O
concello de Malpica de Bergantiños está localizado
ó noroeste da provincia da Coruña, na comarca
de Bergantiños, na mítica e afamada Costa da Morte.
Á beira do Océano Atlántico, co que linda
na súa parte Norte e sobre o que cimenta a súa
costa de Oeste a Leste, desde o Monte Nariga ata a Punta de
Razo, extremo occidental do areal de Baldaio (Carballo). No
medio desta liña de costa, sobresae o Cabo de Santo Hadrián,
fronte ó cal se erguen as illas Sisargas. De 60,5 km2
de extensión, cunha densidade de poboación de
140h/km2, o seu principal porto pesqueiro é o da capital,
Malpica de Bergantiños, adicado fundamentalmente a pesca
de baixura e marisqueo.
Ó
Leste, limita co concello de Carballo. Ó Sur, linda co
de Ponteceso. O relevo é de formas suaves e redondeadas,
debido sobre todo á erosión da auga e dos fortes
ventos que azoutan estes lares. Destacan como principais alturas
as do Monte Neme (387 m.) e Leutoño. A súa doada
comunicación tanto por estrada como por mar coas cidades
de Santiago de Compostela e A Coruña, ademais dos seus
múltiples atracticos, facultan ó concello de Malpica
como un crecente destino turístico. Paisaxe e gastronomía
abundante en peixes e mariscos, artesanía do barro coa
Olería de
Buño, patrimonio histórico artístico
coa pegada de Urbano Lugrís, as torres medievais e igrexa
románica de Mens, os seus oito areais brancos e pouco
frecuentados (agás a Area Maior de Malpica, laureada
coa Bandeira Azul)...son alicientes dabondo para visitar este
recuncho atlántico.