Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2018
  3. Marzo

Marzo 2018

27Mar 2018

Asinado o contrato das obras de reforma integral das rúas Garda Pardines, Doutor Fleming e Travesía González López

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinou hoxe coa empresa Construcciones Vázquez y Reino os contratos correspondentes á execución das obras de reforma integral da Travesía Emilio González López e das rúas Garda Civil J. A. Pardines e Doutor Fleming, dous proxectos nos que investirá 21.840,50 e 67.881 euros, respectivamente, con cargo ao POS+ 2017. Na sinatura dos contratos tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

contrato vyr

O obxectivo das dúas actuacións é dobre: por unha banda, a mellora dos servizos urbanísticos, que son antigos e están deteriorados, e, por outra, a mellora da accesibilidade e do aspecto xeral das rúas, todas elas moi céntricas, mediante a renovación integral de firmes e pavimentos.

Na Travesía Emilio González López o principal problema radica na inexistencia de rede separativa de augas pluviais e residuais, polo que se producen rebordamentos nalgúns baixos, e ademais a rede de abastecemento de auga é obsoleta. Para solucionar esas deficiencias e acometer o novo tratamento en superficie establécese un prazo de execución de dous meses.

Os mesmos problemas cos servizos urbanísticos repítense nas rúas Garda Civil J. A. Pardines e Doutor Fleming, dúas vías curtas, de 46 metros de lonxitude, e estreitas (4,50 e 3,25 metros de ancho, respectivamente), que están situadas no centro urbano e son moi transitadas, sobre todo no verán, xa que conectan a rúa principal co paseo marítimo e a praia. O tránsito é fundamentalmente peonil, e só circulan os vehículos de residentes, reparto de mercadorías, limpeza e recollida de residuos sólidos urbanos. Neste caso o prazo de execución é de catro meses.

25Mar 2018

O alcalde acada o compromiso da Consellería de Sanidade para mellorar o centro de saúde de Malpica

20180322 Alcalde Malpica

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, vén de manter unha entrevista co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, coa finalidade de tratar varias cuestións, entre elas unha serie de melloras no centro de saúde da capital municipal. O edificio presenta algunhas necesidades derivadas, fundamentalmente, da antigüidade da construción. Dado que se trata dun inmoble de titularidade municipal, a Consellería de Sanidade estudará as actuacións precisas e abordará súa execución a través dun convenio de colaboración co propio Concello de Malpica.

Eduardo Parga aproveitou a xuntanza para propoñer tamén o traspaso do centro de saúde á Xunta de Galicia, que no noso concello xa xestiona directamente o de Buño. Esta petición enmárcase no acordo acadado entre a propia Administración autonómica e a Fegamp para proceder, dunha maneira progresiva, ao traspaso dos numerosos centros de saúde en toda Galicia que aínda son de titularidade municipal. Deste xeito, o Sergas asumiría a xestión e o mantemento do centro de saúde de Malpica, que agora recaen no Concello.

23Mar 2018

O Concello e Protección Civil de Malpica poñen en marcha unha campaña de trampeo de avespa velutina

CAMPAÑA VELUTINA

Coa chegada da primavera empeza tamén a actividade da avespa velutina. Despois do letargo invernal as raíñas comezan a saír dos niños, polo que estamos no mellor momento para actuar e evitar que a especie invasora se siga propagando. Con esa intención, o Concello de Malpica e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil veñen de poñer en marcha unha campaña aberta á participación e colaboración tanto de apicultores/as como de veciños e veciñas que queiran axudar a combater a praga.

As persoas interesadas poden pasar pola Casa do Concello e solicitar trampas e líquido atraínte que deberán colocar o antes posible en zonas con plantas ou árbores con flores (camelios e rododendros están entre os preferidos pola avespa asiática). Tanto na trampa como no envase do líquido explícanse os pasos que se deben seguir, ademais de recordar ao voluntariado que tamén se poden preparar trampas con botellas de plástico e líquidos de uso habitual en calquera fogar como viño, cervexa, zume ou simplemente auga con azucre.

atrainte

A campaña foi presentada polo alcalde, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e membros de Protección Civil, entre eles o seu coordinador, Iván Muíño. No acto lembraron a importancia de que as persoas que queiran colaborar na campaña faciliten os seus datos no momento de solicitar as trampas e un número de teléfono de contacto para poder realizar un seguimento da campaña. Nas oficinas xerais da primeira planta do Concello de Malpica ofreceráselles toda a información.

22Mar 2018

O Día do Patín reúne este venres en Malpica a preto de 300 nenos e nenas dos concellos de Costa Bergantiñá

patinaje1 copia (1)

Malpica acolle este venres unha nova edición do Día do Patín, organizado pola Agrupación Deportiva Costa Bergantiñá coa colaboración do Concello. Tras o éxito acadado nas anteriores, a de mañá será outra tarde de espectáculo, música e diversión tanto para participantes coma para público. A cita, ás 18.00 horas no polideportivo municipal.

Nestes últimos años, a Agrupación Deportiva Costa Bergantiñá trata de aproveitar as sinerxias xurdidas entre os concellos que pertencen a esta entidade, e nesta ocasión prográmase un evento de patinaxe onde se plasma o gran esforzo dos/as participantes nas escolas de patinaxe e do monitorado para organizar unha exhibición coma esta.

Nesta edición contaremos con preto de 300 participantes, 45 deles/as alumn@s da Escola Municipal de Malpica, e o resto de Laxe, Cabana, Coristanco e Ponteceso.
O Club Deportivo Costa Bergantiñá conta tamén coa colaboración do Club Patín Velúa, Deporte en Idade Escolar da Xunta de Galicia e Deputación de A Coruña.

14Mar 2018

O Concello de Malpica ratificou en Íntegro a súa adhesión ao PIMD Rural

INTEGRO 1

O Concello de Malpica vén de asinar un convenio de colaboración coa asociación Íntegro para a posta en marcha de novas acción formativas dentro do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional no ámbito Rural (PIMD). Ata as instalacións que a entidade ten en Nantón (Cabana) desprazáronse o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín.

Por terceiro ano consecutivo, o goberno municipal malpicán quixo ratificar a súa adhesión ao PIMD Rural para continuar ofrecendo un servizo de asesoramento e intervención integral ás mulleres, preferentemente, con diversidade funcional que residen no municipio e, especialmente, no ámbito rural. Ademais, dende a concellería que dirixe Marisol Blanco tamén está previsto levar a cabo novas actividades de formación para contribuír a mellorar tanto a capacitación profesional como a empregabilidade dun colectivo en situación de especial vulnerabilidade.

INTEGRO 2

Así mesmo, as persoas que o desexen poderán solicitar no punto de intervención, situado no departamento de Servizos Sociais, todo tipo de información sobre recursos en materia de diversidade, talleres pre-laborais e actuacións encamiñadas á búsqueda de emprego. Pola contra, este ano, a atención psicoloxica e mediación familiar quedará centralizada no Centro de Información á Muller de Carballo.
Por outra banda, os responsables municipais aproveitaron a súa estancia no centro de recursos para realizar un percorrido polas instalacións e coñecer algunhas das melloras levadas a cabo pola entidade. Tamén tiveron tempo para visitar os obradoiros ocupacionais e conversar cos usuarios e usuarias sobre o seu funcionamento. E, por suposto, non marcharon coas mans baleiras, xa que recibiron como agasallo unha mostra de xabóns de Bicos de Amora.

10Mar 2018

O alcalde de Malpica negocia con Portos o uso da captación do porto para complementar a traída municipal no caso de seca

REUNION PORTOS

A seca do ano pasado provocou importantes problemas de abastecemento en toda Galicia e fixo saltar as alertas sobre a necesidade tanto de racionalizar o consumo coma de garantir os recursos hídricos precisos para abastecer á poboación. Consciente de que a situación pode repetirse, o goberno municipal de Malpica está a buscar alternativas.

Nesa liña, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, vén de manter unha xuntanza de traballo co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, co obxectivo de estudar se sería viable utilizar a captación de auga do porto como complemento da traída municipal no caso de seca e garantir así o abastecemento á poboación mesmo nas condicións máis adversas.

En función do que determinen os estudos técnicos, ámbalas Administracións porán sobre a mesa unha proposta de actuación e de posible colaboración.

6Mar 2018

“A igualdade tamén é cousa nosa”: homes de Malpica dan a cara no Día da Muller

8 marzo (3)

Desde a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade queremos implicar a toda a sociedade na conquista da igualdade, e por iso este ano son os homes os que se poñen no lugar das mulleres cun simbólico mandil e que dan a cara para proclamar que “A igualdade tamén é cousa nosa”. O empresario e cociñeiro Óscar Souto Ures, o oleiro Fernando Cambón Cambre, o gandeiro e concelleiro Julio José Vila Díaz, o mariñeiro Luis Veiga Veiga, os futbolistas Ricardo Cotelo e David Dourado, o tenente de alcalde Miguel Ángel Fernández Mirás e o alcalde, Eduardo Parga Veiga, representan aos homes de Malpica nun cartel que está a repartirse esta semana polo concello.

O cartel, polo seu simbolismo, forma parte da propia programación que se desenvolverá no Día Internacional da Muller. A conmemoración comezará ás 11.00 horas no CEIP Joaquín Rodríguez Otero cunha solta de globos de cor violeta en lembranza de todas as mulleres vítimas de violencia de xénero.

MANS CREATIVAS (1)

Ás 13 horas, no Centro Cívico de Malpica, procederase á inauguración da exposición Mans creativas, unha mostra de artesanía coa que queremos poñer en valor o traballo artístico e creativo de mulleres do noso concello como as oleiras Lola Faya Puñal, Carmen Regueira Ordóñez, Carmen Isabel Labrador Fariña, Marilá Gómez Caamaño e Dolores Martínez Villar, a oleira e xoieria Ana Visos e as redeiras das asociacións Mar da Illa e O Fieital.

O acto inaugural está aberto a toda a poboación. Comezará cunhas breves intervencións da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, e o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e rematará cun aperitivo.

2Mar 2018

Persoas con diversidade funcional da Costa da Morte fórmanse en Buño nun curso de Acondicionamento de mobiliario urbano e xardíns

CURSO INTEGRO 1A Casa do Oleiro de Buño acolle un curso de Acondicionamento de Mobiliario Urbano e Xardíns no que participan veciños e veciñas do municipio de Malpica xunto a outros alumnos/as de diversas localidades da Costa da Morte. Esta nova acción formativa, impartida pola asociación Íntegro e a empresa de economía social MáisPorvir, está dirixida a persoas con diversidade funcional para mellorar a súa capacitación profesional e favorecer así a súa inserción laboral. No acto de inauguración estiveron presentes o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández; a xerente de MáisPorvir, Sandra Caamaño, e a traballadora social do Centro de Recursos de Nantón, Sandra Reimúndez.

Unha vez máis o Concello de Malpica reafirma o seu compromiso con colectivos en situación de vulnerabilidade apostando pola súa formación. Nesta ocasión, a concellería de Servizos Sociais mostrou a súa colaboración a través da cesión dun aula destinada á formación teórica de doce persoas con diversidade funcional. Así mesmo, ao longo do obradoiro, que se prolongará ata o 15 de xuño, os alumnos/as tamén poderán desenvolver as sesións prácticas en diferentes áreas verdes e zonas axardinadas do municipio.

O clases levaranse a cabo de luns a venres, de 9:30 a 14:30h. A formación teórica consistirá na realización dun módulo específico de xardinería, carpintería e competencias transversais á que seguirá a correspondente posta en práctica en diferentes localizacións do municipio.

Esta acción formativa está subvencionada pola Fundación ONCE e co-financiada por Íntegro e o Fondo Social Europeo (FSE).