Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
11°
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Teatro, música e cultura para toda a familia no mes de agosto en Malpica cos ‘Seráns na rúa’

27Xul 2021

Teatro, música e cultura para toda a familia no mes de agosto en Malpica cos ‘Seráns na rúa’

A Concellería de Cultura de Malpica, dentro da Rede Cultural 2021 da Deputación da Coruña, acaba de presentar unha programación para o mes de agosto repleta de teatro, música e diversión para todos os públicos. Os ‘Seráns na rúa’ comezarán o sábado 7 de agosto e celebraranse durante os fins de semana ata o día 21.

A primeira das actuacións será apta para todos os públicos e realizarase no paseo da Praia. O sábado 7 de agosto chega ‘Velliñas’, de Butaca Zero Inherente Teatro, a partir das 20:00 horas.

Nese mesmo horario, pero o sábado 14 de agosto, chegará o segundo dos espectáculos programados. ‘A música das buguinas’, de Mamá Cabra & Bellón e Maceiras, trátase dunha actuación para toda a familia que se representará na praza do Campo.

O domingo 15 de agosto será a quenda dunha cita musical dobre a Canido que comezará ás 21:00 horas co concerto de Arredores. Unha hora máis tarde, ás 22:00, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre continuarán co espectáculo enriba do escenario.

Finalmente, o sábado 21 de agosto a partir das 20:00 horas pecharanse os ‘Seráns na rúa’ coa representación de ‘Isolada’ a cargo de Pajarito. Neste caso, a obra está recomendada para maiores de 8 anos.

O aforo estará limitado a 50 persoas en todos os espectáculos agás nos concertos de Arredores con Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, nos que estarán dispoñibles 150 entradas. Só será necesario reservar asentos no caso do concerto a través do enderezo malpicacultura@gmail.com. No resto de actuacións poderanse gardar asentos 30 minutos antes do seu inicio.

No caso de que queden entradas sen reservar, estará permitido o acceso ata completar o aforo máximo permitido. Para calquera dúbida ou consulta, está dispoñible o teléfono 981 707 104 (Departamento de Educación e Cultura) en horario de 9:00 a 13:00 horas.