Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 17°
14°
Xoves 17°
14°
Venres 16°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

22Xul 2016

O Concello de Malpica volve a contar cunha empresa de economía social para a prestación de servizos públicos

Asinado o contrato coa UTE Máis Porvir-Combina Social para a prestación do servizo de conserxería no CEIP Milladoiro e o pavillón de deportes

CONTRATO + PORVIR 2

Despois da sinatura do contrato, hoxe mesmo empezaron a traballar as dúas persoas con discapacidade física que se encargarán do servizo de conserxería no CEIP Milladoiro e no pavillón polideportivo de Malpica. Deste xeito, o goberno municipal volve a apostar -como xa fixo coa integración dun usuario de Aspaber no servizo de limpeza viaria- por unha empresa de economía social para a prestación de servizos públicos.

O alcalde, Eduardo Parga Veiga, asinou a primeira hora o contrato coa UTE Máis Porvir-Combina Social, as empresas creadas e xestionadas por Íntegro e Cogami, respectivamente, para a prestación de servizos e a xeración de recursos que permitan a ámbalas entidades seguir desenvolvendo o seu importante labor social. Máis Porvir e Combina Social estiveron representadas polos seus administradores, Adolfo López Baña e Álvaro García Bustelo. O alcalde destacou a importancia de que as Administracións públicas sexan as primeiras en dar exemplo para que a integración laboral das persoas con diversidade funcional poida producirse con normalidade tamén no ámbito privado.

O contrato terá unha vixencia dun ano, prorrogable por outro, e permitirá a inserción laboral de dúas persoas con discapacidade física. Haberá un terceiro traballador para substitucións.

 

22Xul 2016

Dúas das oito participantes no curso de Tapas e Aperitivos do PIMD Rural de Íntegro xa acadaron a inserción laboral

DIPLOMAS TAPAS E APERITIVOS 1

Seis das oito participantes no curso de Tapas e Aperitivos organizado polo Concello de Malpica e a Asociación Íntegro dentro do PIMD Rural recibiron hoxe os seus diplomas. As outras dúas non puideron completar o curso porque xa conseguiron traballo. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, que acudiu ao acto de clausura, expresou a satisfacción do goberno municipal pola inserción laboral das dúas usuarias da acción formativa, posto que, en definitiva, ese era o principal obxectivo.

No acto participou tamén o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, que una vez máis subliñou a importancia de que as Administración públicas se impliquen con este tipo de accións formativas, que no caso do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional van especialmente dirixidas ás mulleres con disCapacidade e que teñen como finalidade seguir avanzando cara a inclusión real. As alumnas demostraron o resultado da súa formación preparando e servindo tomates recheos e quiche de verduras. Os dous pratos estaban exquisitos.

A semana pasada rematou tamén o obradoiro de Informática, tamén dirixido a mulleres, que se levou a cabo na Casa do Oleiro de Buño. Con este tipo de iniciativas preténdese contribuír ao desenvolvemento das mulleres con disCapacidade na sociedade, dotándoas de coñecementos necesarios e útiles tanto para a súa vida diaria como para  a mellora do emprego e a plena inclusión.

19Xul 2016

O mago arxentino Carlos Adriano encheu de ilusión e  diversión o paseo marítimo de Malpica

carlos adriano 6

En Malpica o día do Carme foi máxico grazas Carlos Adriano, o mago arxentino que encheu de ilusión e diversión o paseo marítimo de Malpica na tarde, probablemente, máis calorosa do verán. O ciclo internacional Malpica Máxica continúa así a súa andaina polo verán. Despois do galego Mago Noel, o cubano Raúl Camawey e o arxentino Carlos Adriano, facemos unha pausa ata o 12 de agosto, no que regresará a maxia ao paseo cos galegos Dani e Rafa, que ofrecerán varios pases de 10 minutos de duración dende as 17.00 ata as 21.00 horas.

Pero as Noites na Vila non rematan, senón que a semana que vén deixarán paso ao Retablo de Fantoches Rafael Dieste, unha proposta da Concellería de Cultural que por terceiro ano lembrará a estrea de “La doncella guerrera” na vila o 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas.

A primeira representación será o 23 deste mes. Microminia Títeres ofrecerá no paseo marítimo “Vacacións no mar”, un espectáculo de títeres de luva e siluetas apto para todos os públicos. O 6 de agosto será a quenda de Títeres Cachirulo con luvas chinesas e variñas para dar vida a “Alicia no país das marabillas”. E, por último, o 13 de agosto chegará a Tropa de Trapo con “Zona de obras”, no que mesturan contos con música e obxectos de reciclaxe.

Todos os espectáculos serán ás 20.30 horas no paseo marítimo. No caso de choiva trasladaranse ao auditorio do Centro Cívico.

 

14Xul 2016

Aberto o prazo de inscrición para a 1ª Carreira Pedestre Concello de Malpica

Xa está aberto o prazo de inscrición para a 1ª Carreira Pedestre Concello de Malpica, que se celebrará o sábado 10 de setembro ás 18.30 horas. A organización corresponde á Concellería de Deportes, que dirixe Iago Espasandín, que deste xeito sigue ampliando a oferta deportiva do Concello de Malpica tanto en cantidade coma en calidade e variedade de disciplinas.

A Carreira Pedestre Concello de Malpica nace, de feito, coa intención de fomentar a actividade física como parte dun estilo de vida saudable. Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que o desexen. A inscrición pode realizarse a través da plataforma  www.championchipnorte.com. A cota é de 3 euros para os atletas que posúan chip e de 4 para os que precisen alugalo. No caso dos menores de idade requírese, ademais, autorización paterna. O prazo de inscrición rematará o 6 de setembro. As persoas interesadas poden solicitar máis información no Departamento de Deportes.

cartel I carreira pedestre concello de Malpica

Haberá 4 categorías: xuvenil (nados/as nos anos 1999 e 2000), sénior 10K (1977-1998), veteranos M40 (1967-1976) e veteranos M50 (anteriores a 1966). Todos os participantes, tanto masculinos coma femininos, terán que percorrer unha distancia de 8.650 metros nun tempo máximo de 1 hora e 30 minutos. A carreira sairá da praza Villar Amigo e continuará por Eduardo Vila Fano, Rúa do Porto, Dársena, Camiño do Río, Eduardo Vila Fano, Guardia Pardines, Paseo da Praia, Rúa Canido, Cancela de Areas, Seaia, Estrada á Praia de Seaia, Instituto Urbano Lugrís, Estrada de Santo Hadrián ata a capela, Camiño do Santo, Canido e chegada no Paseo da Praia. “Este traxecto permítenos combinar dureza, con varios cambios de superficie, e paisaxe, xa que as vistas durante o percorrido son espectaculares”, explicou Iago Espasandín.

Os controis de cronometraxe realizaranse mediante chip, cuxo uso será obrigatorio para todas as categorías, ao igual ca o de dorsais. As persoas inscritas poderán recollelos o mesmo día da carreira, de 10.00 a 13.00 e de 15.00 a 17.45 horas, no Centro Cívico de Malpica, que funcionará tamén como gardarroupa. Así mesmo, o Concello de Malpica porá a disposición dos participantes o pavillón polideportivo para que poidan cambiarse e ducharse.

Haberá trofeos para os tres primeiros/as en cada categoría e tamén para o primeiro e a primeira clasificados de Malpica.

13Xul 2016

Clausurado o curso de informática para mulleres impartido pola Asociación Íntegro en Buño dentro do PIMD Rural

O pasado 13 de xullo rematou o curso de informática para mulleres organizado pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica e impartido pola Asociación Íntegro dentro do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional (PIMD Rural). O alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín; o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a psicóloga da entidade, Begoña Rial, acompañaron ás alumnas nesta última xornada na aula de informática da Casa do Oleiro de Buño.

curso informática

Accións formativas coma esta están encamiñadas a fomentar a empregabilidade das mulleres, sobre todo das que teñen algún tipo de discapacidade, dotándoas de coñecementos útiles e necesarios para acadar a plena inclusión. A semana que vén chegará á súa fin o curso de tapas e aperitivos que se imparte todos os xoves no Centro Cívico de Malpica.

11Xul 2016

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro ‘Pintar na rúa’

Dende hoxe está aberto o prazo de inscrición para o obradoiro Pintar na Rúa, que se pon en marcha por terceiro verán consecutivo co dobre obxectivo de iniciar a nenos e mozos na expresión artística e de recuperar espazos degradados do Concello de Malpica.

3-CARTEL-PINTAR-NA-RÚA-20162

O taller desenvolverase do 1 ao 12 de agosto. Haberá dúas quendas: de 11.00 a 12.15 horas para os nenos e nenas de 6 a 10 anos, e de 12.30 a 13.45 para os de 11 a 14 anos. En cada grupo haberá 10 prazas, e o prezo da actividade é de 11 euros.

As inscricións poderán facerse ata o día 29 nas oficinas de Educación e Cultura, no Centro Cívico de Malpica, en horario de 09.00 a 13.00. As familias interesadas deben achegar ficha de inscrición correctamente cuberta, fotocopia do libro de familia, da cartilla da Seguridade Social e do DNI dos titores legais, 1 foto tamaño carné e número de conta bancaria.

Ver cartel.

8Xul 2016

Gloria Carril expón a súa obra de arenillas no Centro Cívico

GLORIA CARRIL

Aos seus 83 anos, Gloria Carril é a alumna de máis idade dos cursos de manualidades que organiza o Concello de Malpica. E tamén é unha das máis veteranas, porque leva unha década asistindo ás clases de Lucía Villanueva no Centro Cívico. Gloria, “a do Bar da Checa” -punto de parada obrigada de calquera ruta lugrisiana, xa que alí era onde xantaba o pintor-, ten unhas cualidades innatas para as manualidades. Non se lle resiste nada: bordado, pintura, ganchillo… Pero desde que descubriu a técnica das “arenillas” xa non quixo facer outra cousa. Dedicoulle todo este curso con tantas ganas que o seu traballo daría para facer varias exposicións. Agora mesmo pode verse unha. As súas obras de arenillas están dispoñibles para todas as persoas interesadas no espazo expositivo do Centro Cívico. E alí permanecerán durante xullo e agosto. Podedes visitalas de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres.

2Xul 2016

Os usuarios da praia de Canido dispoñen este verán de mellores accesos e máis aparcamento

Os usuarios da praia de Canido dispoñen este verán de máis e mellores servizos. Grazas ao investimento realizado polo Concello de Malpica dentro do POS 2015, o acceso ao areal a través da rúa Canido puido ser pavimentado e pintado. Ao mesmo tempo, o goberno municipal incluíu na actuación o acondicionamento do espazo de aparcamento existente a pé de praia, que ademais de pavimentado e pintado, está perfectamente iluminado, como comprobaron o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Servizos e Seguridade, Miguel Fernández, nun percorrido pola zona.

 

aparcamento

O investimento acadou os 64.614 euros. A obra non só mellora os accesos á praia de Canido, senón tamén ás numerosas vivendas e ao hotel situados nesa rúa.

30Xuñ 2016

Campaña de doazón de sangue en Malpica e Buño

O Centro de Transfusión de Galicia, en colaboración co Concello de Malpica, levará a cabo unha campaña especial de doazón de sangue en Malpica e Buño. Unha unidade móbil desprazarase o luns 4 á capital municipal. O vehículo estará a disposición das persoas que queiran sumarse a este acto solidario diante do Centro Cívico, en horario de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 21.00. O martes 5 a unidade móbil estará diante do Teleclub de Buño dende as 16.30 ata as 21.0 horas.

MALPICA-cartelsangue

Coñece máis sobre a doazón de sangue:

  • Poden doar todas as persoas cunha saúde normal, con idade entre 18 e 65 anos e que pesen máis de 50 quilos.
  • Non se debe acudir sen almorzar, e despois de xantar hai que esperar dúas horas.
  • Os homes poden doar cada 3 meses e as mulleres, cada 4 meses.
  • Un médico realiza unha revisión do estado de saúde e mide o pulso, a tensión e o nivel de hemoglobina para descartar unha anemia.
  • Emprégase material estéril e dun só uso.
  • O volume de sangue doado recupérase case de inmediato.
  • De cada doazón de sangue obtéñense tres compoñentes sanguíneos que se utilizan no tratamento de diferentes enfermidades.
  • Cada día, os hospitais atenden unha media de 3.000 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos. Por iso, cada día son necesarias entre 400 e 500 doazóns.