Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Segunda volta de Buño deMostra con música, pasacalles, rutas e demostracións en vivo dos oleiros

5Ago 2020

Segunda volta de Buño deMostra con música, pasacalles, rutas e demostracións en vivo dos oleiros

O Concello de Malpica e a Asociación Oleira de Buño prepáranse xa para a segunda volta de Buño deMostra, que arrincará mañá, xoves día 6, e que se prolongará ata o domingo, 9 de agosto. Durante eses días, as persoas participantes no evento poderán gozar de música, pasacalles, roteiros e demostracións en vivo dos oleiros e oleiras.

O obxectivo, tal e como explica a concelleira de Olería, Leticia Varela, non é outro que “pór en valor o traballo que estes artesáns e artesás realizan ao longo de todo o ano. A COVID-19 impídenos celebrar o evento como noutras edicións, pero é fundamental que sigamos apostando pola olería, un dos elementos máis representativos do municipio”.

Co fin de garantir a seguridade do público asistente, estableceuse un protocolo con medidas de prevención que deberán respectarse en todo momento. Así, o emprego da máscara será obrigatorio e as persoas deberán manter, a maiores, a distancia de seguridade.

A programación comezará mañá, xoves 6 de agosto ás 19.00 horas, co pasacalles de música tradicional a cargo de Arrancadeira. Malante tomaralles o relevo o venres, 7 de agosto ás 19.00 horas, tamén cun pasacalles de ambientación musical.

As actividades continuarán o sábado, 8 de agosto ás 10.00 horas, cando terá lugar a ruta de olería “O ciclo de vida dunha peza”, a cargo de Volta Montana –para tomar parte nesta iniciativa será necesario retirar a entrada previamente-. Ás 13.00 horas Malante & Carcaxía ofrecerán unha actuación musical, ás 19.00 horas, será a quenda de Ukestra do Medio + Dkalminha como parte do proxecto Orballo Cultural –haberá que retirar a entrada previamente-. A maiores, entre as 12.00 e as 13.00 e as 17.00 e as 18.00 horas, as persoas asistentes poderán coñecer, de primeira man, o traballo dos oleiros e oleiras a través de dúas demostracións na rúa.

A xornada de peche será o domingo, 9 de agosto. Ese día, o programa dará comezo ás 10.00 horas coa organización dun segundo pase da ruta “O ciclo da vida dunha peza” con Volta Montana. O calendario de actividades continuará co desenvolvemento de novas demostracións por parte dos profesionais da olería (de 12.00 a 13.00 e de 17.00 a 18.00 horas). Buño deMostra pechará a súa oferta ás 13.00 horas no Forno da Costa, coa actuación da banda Monoulious DOP como parte de Orballo Cultural –previa retirada da entrada-.