Voltar
RUTA 2
Casco Histórico de Malpica de Bergantiños

Rúa Eduardo Vila Fano, O Cruceiro, Rúa Tío Paz, A Atalaia, O Miradoiro, Dársena, Lonxa.

Percorrido:1,1 km (ida)
Duración: 1,15h. (ida e volta)
Recomendable: exclusivamente a pé; calquera época do ano.

Vista aérea de Malpica de Bergantiños / A.F.M.

Malpica de Bergantiños aséntase sobre unha pequena península, conformada pola presencia de tres elementos xeográficos determinantes: area, terra e mar. Ou a Area Maior, o picouto da Atalaia e o porto. Espacios con maiúscula, contextos de vida e tamén de morte que configuran a fisionomía física dunha vila e a idiosincrasia das súas xentes.

A rúa Eduardo Vila Fano marca o inicio deste camiño que discorre entre rúas e calellas. O citado enxeñeiro foi quen, en tempos da II República (1931) e coa inestimable axuda do deputado Emilio González López, de senta-las bases do porto actual de Malpica.

Xunto con Caión, Corme, Laxe, Camelle ou Camariñas, Malpica de Bergantiños é unha das típicas vilas mariñeiras deste mítico espacio denominado Costa da Morte. Hoxe en día, tan só podemos ver pingueiras, escasos exemplos de arquitectura mariñeira entre a esquizofrenia urbanística predominante. Malia todo, as rúas estreitas e labirínticas, a rechamante cor de fachadas e fiestras, o olor a argazo, a calor da xente, permanecen inmutables ó longo do tempo. Déixese leva-lo viaxeiro por tal sensación.

O lema turístico ideado na década dos setenta polas autoridades locais dicía "Malpica de Bergantiños: a Vila da Vida na Costa da Morte". Da rúa principal, saen ducias de arterias polas que transitan centos de vidas, dando como resultado unha imaxe de vitalidade e movemento inusitado. Conversas en voz alta cun falar cantareiro, rapaces xogando nas rúas, o trafego entre pequenos comercios e o tráfico, denotan certo caos harmónico que o visitante valora como vital e relaxante ó mesmo tempo. Mágoa dunha arquitectura que aporte contrapunto racional a tanto bulebule.

E o salitre espallado polo bruar do nordés, a omnipresente gaivota, os rostros agretados polo tarefar diario no mar, impregnan carácter a unha vila que viu, nestes mesmos rueiros, ás Misiones Pedagógicas, os actores vidos da Meseta, o desfilar na memoria do primeiro garda civil asasinado por ETA, procesións dictadas polo santoral e fuxidas na alborada cara a liberdade. Foi durante a Guerra Civil, cando tres motoras malpicás, cheas de homes, medo e pesar, arriscaron vidas propias e alleas para evitar loitar na contenda contra irmáns da mesma fe. Historias de vida por reescribir.

ARQUITECTURA MARIÑEIRA

Casa con balcón de ferro / X.M. Varela.

Como calquera vila mariñeira, as primeiras casas de Malpica de Bergantiños naceron ó abrigo do nordés e coas fachadas cara ó mediodía ós pés do Bico da Atalaia. De vagar, íanse colgando ata as mesmas rochas da ribeira. Por mor do desenvolvemento económico baseado na pesca, pasaron do primitivo espacio ocupado a estenderse pola rúa principal. As actuais construccións, a modo de cubos sen gracia, levántanse sen reparar nas zonas venteadas, carentes da mínima harmonía e da beleza de corredores e galerías das casas de antano que fascinaban todas e cada unha das olladas.

Casa terrea
É a tipoloxía constructiva máis primitiva. Os muros son de cachotería, reforzados nos vans e esquinais. Acadan moi pouca altura para defenderse dos ventos dominantes na costa. O interior divídese en escasos espacios: cociña, pasadeiro, cortello, cuarto e cuberto. Tan só teñen unha planta.

Casa con soportal
Casa entre medianeiras, con dúas plantas. A segunda, na fachada, sostense por columnas de ferro, columnas de pedra ou por unha arcada. Destas non encontramos ningún exemplar en Malpica.

Casa con corredor
De madeira, de ferro, hoxe de cemento, sostido por canzorros ou por unha soleira de pedra que sobresaen da fachada uns balcóns que outorgan señoría ás vivendas. Espacio de lecer, lugar para colgar aparellos de pesca ou roupa, nun recanto amosaban un recinto pechado destinado a ser o retrete da vivenda.

Casa con galería
Son as casas das familias máis acomodadas, dos armadores. A galería, de cristais oriéntase ó atardecer para imprimir calor ó interior da vivenda. Espacio para palillar ou gozar de boas lecturas nas familias máis lecerosas.

Na Praza do Cruceiro, onde hoxe se ergue unha cruz de pedra gravada polas súas catro caras, manaba unha fonte natural desde onde se abasteceron de auga os moradores da Atalaia desde tempos da creación desta vila. A praza amósase en encrucillada de invitación a camiños dispares. Unha lévanos ó peirao. A rúa Ramona Criado, que recorda a figura dunha mestra querida na vila. A rúa San Ramón que, abeirando o pazo do Vizconde San Alberto, nos leva á Atalaia. Camiñamos pola rúa Tío Paz, amable mariñeiro moi querido polos rapaces por mor dos contos e mañas do mundo do mar que lles ensinaba cando ateigaban a súa casa.

Andamos mentres a ruda colga dos primitivos balcóns de Malpica para que a envexa non entre nas casas. Achegámonos ó Miradoiro. Contemplámo-la pequena enseada hoxe convertida nun dos máis importantes portos de baixura de Galicia. A dársena que resgarda as embarcacións máis indefensas. A Casa do Pescador cos murais de Urbano Lugrís. O Camiño do Río, que se foi poboando de caixóns de ladrillo, que tamén ollan a perigosa enseada. E a costa recortada, de vexetación baixa e perigosas furnas. É este un espacio para detenosr, para para-lo tempo e contempla-lo trafego de mariñeiros e compradoras abaixo, no peirao.

Descendemos polos tramos de escaleiras que parten desde o amplo teito da lonxa antiga, hoxe aulas para actividades portuarias. Abaixo agárdannos distintos tipos de embarcacións pesqueiras, os oficios centenarios que foron conformado a economía desta vila mariñeira e a variedade de peixes e mariscos capturados.

O PORTO

Mariñeiros reparando a rede/ J.L. Fernández

Malpica de Bergantiños naceu como porto baleeiro. No século XVII, Jerónimo del Hoyo (365) dinos que este era o porto de Galicia onde máis baleas se capturaban : "Péscanse cada año siete u ocho ballenas, dos más o menos, arriendan los vizcaínos, que son los que la pescan; al arçobispo páganle casa año siete mill maravedís y estos son renta fixa". Desde aquel entón, quizais o porto "piojo" (alcume local polo costume, hoxe en desuso, de loitar coas pragas deste parásito nas cacholas dos rapaces na tardiña baixa) non deixaría de estar en obras de mellora. O dique de abrigo, peito de formigón e penedos procedentes do Monte de Beo, pretende pecharlle o paso á rompente da "Plancha". A pesar da súa altura e lonxitude, aínda resulta insuficiente, e hai días de temporal, que moitos barcos deben buscar refuxio noutros norais. Non é este un porto natural, e iso aboca a buscar solucións humanas a inclemencias naturais.

Tarrafas
Son as embarcacións máis grandes do porto e dedícanse á captura de xurelo e sardiña. A súa tonelaxe oscila entre 0 e 50 toneladas e teñen como área de capturas desde Laxe ata Cariño. En tempos era un importante banco pesqueiro o Mar de Domingues situado a 10 millas a fóra do porto de Malpica. Utilizan como arte de pesca a tarrafa, longa rede de 550x90 metros coa que cercan os bancos de peixes. Nestes barcos podemos recoñecer os tres distintos tipos de popas: de parrulo, de rabo de galo e de espello ou estampa. Saen a faenar na tardiña baixa e regresan cando pescan ou, o máis tarde, ó amencer do día seguinte. É todo un espectáculo observar as tarefas de descarga e poxa. Adoitan ter entre oito e doce homes a bordo, divididos en "clases" segundo a súa ocupación (maquinista, largador, patrón…) e cobran segundo a mesma en "quiñóns" ou partes.

Barcos do día
Son embarcacións de menor tonelaxe que desde o amencer ata a primeiras horas da tarde se dedican á captura de crustáceos, cefalópodos e peixe branco. A súa área de capturas vai desde os Baixos de Baldaio ata as illas Sisargas, as máis pequenas, mentres que as de maior tamaño se afastan ata 11 ou 12 millas. Utilizan artes de pesca como miños, nasas, betas ou palangres.

Boteiros
Malpica é o único lugar de Galicia onde existe este oficio coñecido tamén co nome dos taxistas do mar. Os boteiros encárganse de levar á mariñeiría desde o peirao ata as embarcacións que están fondeadas no medio do porto nos "muertos". A súa peculiaridade é o sistema de cobro polo traballo desenvolvido: cobran en especie, por trueiradas de peixe que, pasada a noite, venden na lonxa. Hai familias de boteiros de toda a vida: "Os Pasandín","Os Gagos", "Os Juanciños"…

As redeiras
É impresionante a imaxe das mulleres malpicás sentadas sobre unha alfombra de rede mentres arranxan as roturas da rede provocadas por un arrecife que prendeu na arte ou unha manda de peixe que logrou un oco para escapar. Prendida da punta dos pés e tirante, unha pequena colección de agullas vai entrelazando as mallas ata quedar o aparello totalmente reparado. Hoxe, aproveitan unha nave para tales mesteres, mais aínda se poden ver atando peirao adiante.

A LONXA

Panorámica desde O Miradoiro/ X.M. Varela.

Desque Malpica de Bergantiños, tralo seu pasado baleeiro, se converteu en porto de pesca de baixura, os espacios de poxa das capturas foi mudando de emprazamento. José Mas (1998: 61-62) descríbenos a lonxa e a descarga de peixe nos anos 20, sita nos alicerces da Casa do Pescador: "En canto as barcas pasaban a plancha, as mulleres, cos pés espidos e as pernas ao aire, avanzaban en grupos de catro ou cinco para aferrarse á proa e axudar aos seus homes na complicada e laboriosa tarefa do desembarco... con grandes cestos, e axudadas pola tripulación, íana trasladando [a pesca] a un cornecho da praza que por un milagre estaba libre... Baleira a barca, os mariñeiros e o patrón marchaban... Quedaban, polo tanto, como únicas donas do producto da pesca as mulleres. Elas mesmas facían o reparto". Desde aquí, trasladaban a sardiña á cabeza ata as fábricas de conserva e salgadura que había na vila. Na tarefa de carrexar o peixe en paxes ata terra, participan mulleres e nenos, cobrando unha "tarja" por cada viaxe, unha moeda local de valor simbólico que era trocada posteriormente por pesetas ou pesos na casa do armador. Hai xa décadas que non se estila.

Realizada a primeira ampliación do porto, construíuse a vella lonxa que hoxe deu paso a unha dotada de medios máis modernos.

A poxa
Con respecto e silencio pódese acudir a un sistema tradicional de venda e case extinguido en Galicia como é a poxa das capturas. A pesca das tarrafas póxase en monitores. Cun trueiro, tráese unha mostra do capturado (dous ou tres quilos) para que o comprador valore o que vai mercar. O custe dese producto, estipulado o prezo de toda a carga, destínase á Confraría de Pescadores.

Sen embargo, a pesca do día póxase cantando ás compradoras o prezo do quilo de cada especie á baixa; aceptada a comprar a peixeira ou pescantina coloca un papel co seu nome nas capturas adquiridas.

A comercialización
Trala poxa unhas poucas capturas das embarcacións malpicás abastecen o mercado local, mentres que as restantes se trasladan á capital da comarca, a prazas tan importantes como as da Coruña, Santiago ou Vigo e, nalgunhas ocasións, achéganse a Madrid ou a mercados portugueses. Parte das capturas tamén se dedica para a producción de pensos nas fábricas de fariña en Cariño.

As especies
Neste porto captúrase tanto peixe branco como azul, crustáceos, moluscos e mesmo equinodermos coma o ourizo de mar. As especies que máis pasan pola lonxa malpicá, ademais dos citados sardiña e xurelo, son: raia, melgacho, maragotas, faneca, solla, abadexo, robaliza, sargo, polbo, centola, nécora ou percebe. Hai algunhas, como o salmonete ou sanmartiño, en franca diminución.

Subir


novidades
· presentación · situación · turismo · cultura · contactos

 

 

 

 

 

Voltar