Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2021
  3. Decembro

Decembro 2021

6Dec 2021

Malpica vibrou con “Pinocchio” e “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”

A 17ª Mostra de Teatro do Concello chegará o próximo venres ó seu fin

O auditorio do Centro Cívico de Malpica acolleu durante esta fin de semana dúas obras incluídas na 17ª Mostra de Teatro do Concello.

O venres foi a quenda de “Pinocchio”, da compañía Teatro Ghazafelhos. Foi unha representación musical na que o monicreque universal encheu ó público de risa e emoción. Da man de Pepablo Patinho, Montse Piñón, Jorge Casas, Paty Lesta e Cristian Leggiero viviuse unha tarde-noite de aventura que marabillou ás familias malpicás.

“Crónica dunha heterosexual insatisfeita”, de Verdeveras Expresións Artísticas, en coprodución co Centro Dramático Galego, chegou o sábado. Este espectáculo, dirixido e interpretado por Mª Ángeles Iglesias, abordou temas como a sexualidade, a parella, os soños, as frustracións, os desexos e as fantasías da muller. Convidou, así, ás espectadoras a reflexionar sobre normas ou parámetros establecidos que se fan propios sen pensar se hai unha opción diferente que teña máis que ver con cada persoa.

Esta última obra está subvencionada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña-Teatro en Igualdade. A concelleira de Igualdade en Malpica, Marisol Blanco, non a quixo perder. Mesmo conversou coa directora e protagonista e mercou o libro que recolle o guión da obra.

Próxima cita

A próxima e última cita será o vindeiro venres con “Vida de cans”, de Talía Teatro (auditorio do Centro Cívico a partir das 20:30 horas). Esta iniciativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña, conta cun aforo limitado debido á pandemia, polo que é necesario reservar as entradas (gratuítas) en auditoriodemalpica@gmail.com, indicando nome completo, número de DNI e un teléfono de contacto.

6Dec 2021

O rock regresou a Malpica por todo o alto

Agrupacións locais e internacionais actuaron no festival organizado pola Concellaría de Turismo e Festexos, coa colaboración do veciño Manu Ferreiro

O rock regresou a Malpica tempo despois da man da Concellaría de Turismo e Festexos e coa colaboración do veciño Manu Ferreiro. Organizou o festival Malpica Rock no que actuaron agrupacións locais e internacionais.

A cita celebrouse este sábado á noite na rúa principal do centro urbano, a Vila Fano. Foron moitos os veciños que, pese ó mal tempo característico destas datas, se animaron a gozar da boa música. Unha carpa colocada polo Concello serviu de moita axuda neste sentido.

Ambigüo, de A Laracha; El puto Antón e artistas convidados; 58 Shots, de Francia, e Recambios Tucho deleitaron ós asistentes coas súas interpretacións. Esta música xa ten o seu percorrido na localidade, con eventos consolidados como referentes a nivel galego.

Seguimos traballando para dinamizar a vila da vida na Costa da Morte! Foi a antesala do Nadal, datas para as que xa hai programadas numerosas actividades.

2Dec 2021

O Festival Malpica Rock encherá de música o centro neurálxico do pobo este sábado

Actuarán na cita organizada polo Concello grupos locais e internacionais

Malpica, a 2 de decembro do 2021

A Concellaría de Turismo e Festexos de Malpica ten preparado para este sábado o festival Malpica Rock. Haberá representación de grupos locais pero, tamén, internacionais. A iniciativa arrancará a partir das 21:30 horas na Rúa Vila Fano, centro neurálxico da vila.

Forman o cartel as agrupacións Ambigüo, de A Laracha; El puto Antón e artistas convidados; 58 Shots, de Francia, e Recambios Tucho. O mal tempo, en caso de habelo, non será un inconveniente, recordan dende o Concello, pois haberá unha carpa preparada. O ambiente está asegurado e axudará a dinamizar distintos negocios do núcleo.

O pobo malpicán segue, así, sendo fiel a esta música que tantas boas celebracións trouxo á vila. “Non hai escusas para faltar!”, animan dende o departamento encargado da organización da cita.

Página 3 de 3123