Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Unha festa sorpresa organizada polos nenos e nenas puxo fin á primeira quenda do obradoiro “Pintar na rúa”

14Ago 2018

Unha festa sorpresa organizada polos nenos e nenas puxo fin á primeira quenda do obradoiro “Pintar na rúa”

14 agosto

Finalmente haberá segunda quenda do obradoiro Pintar na Rúa. Ante o elevado número de solicitudes recibidas no segundo prazo de inscrición habilitado, a Concellaría de Educación e Cultura optou por darlle continuidade ao proxecto ata o día 29. Deste xeito, a partir deste xoves 16, un total de 18 nenos e nenas, repartidos en dous grupos, empezarán a encher de cor a parede do parque infantil da rúa Patria Galega.

Hoxe rematou a primeira quenda do obradoiro, no que se completaron as 20 prazas dispoñibles. Os nenos e nenas prepararon unha festa sorpresa para a súa monitora, a artista carballesa Emi de las Heras, que despois de ter participado noutras iniciativas coma Derrubando Muros con Pintura, este ano sumouse ao proxecto de recuperación de espazos urbanos degradados que vimos desenvolvendo nos últimos anos.

Como podedes ver na imaxe, o deseño artístico vai cobrando forma. Nesta primeira quenda os traballos centráronse na preparación da parede e no debuxo do deseño, no que teñen cabida algúns dos elementos distintivos do noso concello, coma o mar, a pesca ou a olería. Os nenos e nenas que participarán na segunda quenda serán os encargados de rematar a proposta artística enchéndoa de cor. Pero para ver o resultado final haberá que agardar á finalización deste divertido e creativo taller o vindeiro 29 de agosto.