Ecosmuseo Forno do Forte >>

Malpica de Bergantiños, chamada así para diferenciarse doutros topónimos do nomenclátor español, defínese como capital administrativa e comercial do concello. As súas primeiras noticias documentais datan do século XIII cando aparece citada como lugar pertencente ó señorío do arcebispo de Compostela. No século XV, Sancho de Ulloa, Conde de Monterrei, arrebataríalla ó arcebispo Alonso II de Fonseca, para incorporala ós seus dominios.

Se Buño naceu como peza de barro que xira arredor da "forma" (peza do torno onde se modela o barro) Malpica viu a luz e medrou botándose ó mar. O Cardeal Hoyo refire que a principios do século XVII a actividade económica da vila se centraba na pesca de cetáceos, en colaboración con mariñeiros cántabros e vascos, despois de pagar estes a taxa estipulada polo arcebispo de Compostela. Aínda hoxe encontramos mostras desta pesca nas vigas que sosteñen o teitume de moitos muíños hidráulicos ou mesmo de vellas casas de arquitectura mariñeira, presentes en barrios coma os da Atalaia ou no Areal. A causa da súa importancia como porto baleeiro, Malpica foi sede da Axudantía de Mariña ata o ano 1895, data en que se trasladaría a Ponteceso e posteriormente a Corme.

Decaído o auxe da pesca da balea, a perigosa enseada (ou "ribeira" como aínda se coñece na actualidade o porto malpicán) pasou a ser cala de arriscados mariñeiros en lanchas de vela e rapetóns que pescaban con artes tradicionais hoxe desaparecidas como o "mediomundo". Con posterioridade, o sector pesqueiro cobrou un novo impulso trala aparición das fábricas de conserva e salgadura; agora traíñas e tarrafas lanzábanse ó mar para captura-la sardiña que enchería os tabais dos Abella ou Modesto Ordóñez. En tempos de carencia, buscábanse mellores caladoiros na ría de Muros. Na actualidade, Malpica conta cunha numerosa flota de embarcacións do cerco e de pesca do día que agardan cada faena nun porto dotado con inmellorables infraestructuras (fábrica de xeo, lonxa nova, nave de redeiras, gran peirao de descarga, dársena de abrigo para pequenas embarcacións). Propio do porto malpicán, e oficio singular en toda Galicia, é a presencia dos boteiros, ou taxistas do mar, que cada tarde transportan nos seus botes ós mariñeiros desde o muro ata as embarcacións pesqueiras.

Pero o porto de Malpica ofrece outros atractivos para o visitante. Entre pescadores de cana ás luras, é doado sentirse nostálxico mentres mariñeiros izan artes de pesca ou mentres tarrafas e motoras se achegan ó porto abarrotadas coa pesca da noite ou do día. Sentadas no chan, as atadoras tecen con arte as redes que se romperon no fondo do mar. Na lonxa, á primeira hora da tarde, o berrar da poxa agarda dunha compradora ("pesca" na xerga local) a voz de "mío" para que se faga o silencio e realiza-la compra. As Festas do Mar, en agosto, funden auga, lume e xente na alegría.

Despois de saborear calquera dos exquisitos pratos que ofrecen os restaurantes locais (caldeiradas de peixe, polbo, marisco), ou entre comidas, Malpica invita a botar unha camiñada polas súas rúas empinadas, en busca da calor da conversa arredor dunha cachela e probar das sardiñas asadas. Terra adentro, xentes de taberna coa compañía da cunca falan de abundantes caladoiros e duras faenas no mar. As ruelas e prazas da vila marcan o devir do Malpica mariñeiro. A Praza de Anselmo Villar Amigo, recorda a figura singular deste benfeitor emigrado á cidade de Bos Aires. A Praza de Santa Lucía foi, tempo atrás, espacio de hostais como El Tesoro Escondido onde se hospedou o escritor sevillano Pepe Más, e ollo dos Baixos de Baldaio en días de temporal.

Nas paredes da Casa do Pescador, edificio inaugurado en 1956, deixou a súa pegada o pintor Urbano Lugrís. No seu paso por Malpica de Bergantiños legou varios murais, cheos de textos poéticos, flora e fauna mariña, lendas e literatura do mar; dous trípticos haxiográficos e unha rosa dos ventos. De costas ó porto, ábrense ás Sisargas o Paseo Marítimo e a Area Maior, espacios ambos de descanso para o viaxeiro e lugar de encontro para surfistas durante todo o ano.

Texto de: Xosé M. Varela e Hector M. Pose

novidades
· presentación · situación · turismo · cultura · contactos

 

 

 

 

 

Voltar