Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
10°
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2019
  3. Abril

Abril 2019

27Abr 2019

Leilía, De Vacas, Xosé Lois Romero & Aliboria e Os do fondo da barra serán os pratos fortes da XII Festa Galega de Malpica

Este verán a música galega volverá a inundar as rúas de Malpica con motivo da celebración da XII Festa Galega, que terá lugar os días 16 e 17 de agosto. E este ano volveremos a ter cartel de luxo, xa que nos acompañarán Leilía, De Vacas, Xosé Lois Romero & Aliboria ou Os do fondo da barra. Pero, a maiores destas primeiras confirmacións, a Concellería de Cultura, que dirixe Noelia Freijeiro, segue a traballar para converter a Malpica no epicentro da música folk durante toda unha fin de semana.

leilia

Leilía

Leilía nace no ano 1989 cando seis mulleres se xuntan para recuperaren do esquecemento a tradición oral galega. Ao son de pandeiretas e voces, pronto van agromando os froitos. A mediados dos 90 chega o louvado Leilía, composto exclusivamente por pezas tradicionais. O seguinte reto foi achegar a música do pasado ao presente, por medio da incorporación de instrumentos e polifonías non tradicionais, e así o fixeron nos seus seguintes traballos, dos que nos ofrecerán unha escolma o venres 16 de agosto.
O sábado 17 celebraranse os outros tres concertos, nos que reuniremos estilos moi diferentes da música galega de hoxe e de sempre. Dende Os do fondo da barra, o grupo de pandereteiros de Xacarandaina, ata Xosé Lois Romero & Aliboria ou De Vacas.

Premios La Opinion

Aliboria

Aliboria é un colectivo de novos músicos galegos, dirixidos por Xosé Lois Romero, que reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia conxuntando as potentes voces das súas cantantes cuns novos arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra. Bombos, pandeiros, pandeiras, tixolas, tarrañolas, cunchas, pandeiretas, latas, tambores, sachos, perfectamente conxunguidos cos cantos, os aturuxos, os bailes e a diversión.

DE VACAS

De Vacas

De Vacas é un cuarteto composto por tres voces, as de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero, sempre acompañadas pola guitarra de Guillerme Fernández, que fai versións de temas de masas de todas as épocas, dende as Spice Girls ata o Gagnam Style. Algunhas, coma “Amodiño” ou o recentísimo “El anillo pa cuando”, arrasan.

24Abr 2019

Hostalaría local e Concello impulsan a Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar con dúas edicións en maio e setembro

A Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar cumpre catro anos e, por iniciativa do sector hostaleiro, neste 2019 vanse celebrar dúas edicións nos meses de maio e setembro. Unha vez máis, a Concellería de Promoción Económica e a hostalaría malpicá unen esforzos para desenvolver unha iniciativa conxunta que enlaza tres sectores fundamentais da economía local: o turismo, a pesca e a olería.

Malpica Sabe a Mar pretende diferenciarse doutras iniciativas semellantes incluíndo os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permite, por unha banda, poñer en valor o produto local e o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que incluiría a ruta sería a olería, xa que para a ocasión elaboraranse no Ecomuseo do Forno do Forte pratos artesanais que se repartirán entre os oito establecementos participantes: Taberna do Lesto, Restaurante O Burato, Café Bar Ybarra, Café Bar JB, Restaurante San Francisco, Larada Bar, Bar O Pescador e Bar Santiago Apóstol.

A primeira Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar deste ano arrincará o venres 3 de maio coa animación musical do grupo local Os Arjalleiros, que percorrerán os oito locais. As tapas serviranse nesa primeira xornada de 20.00 a 23.00 horas; o sábado, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 23.00, e o domingo, de 12.00 a 14.00 horas. O prezo non varía con respecto ao ano pasado, de xeito de cada tapa custará 1,5 euros, e con cada unha entregaráselle ao cliente un boleto que lle permitirá obter premios directos. Nesta ocasión teremos mochilas isotérmicas, gorras e moitas sorpresas!

CARTEL

23Abr 2019

O fútbol base volveu a conquistar Xaviña no I Memorial Ramón Calvete Gómez

EF Luis Calvo Sanz Campión Benxamín

O V Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica – I Memorial Ramón Calvete Gómez converteu nunha festa do fútbol e da deportividade o campo municipal de Xaviña (Buño), no que se deron cita case 500 nenos e nenas.

O xoves foi o día de benxamíns e infantís, con 16 equipos en total. As Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz alzáronse co campionato na categoría benxamín, despois de superar á SD Sofán por 6-2. O Imperátor OAR da Coruña foi terceiro e o Galicia Gaiteira, cuarto. Nos trofeos individuais, Lucas Suárez, das EF Luis Calvo Sanz, recibiu o Trofeo Ramón Calvete Gómez ao mellor xogador, mentres que o gardameta da SD Sofán A, Ismael Cancela, foi elixido como mellor porteiro do torneo.

Na categoría infantil o título foi para o Corme, que se impuxo ao Cabana na final. O Bergantiños foi terceiro e o Concello de Zas, cuarto. O Trofeo Ramón Calvete Gómez ao mellor xogador foi para Borja Torrado, do Corme CF, mentres que o mellor porteiro do torneo foi Yago Pazos, da Cabana SD.

O venres foi a quenda de prebenxamíns e o alevíns.

Na categoría prebenxamín, as Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz mostráronse intratables de principio a fin e gañaron o torneo. Tordoia foi segundo; Cee, terceiro, e Camariñas, cuarto. No que respecta aos premios individuais, o Trofeo Ramón Calvete Gómez ao mellor xogador foi para Iker López, da SD Tordoia, e o de mellor porteiro foi para Iago Marcote, do UC Cee.

Por último, na categoría alevín tamén se impuxeron as EF Luis Calvo Sanz, tras vencer na final ao Cerqueda. O terceiro posto foi para o Sofán, que gañou ao Cabana na quenda de penaltis. O Trofeo Ramón Calvete Gómez ao mellor xogador foi para Manu Abelenda, das EF Luis Calvo Sanz, e o de mellor porteiro, para Kelyan Faria, do Cabana SD.

23Abr 2019

O Día do Ritmo ofrecerá este venres en Malpica un espectáculo de baile moderno e ximnasia rítmica

cartelDR(1)

O venres 26 celébrase o Día do Ritmo, que cumpre 14 anos consolidado como unha cita de éxito, tanto polo espectáculo que ofrece como pola elevada participación de deportistas e de público. O pavillón municipal de Malpica será escenario dun espectáculo de deporte e música aberto a todos os públicos, que comezará cunha exhibición de ximnasia rítmica a cargo das escolas municipais de Cabana e Malpica e rematará cunha demostración do alumnado da escola municipal de baile moderno do Concello de Malpica.

O espectáculo comezará ás 18.00 horas, e a entrada é libre.

Nos últimos años, desde a área de Deportes do Concello de Malpica vense realizando un importante esforzo na promoción das modalidades deportivas de baile moderno e ximnasia rítmica. Con esa intención, á marxe de difundir a súa práctica involucrando a diferentes entidades, incluso de fóra do municipio, estableceuse a organización dun evento co obxecto de dar unha maior difusión a ditas actividades e poder ofrecer tamén un espazo específico para realizar demostracións do aprendido durante o curso.

17Abr 2019

Medio millar de nenos renderanlle homenaxe a Ramón Calvete en Xaviña

Cartel V Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica

O Campo Municipal de Xaviña xa conta as horas para acoller a quinta edición do Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica, que se celebrará o xoves 18 e o venres 19 de abril no municipal oleiro para render homenaxe a un dos seus grandes impulsores como foi o gran Ramón Calvete Gómez.

O Concello de Malpica e a Asociación Deportiva Vidú xa están ultimando os detalles do V Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica – I Memorial Ramón Calvete Gómez, que unha Semana Santa máis será unha gran festa do fútbol base e a cal, a partires desta edición, terá unha toque sentimental, xa que dende a organización decidiron renderlle homenaxe a un home de fútbol, unha persoa que o deu todo pola súa paixón e polo seu Buño como foi ex presidente branquiazul Ramón Calvete Gómez.

Nada máis e nada menos que cerca de medio millar de nenos e nenas que compoñen os 29 equipos participantes serán os que encherán dun gran ambiente de fútbol e de convivencia deportiva o Campo Municipal de Xaviña.

Neste evento, que xa está consolidado na axenda deportiva de cada Semana Santa, estarán representados os seguintes 16 clubs: Corme CF, Buño SCD, EF Luis Calvo Sanz, Cabana SD, CF Dumbría, Galicia Gaiteira, UD Cerqueda, SD Tordoia, SD Sofán, Camariñas FC, UC Cee, Bergantiños FC, Victoria CF, Imperátor OAR, Concello de Zas e Muxía CF.

Na xornada do xoves, os benxamíns e os infantís serán os encargados de facer gozar aos afeccionados que se acheguen ata Xaviña dende as 10 da mañá ata as 8 da tarde, mentres que o venres será a quenda dos prebenxamíns e dos alevíns nunha xornada que comezará ás 10.30 da mañá e rematará ás 8.20 da tarde.

Como adoita ser habitual nos eventos nos que está metida a Asociación Deportiva Vidú, haberá representación feminina xa que é unha das premisas da entidade cormelana, e neste V Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica – I Memorial Ramón Calvete Gómez haberá dous equipos formados totalmente por nenas como son as promesas das EF Luis Calvo Sanz que competirán na categoría benxamín e as infantís do Victoria CF da Coruña.

Dende a organización convidan a todos aqueles que sexan afeccionados ao fútbol que se acheguen ao Campo Municipal de Xaviña (Buño) para gozar dun evento que sempre é unha gran xornada de convivencia futbolística para todos os participantes e tamén para os espectadores.

13Abr 2019

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura e a súa oferta de actividades durante a Semana Santa

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura durante a Semana Santa coa finalidade de converterse nun recurso de referencia para as persoas que visiten a nosa comarca durante eses días. Deste xeito, dende o luns 15 ata o sábado 20 o ecomuseo estará aberto de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e o domingo 21 poderá visitarse de 10 a 14 horas.

forno_do_forte

Paralelamente, ao longo da semana levaranse a cabo varias actividades. De martes a venres, de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 18.30, haberá obradoiros de barro para nenos e nenas, cun máximo de 25 participantes por quenda. Pero á parte de que os pequenos teñan o seu primeiro contacto co barro no cabanote do Forno do Forte, os maiores poderán probar a sentarse no torno.

Así mesmo, o venres e o sábado realizaranse rutas guiadas polo Buño oleiro. O ecomuseo será o punto de partida ás 12.00 horas e tamén o de chegada ás 14.00 horas. Ao longo da Ruta Oleira visitaranse os fornos da Costa e Os Mouróns, así coma o centro da vila, onde os visitantes non só terán a oportunidade de ver e saber máis sobre as tendas, os alfares ou a tradición oleira, senón tamén sobre a igrexa, o cruceiro e outros elementos patrimoniais de relevancia. Nos fornos restaurados faranse paradas específicas para explicar as súas características e o proceso de cocción.

9Abr 2019

O Ecomuseo Forno do Forte achega 14 pezas de olería á exposición “Pensar coas mans”, que será inaugurada o venres no Museo Centro Gaiás

Unha cazola, un xerro, un pucheiro, un barreño, unha tarteira, unha chocolateira, unha escudela, unha cunca, un cunquelo, unha cacheleira, unha fonte, un falsete, un botixo de rosca e unha buxina son as 14 pezas da segunda metade do século XIX e do século XX que representarán á Olería de Buño na exposición “Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia”, que será inaugurada este venres 12, ás 12.00 horas, no Museo Centro Gaiás.

CARTEL

Ata Santiago de Compostela desprazarase o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que participará no acto de apertura da exposición xunto aos conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entre outras autoridades.

A exposición, organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia e a Secretaría Xeral de Igualdade, propón unha viaxe no tempo a través de 250 pezas da artesanía galega. Entre elas estarán as 14 cedidas polo Ecomuseo Forno do Forte da súa colección de olería tradicional. A mostra poderá visitarse ata o 8 de setembro de 10.00 a 20.00 horas.

A tradición oleira de Buño remóntase á etapa prehistórica coa creación dos primeiros cacharros feitos a man. Pero foi nos séculos XVIII e XIX cando acadou a súa idade de ouro. Grazas a un arduo traballo de recuperación e á inestimable colaboración dos artesáns e veciños/as da localidade, na actualidade podemos desfrutar dunha das coleccións de pezas tradicionais máis antigas e voluminosas da nosa olería, custodiadas no Ecomuseo Forno do Forte e divididas, segundo a clasificación realizada no seu momento por Luciano García Alén, en tres series: ancestral (anteriores ao ano 1700), antiga (do 1700 ao 1900) e moderna (posteriores ao ano 1900).

8Abr 2019

Voluntarios da agrupación local de Protección Civil participan nun curso de intervención en accidentes de tráfico

curso accidentes pc carballo

Mellorar a seguridade cidadá é un dos obxectivos do goberno municipal. Nesa mesma liña, persoal da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil está a participar dende o día 5 nun curso de prevención e intervención en accidentes de tráfico organizado pola Academia Galega de Seguridade (Agasp) e que se desenvolve na base de Protección Civil de Carballo.

O curso, de 34 horas lectivas, inclúe formación en primeiros auxilios, excarceración, mercadorías perigosas e accidentes con risco ambiental.

8Abr 2019

O Concello de Malpica ofrece aos clubs de fútbol formación no manexo de desfibriladores

O Concello de Malpica quere mellorar a seguridade de deportistas e persoas usuarias das instalacións deportivas municipais, e con esa finalidade ofrece aos clubs de fútbol que militan nos grupos 2º (Segunda Galicia) e 4º (Terceira Galicia) da Costa a posibilidade de formarse no manexo de desfibriladores automáticos externos.

O vindeiro sábado 13, a partir das 10.00 horas, celebrarase no pavillón polideportivo municipal un curso intensivo dirixido ás persoas que determinen os propios clubs.