Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 17°
13°
Venres 16°
13°
Sábado 16°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

13Dec 2014

O día 27 celebrarase o IV Festival de Corais de Nadal

As agrupacións Virxe da Barca e San Valentín serán as convidadas
540-f-foto

Por cuarto ano consecutivo, a Coral de Malpica e o Concello organizan o Festival de Corais de Nadal, unha cita que ofrece unha mostra de música vocal de calidade ao tempo que lembra as cancións tradicionais desta época do ano.

O certame está programado para o 27 de decembro, ás 20 horas, no auditorio do Centro Cívico. Ademais da Coral de Malpica, que exercerá como anfitrioa, actuarán a asociación Virxe da Barca de Muxía e a polifónica San Valentín.

9Dec 2014

Matriculados 23 veciños e veciñas do municipio de Malpica nos cursos de graduado en ESO iniciados hoxe

Os primeiros en incorporarse ás clases foron os 11 alumnos de Buño e o xoves farano outros 12 na capital municipal
540-f-foto

Hoxe comezaron as clases para o primeiro dos dous grupos de veciños e veciñas matriculados no curso de graduado en ESO organizado polo Concello de Malpica de Bergantiños e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña. Ás 10 da mañá incorporáronse á aula da Casa do Oleiro os 11 integrantes do grupo de Buño, que foron recibidos polas súas maestras, pola concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e polo alcalde, Eduardo Parga Veiga. Tamén asistiu o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, xa que esta entidade é a encargada da formación.

 

O alcalde animou aos participantes a aplicarse para conseguir unha titulación imprescindible para continuar a súa formación, para incorporarse ao mundo laboral ou para mellorar profesionalmente.

 

O xoves, ás 10 horas, empezarán as clases os 12 matriculados para o grupo de Malpica. Durante decembro e xaneiro haberá dúas horas de clase semanais, e a partir de febrero serán catro horas, tanto en Buño coma en Malpica. No caso de que a algún alumno lle quede algún módulo pendente para setembro, ao longo do mes de agosto haberá clases de reforzo.

 

8Dec 2014

O Concello de Malpica adapta o parque infantil á normativa

As obras, que avanzan máis lento do previsto debido á choiva, teñen un orzamento de case 100.000 euros
540-f-foto

Aínda que van un pouco máis lentas do previsto por culpa da choiva, as obras de reforma e adaptación do parque infantil de Malpica, situado na rúa Patria Galega, seguen avanzando e prevese que estean rematadas no prazo establecido, segundo indicou o concelleiro de Obras, Miguel Fernández. O proxecto está incluído no POS 2014 e ten un orzamento de 99.792,78 euros.

 

As obras consistirán na reforma do parque para adaptalo á normativa actual sobre parques infantís, a eliminación de elementos construtivos que poden supoñer certo risco para os usuarios (bordillos, gradas, bancos de fábrica?), a reposición de pavimentos, a substitución da fonte, a reforma dos aseos e a organización das zonas de xogos por idades. Neste sentido, os que poidan ser reutilizados serán restaurados e no resto dos casos colocaranse xogos novos. Ademais, o parque será dotado de mobiliario novo.

 

7Dec 2014

Rematou en Malpica o obradoiro de xardinería para persoas con diversidade funcional

Os participantes realizaron as prácticas nas zonas verdes do Centro Cívico e do centro médico
540-f-foto

Esta semana rematou o segundo obradoiro de xardinería para persoas con diversidade funcional promovido pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica. O acto de clausura celebrarase o día 18, coincidindo co remate doutras dúas iniciativas organizadas polo departamento que dirixe Marisol Blanco Gorín, os cursos de cociña para persoas maiores e para persoas con diversidade funcional.

 

O taller de xardinería foi subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña e impartido pola Asociación Íntegro. A formación desenvolveuse ao longo de dous meses, tres días á semana, o que permitiu aos participantes acondicionar as zonas axardinadas do Centro Cívico e do centro médico de Malpica.

 

6Dec 2014

A última entrega do ano do banco de alimentos de Malpica incluíu produtos de Nadal e xoguetes

Este mes foron 21 as familias que solicitaron axudas de emerxencia social
540-f-foto

O banco de alimentos do Concello de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia realizou esta semana a última achega do ano. Ao tratarse do mes de Nadal, as familias usuarias tamén levaron produtos típicos destas datas e xoguetes para os cativos menores de 10 anos.

 

O banco de alimentos de Malpica remata o ano con 21 usuari@s debido á incorporación, este mes, dunha familia monoparental cun bebé de dous meses que tamén recorreu ás axudas de emerxencia social que facilitan o Concello de a Fundación Amigos de Galicia.

 

O alcalde, Eduardo Parga; o tenente de alcalde, Miguel Fernández, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, acudiron, como todos os meses, á entrega dos alimentos non perecedoiros que constitúen a maior parte das achegas. Este mes tamén houbo produtos frescos: clementinas, allos, polos, carne para guisar, hamburguesas? e produtos de limpeza para o fogar.

 

Ao longo do ano 2014 as achegas realizadas polo banco de alimentos superaron os 9.000 quilos.

 

5Dec 2014

O Concello de Malpica de Bergantiños pon en marcha un curso de graduado en ESO para adultos

As clases empezarán o día 9 en Buño e o 11 en Malpica
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños porá en marcha a semana que vén un curso de graduado en ESO para adultos. O día 9 comezarán as clases en Buño e o 11 en Malpica, en ámbolos casos ás 10 da mañá. Polo momento hai 9 persoas inscritas en Buño e 6 en Malpica, pero os interesad@s aínda están a tempo de matricularse.

 

Os grupos serán reducidos, de non máis de 10-12 persoas, e o curso desenvolverase ata o mes de maio. Durante decembro e xaneiro haberá dúas horas de clase semanais, e a partir de febrero serán catro horas, tanto en Buño coma en Malpica. No caso de que a algún alumno lle quede algún módulo pendente para setembro, ao longo do mes de agosto haberá clases de reforzo.

 

27Nov 2014

Clausurado o programa de Envellecemento Activo, no que participaron case 50 veciños do municipio

O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais expresaron a vontade do goberno municipal de darlle continuidade á iniciativa o vindeiro ano
540-f-foto

Cunha merenda saudable elaborada polos alumnos e alumnas de cociña do Centro de Recursos Íntegro rematou onte xoves a festa de clausura do programa de Envellecemento Activo organizado pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica, coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, e no que participaron case 50 veciños do municipio repartidos entre Malpica e Buño.

 

A celebración comezou con xogos e un animado baile no salón de actos do Centro Cïvico de Malpica. Xa o remate da xornada procedeuse á entrega de diplomas, un acto no que participaron o alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín; o tenente de alcalde, Miguel Fernández, e Adolfo López Baña en representación da empresa de economía social + Porvir, que foi a encargada de desenvolver nesta ocasión o programa de actividades.

 

Tanto as autoridades locais coma os usuarios e usuarias do programa expresaron a súa satisfacción polo traballo realizado polo persoal de + Porvir. Adolfo López Baña agradeceu a boa acollida do proxecto polos participantes e a confianza do Concello de Malpica ao outorgar á nova empresa o desenvolvemento da iniciativa. O alcalde, pola súa banda, desexou que os contidos teñan sido de utilidade e do agrado dos veciños e veciñas, e tanto el como a concelleira de Servizos Sociais manifestaron a súa intención de darlle continuidade á experiencia o vindeiro ano.

 

Nos talleres de Envellecemento Activo, que se celebraron en Malpica e Buño, participaron un total de 48 persoas. A iniciativa ofreceu aos maiores unha serie de ferramentas que lles axudarán a mellorar a súa calidade de vida. Monitores e participantes traballaron durante máis dun mes nos ámbitos da saúde, a participación na sociedade, a seguridade e a formación continua, catro grandes bloques que abrangueron propostas coma alimentación saudable, mantemento físico, club de lectura, festas, teatro, cine, visitas a balnearios, prevención de riscos no fogar ou busca de afeccións.

 

25Nov 2014

O banco de alimentos do Concello de Malpica e a Fundación Amigos de Galicia repartiu este ano máis de 9.000 quilos

As achegas mensuais de comida benefician a vinte familias do municipio
540-f-foto

Segundo o balance que vén de entregar a Fundación Amigos de Galicia ao Concello de Malpica de Bergantiños, no que vai de ano repartíronse no municipio 9.265 quilos de comida a través do banco de alimentos, un servizo que todos os meses contribúe ao sustento de vinte familias. O custo dos produtos sitúase en 22.154,12 euros, dos cales, segundo o convenio asinado entre ámbalas partes, o Concello de Malpica achega un total de 3.500 euros.

 

O banco de alimentos provee ás familias de alimentos non perecedoiros, fundamentalmente, aínda que todos os meses se inclúen nos lotes produtos frescos de tempada, sobre todo froita e verdura. Pero o convenio entre a Fundación Amigos de Galicia e o Concello de Malpica de Bergantiños tamén atende outras necesidades. De feito, ao longo do ano foi posible dotar dun mobiliario básico a vivenda dunha familia monoparental cuxos membros tiñan que comer de pé por carecer de mesa e cadeiras. Grazas á colaboración entre as dúas entidades a casa non só foi acondicionada, senón que xa conta cun equipamento digno.

 

Tanto o alcalde, Eduardo Parga Veiga, coma a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, valoraron moi positivamente o convenio coa Fundación Amigos de Galicia e cualificaron coma unha prioridade para o goberno municipal a atención ás familias do municipio con máis necesidades.

 

24Nov 2014

O Concello de Malpica convoca o Concurso de Debuxo e Pintura de Nadal para os escolares de infantil e primaria

O prazo de entrega dos traballos estará aberto ata o 1 de decembro
540-f-foto

A Concellería de Cultura de Malpica, que dirixe Noelia Freijeiro, vén de convocar o Concurso de Debuxo e Pintura de Nadal, un certame xa clásico no que poden participar todos os escolares de infantil e primaria do municipio. Os nenos e nenas poderán utilizar calquera técnica de pintura e/ou debuxo: lápices, ceras, acuarela, collage, etc…

 

Os traballos poden entregarse ata o 1 de decembro no departamento de Educación e Cultura do Concello de Malpica.

 

O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica e outro de cada un dos centros de ensino participantes. Como en edicións anteriores, haberá dous premios: o primeiro consistirá nun lote de libros e a publicación da obra como fondo do cartel das actividades de Nadal, e o segundo levará outro lote de libros e a publicación da pintura como do saúda de Nadal do Concello de Malpica, que se publicará cando menos en dous medios de comunicación escrita.

 

20Nov 2014

Os maiores de Malpica visitaron a Casa da Auga da Coruña

O programa de envellecemento activo, no que participan 50 veciños e veciñas, continuará o martes cunha charla sobre primeiros auxilios
540-f-foto

Os maiores de Malpica que participan no programa de Envellecemento Activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais participaron hoxe nunha relaxante e instructiva visita á Coruña. O autobús partiu da vila malpicá ás 10 horas e despois da parada de rigor en Buño trasladou aos 38 excursionistas, acompañados pola concelleira Marisol Blanco Gorín, ata a Casa da Auga coruñesa, onde gozaron durante dúas horas da ampla oferta termal das instalacións. A xornada continuou cun xantar, e pola tarde, despois dun paseo ata a Torre de Hércules, os maiores adentráronse na Domus.

 

Os participantes valoraron moi positivamente a experiencia, e mesmo quedaron con ganas de máis. Pero o programa de Envellecemento Activo, dirixido este ano pola empresa de economía social + Porvir, continúa con moitas outras actividades. Para o vindeiro martes está prevista unha sesión sobre primeiros auxilios a cargo de Protección Civil e o xoves celebrarase a festa de clausura con xogos populares, merenda e baile dende as 4 ata as 8 da tarde no Centro Cívico.

 

Nos talleres de Envellecemento Activo, que se celebran en Malpica e Buño, participan un total de 50 persoas. A iniciativa, subvencionada pola Deputación da Coruña, pretende ofrecer aos maiores unha serie de ferramentas que lles axuden a mellorar a súa calidade de vida. Monitores e participantes traballan dende hai un mes nos ámbitos da saúde, a participación na sociedade, a seguridade e a formación continua, catro grandes bloques que abranguen propostas coma alimentación saudable, mantemento físico, club de lectura, festas, teatro, cine, visitas a balnearios, prevención de riscos no fogar ou busca de afeccións.