Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2020
  3. Outubro

Outubro 2020

23Out 2020

O Concello decide suspender os obradoiros de memoria e informática para persoas maiores logo das restricións decretadas por Sanidade

O Concello de Malpica decide suspender os obradoiros de memoria e informática para persoas maiores logo das restricións decretadas por Sanidade, e que en ningún caso permiten que na aula se encontren máis de 5 persoas.

Desde o goberno local confirman que ‘non hai data exacta para retomar as actividades, e analizaremos o contexto actual para retomar os obradoiros e garantir a seguridade das persoas inscritas’, aseguran.

Terían que ter comezo o 27 de outubro e os espazos pensados para o seu desenvolvemento ían ser tanto na Casa do Oleiro de Buño como o Centro Cívico de Malpica.

O concelleiro de Benestar, Sergio García, avanza que ‘temos que adaptarnos á realidade máis inmediata, que é a incidencia actual da COVID-19 en toda Galicia, e acatar as restricións que se nos impoñen desde a Consellería de Sanidade, autoridade competente na materia. Agardamos que a situación se revirta o antes posible para volver a impulsar os cursos para os nosos maiores’, subliña o edil.

22Out 2020

O Concello de Malpica recibe a visita do vicepresidente da Deputación da Coruña e do alcalde de Oleiros

O Concello de Malpica recibiu esta mañá a visita do vicepresidente da Deputación Provincial da Coruña, Xosé Regueira, e do alcalde do Concello de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, nunha recepción institucional no salón de plenos da Casa do Concello de Malpica de Bergantiños. Alí estiveron presentes, por parte do Concello de Malpica, o seu alcalde, Walter Pardo; xunto aos concelleiros de Promoción Económica, Sergio García; de Turismo, Alfredo Cañizo; a concelleira de Olaría, Leticia Varela e o concelleiro de Deportes, Miguel Varela.

Ambos, tanto Xosé Regueira como Ángel García Seoane, asinaron o libro oficial do Concello de Malpica, e o rexedor de Oleiros entregoulle ao alcalde de Malpica, Walter Pardo, o libro ‘Ensemble Isaac’.

O Concello de Malpica recibe a visita do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e do alcalde do Concello de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane

O motivo da visita á vila oleira por parte do vicepresidente da entidade provincial e do alcalde do Concello de Oleiros foi a de poñer en valor a artesanía local, que comparten ambos concellos, e que serve de sustento para moitas familias de ambos municipios. Visitaron o EcoMuseo Forno do Forte, dos poucos que quedan activos na provincia, para poñer en coñecemento conxunto ‘o que aquí facemos e que nos pertence a todos’, destacaron.

A artesanía, e ‘máis concretamente a olaría’, argumentaba o alcalde, Walter Pardo, ‘é un dos elementos vehiculares tanto de Galicia, como máis concretamente de municipios como os nosos’, comentou o rexedor malpicán. ‘A súa esencia pervive intacta ata os nosos días, e temos que agradecer o desempeño diario das nosas e nosos artesáns para mantela viva’, aludiu, facendo fincapé na ‘importancia que ten para construír identidade’, finalizaba Pardo.

O Concello de Malpica recibe a visita do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e do alcalde do Concello de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane

Pola súa banda, o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, quixo ‘amosar a ledicia de propiciar este acercamento entre vilas oleiras, que historicamente foron un sector económico moi importante para o noso país. Temos que facer que estean moito máis presentes, temos o reto de recuperar o uso da olaría como algo cotiá’, sinalou.

O alcalde do Concello de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, destacou que ‘aquí se conserva a historia, como a xente laboraba. Temos que levantar a olaría, vai sendo hora de que se volva ás pezas orixinais, recuperar a historia e o traballo’, sinalou. ‘Temos moito traballo por diante, pero iso correspóndenos a nós, os políticos’, finalizou.

O Concello de Malpica recibe a visita do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e do alcalde do Concello de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane

Pola súa banda, o edil de Turismo, Alfredo Cañizo, tamén lle deu as grazas ‘tanto ao vicepresidente da Deputación, como ao alcalde de Oleiros por termos visitado hoxe’, na primeira de moitas achegas que teremos como vilas referentes na olaría, incidiu.

A concelleira de Olaría do Concello de Malpica, Leticia Varela, recalcou que ‘é o momento de volver a sectores primarios e de volver ás raíces, do que é noso e do que queremos vivir. Tamén é o momento de buscar outro tipo de turismo, máis sustentable, porque temos a posibilidade para facelo’, e engadiu os seus ‘agradecementos ao alcalde de Oleiros nun primeiro achegamento entre vilas, de cara a tecer redes cun obxectivo común: a olaría’, finalizou.

21Out 2020

Malpica celebrará este domingo o LXXXVII Aniversario das Misións Pedagóxicas cunha programación cultural adaptada

O Concello de Malpica, a través da iniciativa da concellaría de Cultura, celebrará este domingo o LXXXVII Aniversario das Misións Pedagóxicas cunha programación cultural adaptada ao contexto actual.

O 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas, estreábase en Malpica o Retablo de Fantoches. Así José Val de Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto e Urbano Lugrís, xunto a Rafael Dieste iniciaban en Malpica de Bergantiños as representacións de monicreques que as Misións Pedagóxicas representaron por todo o Estado.

LXXXVII Aniversario das Misións Pedagóxicas
LXXXVII Aniversario das Misións Pedagóxicas

Así, para este domingo, 25 de outubro e no Centro Cívico, está previsto ás 17:30 horas a visita á exposición fotográfica guiada por Xurxo Alfeirán. Ás 18:00 horas haberá unha sesión de títeres, con ‘Novos lobos’ e ás 19:00 horas a actuación de Xacarandaina, unha agrupación de baile tradicional.

Contarase con estritas medidas de seguridade ante a incidencia da COVID-19 en Galicia, e o aforo será limitado.

15Out 2020

Protocolo COVID do ximnasio municipal

O Concello de Malpica quere recordar o protocolo COVID19 do servizos deportivos municipais.

Ante un incremento de casos no noso municipio, hai que extremar as precaucións e seguir cumprindo as normas hixiénico-sanitarias:

  • Lavar as mans.
  • Usar máscara en todo momento.
  • Desinfectar a maquinaria despois de empregala.

Recorda que podes consultar o protocolo COVID no que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 nos servizos deportivos municipais nesta ligazón.

1Out 2020

O Concello de Malpica decreta dous días de loito oficial

O Concello de Malpica, en acordo con todos os representantes dos grupos políticos que integran a corporación, decidiu esta mañá decretar dous días de loito oficial, desde o venres 2 de outubro ás 00:00 horas ata o sábado, 3 de outubro, ás 23:59 horas, así como que as bandeiras ondeen a media hasta, tras coñecerse a noticia do falecemento de dous veciños da nosa localidade a pasada madrugada. 

Quedan suspendidas as actividades municipais programadas para esta fin de semana. Os centros socioculturais permanecerán pechados.

Desde o Concello, amosamos o noso pesar e a nosa dor polo seu pasamento, e trasladámoslle o pésame aos seus familiares e amigos. 

Descansen en paz.