voltar
RUTA 11
De Asalo ó faro Nariga.

Asalo, O Miñón, O Barreiro, A Costa, Fuso da Moura, Campo da Costa, O Salgueiral, Campo das Lamas, A Matanza, A Barreira, As Portelas, Punta Nariga.

Percorrido: 5 km (ida)
Duración: 3 h. (ida e volta)
Recomendable: a pé, en bicicleta, en coche; calquera época do ano.

Os verdes anos primeiros
foxen como o vento soán,
do esquivo cabo Nariga
antre o espeso matorral.

(Eduardo Pondal)

Asalo, lugar da parroquia de Mens, marca o inicio deste camiño cara a un monte mítico: o Nariga.

Val da aldea de Mens desde A Costa / X.M. Varela

Esta aldea agrúpase en rueiros, nos que as casas rurais máis poderosas se cercan de altos valados de pedra. Do bo gusto pola construcción de antano fálanos algunha casa con corredor na fachada. O río de Asalo, que atravesa o lugar pola banda sur para morrer no rego de Bardaio preto das Torres de Mens, transcorre entre cabazos e cercas. As súas augas poñen pingas de melodía e guían o noso transitar cara O Miñón, mentres nas pequenas praderías as abellas enriquecen os panais gardados en casetas de abellariza.

O Miñón, a medio camiño entre os vales agrícolas e o bosque, é outro agrupamento de casas que agarda as raiolas do amencer sobre os tellados de Asalo. Tralo bosque, conformado fundamentalmente de piñeiros, un val fértil e agrícola que se estende baixo as abas da Costa. En palabras do viaxeiro Luís Rei Núñez, "a pista que haberá que tomar parece unha pel de elefante ancián, fendida polo clima, e nas súas beiras medra o estalote". Na mina de Xuares, unha caseta de agra é mostra máis que suficiente para falarnos das duraas tarefas agrícolas: nela gardaríanse apeiros de labranza que cada madrugada labraban a tona da terra. Na fin do val, O Barreiro, coas tueiras dos raposos, amosa as paredes de onde se extraeu o barro para erguer todas e cada unha das casas da parroquia.

A Costa, monte aberto e de propiedade comunal no que se ergueu o novo cemiterio, ofrécese coas súas ramplas ata acadar os 159 m de altitude. Desde aquí observamos case todas as terras baixas de Bergantiños en vales escondidos entre bosques. Ós nosos pés, a parroquia de Mens na que salienta a silueta das Torres. Á esquerda Monte de Beo, Sisargas, a vila de Malpica entre as alturas da Atalaia e Pedra Queimada, aldeas e lugares como Seaia, Pontella, Beo, Barizo, Seixas, Cerqueda. Á dereita, alén dos piñeirais e das chairas de millo, terras de Ponteceso e Carballo.

Cabeza de Can / X.M. Varela

Estamos no Monte Nariga, noutrora pouso de gando, lugar de abellarizas, couto de caza, zona de roza de centeo e abundante productor de toxo. Segundo o toponimista Fernando Cabeza, Nariga significa lugar con forma de nariz. Hoxe, desbotado o seu uso agrícola, apaña os ventos do nordés para convertelo en enerxía eléctrica e polas súas pistas, ergueitas sobre os chans de milenarias corredoiras achegarémonos a un espacio de lenda: ó Fuso da Moura.

O Fuso da Moura encóntrase ó pé dun punto xeodésico que, situado no monte de Asalo (222 m), delimita os concellos de Malpica e Ponteceso. É un espacio de lendas que fala de covas con tesouros, mais, sobre todo, lugar onde foron soterrados os nosos devanceiros. Está rexistrado como un dos catro restos arqueolóxicos atopados no monte Nariga; a lenda cóntanos que a súa primitiva anta era o fuso co que fiaba a moura.

Tras este vértice delimitador de municipios, polo Campo da Costa, camiñamos por unha corredoira. As rodeiras de carro grávanse nas laxes do camiño. Característico da Costa da Morte, espállase ata cabo Nariga o toxo gateño, castigados piñeirais polo vento e febleza do solo, omnipresentes eucaliptos, filgueiras, queiroas e algún que outro salgueiro que bebe nos pequenos regatos.

Cobras e lagartos, corvos e pegas, lagarteiros e caza menor (perdices, coellos, becacinas e raposos) poboan estes lares. A lebre desertou hai tempo. Hoxe toda esta área é couto reservado de caza no que a Sociedade de Caza e Tiro San Miro repoboa as poboacións de perdices e coellos que son doados de observar na caída da tarde co seu par de orellas ergueitas

Despois do Salgueiral e tras o Campo das Lamas, o Campo da Ermida ou Campo da Matanza. No mesmo entorno o Campo da Matanza, lugar onde xace un castro e onde recentemente foron atopadas varias puntas de lanza. Unha fonte que, rodeada de vexetación, mana dun terreo brañego. Camiñando polo vieiro da auga achegariámonos ós restos da humilde capela de San Nicolás, citada nas Memorias del Arzobispado de Santiago por Jerónimo del Hoyo (365)

Na proa do Faro Nariga / X.M. Varela

Tras descender pola Barreira, vixiados de moles de penedos, observamos como o bater do vento nordés e soán, xunto co golpeo devastador da choiva, foron modelando, co paso do tempo, maiormente na zona de ribeira, curiosas siluetas pétreas. Convidamos ao viaxeiro a descubrir un elefante de longa trompa, un can con boina, a forma dun oso ou dunha tartaruga. Preto do faro, berra unha bruxa con cara de anciá. As cuncas ou pías convértense en bebedeiros de gaivotas e corvos.

No final do traxecto unha esfinxe de pedra e luz que supuxo a definitiva modernización no campo da sinalización marítima de Galicia. Desde finais de 1997, os navegantes da Costa da Morte teñen como referencia o Faro Nariga, que poden enxergar a máis de once millas entre Corme e Malpica. Faro Nariga, granito que César Portela dominou para integrar na natureza que ocupa. Como mascarón de proa, un atlante de Manolo Coia que nos inza cara á inmensidade.

Á esquerda do faro, Brantuas e Roncudo. Ó outro, o peito rochoso das Sisargas. Tralo horizonte marítimo agardan a nosa ollada habitantes de Boston. Aquí un pódese peitear co vento mentres agarda, no atardecer, o mergullo do Sol.


Faro Nariga / X.M. Varela

non preguntés por qué causa
o fero mar desfigura,
co eterno e duro combate,
de Nariga a ruda punta.

(Eduardo Pondal)

Subir

novidades
· presentación · situación · turismo · cultura · contactos

 

 

 

 

 

Voltar