpica a Ponteceso en canto rematen as obras de construción da senda peonil que unirá ámbolos núcleos. A actuación é posible grazas ás xestións realizadas polo alcalde, Eduardo Parga Veiga, na Deputación da Coruña, titular da vía.

 

O proxecto non só mellorará a seguridade viaria, senón que ademais solucionará o problema de inundacións que existía nese tramo mediante a canalización das augas pluviais ao longo duns 240 metros e a construción dunha cuneta de 65 centímetros de ancho. A senda facilitará substancialmente a mobilidade dos peóns, xa que terá dous metros de ancho e un bordillo exterior.

 

As obras, que xa están moi avanzadas, son executadas pola empresa Excavaciones Cernadas Valiña SL.

 

16Nov 2014

Peter Schneider inaugura en Malpica a súa primeira exposición íntegra de fotografías a cor

A mostra, organizada pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello, poderá visitarse ata o 8 de decembro no Centro Cívico
540-f-foto

Peter Schneider presentou hoxe en Malpica a súa primeira exposición composta íntegramente por fotografías a cor.  O alcalde, Eduardo Parga, agradeceulle que elixise a vila non só para dar a coñecer o seu novo traballo, senón tamén como motivo de inspiración, xa que as fotografías foron tomadas en terras malpicás. “O traballo _explicou o artista_ fíxeno nos últimos tres anos, en pequeñas escapadas, porque a miña muller é de aquí ao lado, de Santirso. Son pequenas impresións da costa, sigo moi namorado desta paisaxe”.

 

Peter Schneider tamén expresou o seu agradecemento tanto ao Concello de Malpica coma á Asociación Cultural Caldeirón, promotores da mostra, que poderá verse ata o 8 de decembro no Centro Cívico. Despois dunha primeira experiencia con fotografías en branco e negro e a cor da Muralla de Lugo, Peter Schneider mergúllase por completo no mundo da cor con esta colección titulada “Ao carón do mar”, que, segundo explicou, “para min representa un vínculo moi persoal, moi emocional, con esta zona”.

 

O secretario de Caldeirón, Paco Souto, lembrou o inicio da relación entre Peter Schneider e a asociación, “naquela primeira actividade de Caldeirón, que fora unha cousa surrealista, e na que todos, nenos e maiores, acabamos embadurnando de pintura o coche de Peter Schneider. Dende aquela segue en contacto con Caldeirón”, sinalou.

 

O acto de hoxe reuniu no Centro Cívico a un nutrido grupo de veciños e veciñas de Malpica.

15Nov 2014

Recoñecemento do Concello de Malpica a Daniel Gorín, campión galego de autocross na categoría de -1.600

O alcalde fíxolle entrega dunha placa conmemorativa
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños expresou o seu recoñecemento a Daniel Gorín Lema tras proclamarse campión galego de autocross na categoría de -1.600 cc. O piloto de Leiloio foi recibido o sábado 15 na casa consistorial polo alcalde, Eduardo Parga; o tenente de alcalde, Miguel Fernández, e os concelleiros de Deportes, Cultura e Turismo, Manuel Torrado, Noelia Freijeiro e Alfredo Cañizo, respectivamente. O alcalde fíxolle chegar os parabéns da corporación e desexoulle novos éxitos no futuro antes de facerlle entrega dunha placa conmemorativa. O piloto agradeceu o xesto do Concello de Malpica.

 

14Nov 2014

Peter Scheneider regresa a Malpica cunha exposición fotográfica

“Ao carón do mar” é o título da mostra que se inaugurará o domingo 16 de novembro
540-f-foto

Unha nova colaboración entre a Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica fará posible o regreso do fotógrafo Peter Scheneider a unha vila coa que mantén estreitos vínculos. A súa exposición “Ao carón mar” será inaugurada o domingo 16 de novembro, ás 12.30 horas, no Centro Cívico. No acto participarán o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e representantes da AC Caldeirón. A mostra estará aberta ata o 8 de decembro.

 

9Nov 2014

“O episodio”, unha obra escrita a catro mans, é a gañadora do IX Certame de Poesía Erótica de Malpica

Os autores do poemario son Alberte Momán, galardoado xa na segunda edición, e Verónica Martínez Delgado, que acadou un accésit no 2013

540-f-foto

Alberte Momán e Verónica Martínez Delgado son os gañadores do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas de Malpica polo poemario “O episodio”. O xurado deu a coñecer o fallo na Cea das Letras celebrada onte no restaurante A Cunca, de Buño, na que tamén se presentaron as obras premiadas na pasada edición, xa publicadas. Curiosamente, unha delas é “Ode à Madison Ivy e outras cousas de meter”, pola que Verónica Martínez obtivo un accésit no 2013. Pero as casualidades non rematan aí, xa que o coautor de “O episodio” foi o gañador da segunda edición do premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica. Nesta ocasión Alberte Momán e Verónica Martínez escribiron a catro mans a obra seleccionada polo xurado entre as 24 presentadas, unha proposta literaria “arriscada”, segundo os privilexiados membros do xurado. O resto do público terá que esperar para opinar a que vexa a luz dentro dun ano.

A concelleira de Cultura de Malpica, Noelia Freijeiro, e o secretario da Asociación Cultural Caldeirón, Paco Souto, foron os encargados de dar a benvida aos convidados, unha trintena, e de entregar o premio á parella gañadora, que ademais da contía en metálico foi agasallada con dúas pezas tradicionais de olería.

Outro dos protagonistas da noite foi o arousán Ramón Neto, gañador do VIII Certame de Poesía Erótica polo poemario “Dominio público”, ilustrado por Peter Kramer, que tamén acudiu á Cea das Letras. Ramón Neto viaxou a Malpica dende Bruxelas, onde reside dende hai 16 anos e onde forma parte do colectivo Couto Mixto, que se dedica á difusión da cultura galega na capital europea.

Obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas.

1.      “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro

2.      “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán

3.      “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira

4.     “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez

5.      “Amantes”, María Lado

6.     “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro

7.     “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde

8.      “Dominio público”, Ramón Neto

9.      “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán

6Nov 2014

A Deputación da Coruña mellora a circulación na zona de Beo a petición do goberno municipal

Na estrada de Ponteceso, á altura da Ponte Berrón, o organismo provincial pavimentou un tramo de preto dun quilómetro e instalou quitamedos
540-f-foto

O concelleiro de Obras de Malpica, Miguel Fernández, supervisou hoxe as obras que está levando a cabo a Deputación da Coruña, a petición do goberno municipal, na estrada de Malpica a Ponteceso. O organismo provincial actúa en dous tramos coa fin de mellorar a seguridade para o tráfico. Na zona de Ponte Berrón acondicionouse xa a estrada nun tramo dun quilómetro, aproximadamente, que foi pavimentado con aglomerado en quente. Además instaláronse arredor de 50 metros de quitamedos nunha curva perigosa.

 

Os operarios están a traballar agora no tramo da vía ao seu paso polo núcleo de Beo, onde existían problemas coa auga. Para evitalos, dende a Concellería de Obras solicitouse á Deputación a limpeza das tuberías e a instalación de dous novos pozos, co cal quedarán solucionados. O concelleiro Miguel Fernández agradeceu a rápida resposta do organismo que preside Diego Calvo.

 

5Nov 2014

A Cea das Letras será o marco no que se fará público o fallo do xurado do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

O premio, organizado pola Asociación Cultural Caldeirón en colaboración co Concello de Malpica, bateu o seu propio récord con 24 participantes
540-f-foto

Este sábado celébrase a Cea das Letras, unha xuntanza xa clásica na que se dará a coñecer o fallo do xurado do IX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola Asociación Cultural Caldeirón en colaboración co Concello de Malpica de Bergantiños, e que este ano bateu o seu propio récord cun total de 24 obras. A cea terá lugar no restaurante A Cunca, de Buño, a partir das 22.00 horas. Os asistentes recibirán como agasallo os libros “Dominio público”, de Ramón Nieto, gañador da edición anterior, e “Ode a Madison Ivy”, de Verónica Martínez, que recibiu unha mención tamén no 2013.

 

O xurado desta novena edición (na imaxe) estivo formado por Paco Souto, en representación da Asociación Cultural Caldeirón; Antón Noceda, polo Concello de Malpica, e Ramón Nieto, gañador do premio do 2013, que se desprazou dende Bruxelas, onde reside, para participar na xuntanza.

 

Presentación no Centro Cívico

Pero a xornada literaria do 8 de novembro non se limitará á Cea das Letras. Para as 20.00 horas está previsto no Centro Cïvico un acto de presentación dos libros “Argola”, de Marta da Costa; “Cabana de Balieiros”, de Tokio, e “Transfusión Oceánica”, de Xosé Iglesias.

 

4Nov 2014

O presidente de Portos e o director de Augas de Galicia supervisan as obras previas á construcción da EDAR de Malpica

Acompañados polo alcalde e o concelleiro de Obras visitaron as novas casetas dos mariñeiros, xa rematadas e entregadas a Portos
540-f-foto

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e o director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, visitaron hoxe as novas casetas dos mariñeiros de Malpica, rematadas e recibidas xa por Portos. No percorrido polas instalacións estiveron acompañados polo alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Miguel Fernández. A edificación das novas casetas supón un paso imprescindible de cara á construcción da estación depuradora de augas residuais (EDAR) na zona do Monte da Plancha, onde está situados os actuais departamentos para usuarios, que serán demolidos.

 

O novo edificio acollerá as 13 casetas que hai que derrubar. Todas terán subministro de auga, electricidade e conexión ao saneamento, e algúns dos departamentos destinaranse ao oficinas e ao Club Náutico.

 

A EDAR, segundo indicaron hoxe os representantes da Xunta, estará lista a finais do ano que vén. A empresa construtora xa está a traballar na estabilización dos taludes do Monte da Plancha. Segundo indicou o alcalde, Eduardo Parga, a finalidade das obras é asegurar a ladeira na zona na que irá ubicada a EDAR.

 

A construción da EDAR, unha importante infraestrutura que solucionará de xeito definitivo os problemas de saneamento da vila, está financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta e o Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), que achega o 80% dos 5,4 millóns de euros consignados para a obra. A depuradora de Malpica empregará un tratamento biolóxico, en concreto, unha tecnoloxía de biofiltros no seu proceso de depuración. Esta avanzada tecnoloxía permite reducir ao mínimo o espazo que ocupará a planta. Este aspecto, xunto co feito de que a EDAR emprazarase nun edificio de formigón, pedra e madeira, facilitará a súa integración no entorno portuario, reducindo significativamente o seu impacto visual. A EDAR situarase no extremo sur do peirao. A localización foi consensuada entre a Consellería de Medio Ambiente, Portos de Galicia e o Concello de Malpica tras o estudio de distintas alternativas.

 

A estación depuradora de Malpica de Bergantiños dará servizo a máis de 7.000 habitantes. 

 

3Nov 2014

O Concello de Malpica pon en marcha cursos de xardinería e cociña saudable para persoas maiores ou con diversidade funcional

Nas actividades, que se desenvolverán nos meses de novembro e decembro, participarán en total máis de vinte persoas
540-f-foto

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica, que dirixe Marisol Blanco Gorín, porá en marcha este mes novas iniciativas formativas para persoas con diversidade funcional e da terceira idade.

 

Despois da excelente acollida que tivo o obradoiro de pequenos arranxos de xardinería, que permitiu acondicionar o xardín da praza do Cruceiro de Buño (na imaxe), o Concello de Malpica decide darlle continuidade a esta actividade. Deste xeito, e grazas a unha subvención da Deputación da Coruña, o día 11 comezará un novo taller de xardinería para persoas con diversidade funcional, no que repiten moitos dos que participaron no anterior. A acción formativa, que correrá a cargo da Asociación Íntegro, desenvolverase os martes, mércores e xoves, de 11.00 a 13.00 horas. Nesta ocasión, os alumnos e alumnas farán as prácticas nas zonas axardinadas do Centro Cívico e do centro médico de Malpica.

 

Este mes tamén comezarán dous cursos de cociña saudable, un deles dirixido a maiores e o outro, a persoas con diversidade funcional. Os dous serán impartidos tamén por Íntegro. O primeiro celebrarase todos os xoves, de 17.00 a 19.00 horas, dende o 13 deste mes ata o 18 de decembro. O segundo será os martes, no mesmo horario, dende o 11 deste mes ata o 16 de decembro. As clases impartiranse no Centro Cívico, onde se utilizarán as instalacións da cafetería para preparar e degustar a comida.

 

Para facilitar o desenvolvemento dos cursos e que os asistentes saquen o maior aproveitamento posible está previsto formar grupos reducidos, pero en total participarán máis de vinte persoas.

 

1Nov 2014

Dez espectáculos encherán Malpica de títeres, circo, cabaré, monólogos e maxia no décimo aniversario da Mostra de Teatro

O ciclo estenderase dende o 7 de novembro ata o 20 de decembro
540-f-foto

A Mostra de Teatro de Malpica cumpre dez anos, e a Concellería de Cultura, que dirixe Noelia Freijeiro, quere celebrar este aniversario cunha oferta á altura das circunstancias. Na programación colaboran a Deputación da Coruña, a Asociación Cultural Caldeirón e a Asociación Teatral Os Amigos de Malpica. Este ano pasarán polo escenario do Centro Cívico dez espectáculos nos que haberá títeres, circo, cabaré, monólogos, maxia e moita comedia. O obxectivo é achegar as artes escénicas máis variadas a todo o púbico, dende os máis pequenos ata os maiores, e no cartel que hoxe se presenta haberá propostas feitas á medida de todos.

 

A X Mostra de Teatro arrincará o 7 de novembro coa divertida proposta de Producións Teatrais Excéntricas ?Da Vinci tiña razón?, especialmente dirixida a maiores de 13 anos. Todas as funcións serán ás 20.30 horas agás o espectáculo escolar previsto para o 12 de decembro, que comezará ás 11.30.

 

O cartel da X Mostra de Teatro de Malpica é o seguinte:

 

Venres 7 de novembro, ás 20.30 h.
Da Vinci tiña razón. Producións Teatrais Excéntricas
Duración: 100 minutos
Xénero: comedia
Público preferente:  a partir de 13 anos

Venres 14 de novembro, ás 20.30 h.
Gala de Circo. Culturactiva
Duración: 100 minutos
Xénero: novo circo, clown, malabares e acrobacias aéreas
Público preferente:  todos os públicos

 

Venres 21 de novembro, ás 20.30 h.
Os anos 80 vistos polo Mago Teto. Mago Teto
Duración: 100 minutos
Xénero: maxia
Público preferente:  todos os públicos

Venres 28 de novembro, ás 20.30 h.
Misión sapiens (Operación Comedia). Malasombra producións
Duración: 75 minutos
Xénero: monólogos cómicos
Público preferente:  a partir de 13 anos

Venres 5 de nadal, ás 20.30 h.
A súa vida. Rabadiero promocións
Duración: 45 minutos
Xénero: títeres de luva, contacontos, etc.
Público preferente:  nenos/as de 3 a 12 anos

Venres 12 de nadal, ás 11.30 h.
A modernidade chega á vila.  Fanfarra Títeres (A. Galega Fanfarra de Soños). (Función Escolar).
Duración: 50 minutos
Xénero: títeres e sombras chinesas
Público preferente:  a partir de 5 anos (primaria)

Venres 12 de nadal, ás 20.30 h.
Bailando cos contos. Baobab Teatro
Duración: 45 minutos
Xénero: infantil
Público preferente:  familiar a partir de 4 anos

Sábado 13 de nadal, ás 20.00 h.
Cipriano de Bequelar (Historia de amor e morte). Grupo de Teatro Carrachanacacha (A.C. O Aturuxo de Melpómene)
Duración: 75 minutos
Xénero: Comedia surrealista agro punk
Público preferente:  a partir de 13 anos

Venres 19, ás 20.30 h.
Fóra de lugar. Grupo de Teatro Teruca Bouza (Sociedade de Amigos da Paisaxe).
Duración: 70 minutos
Xénero: Comedia
Público preferente:  a partir de 12 anos

Sábado 20, ás 20.00 h.
Cabaré Manicómico. Creacións manicómicas. (Asociación Cultural Manicómicos).
Duración: 80 minutos
Xénero: cabaré (novo circo, mimo, clown, teatro xestual …)
Público preferente:  a partir de 13 anos