RUTA
10
Santiso,
Pontella, Casas do Monte, Vigo, Río de Vaa, Espírito Santo, O
Oratorio, As Torres, Mens.
Percorrido:
9 km (ida)
Duración: 2.45 h. (ida e volta)
Recomendable: a pé, en bicicleta ou en coche; calquera
época do ano.
 |
|
Mausoleo
en Santiso / A. Blanco
|
|
A
Praza de Santiso de Vilanova confórmase como un
lugar de interese arquitectónico e etnográfico para o inicio deste
camiño. Para Fernado Cabeza Quiles, Vilanova é un nome de lugar
que xurdiu na idade media coa creación de novos núcleos de poboación
que comezaban a cultivar terreos desocupados ata ese momento.
Segundo Leonor Alonso e Lois Guiadás, a igrexa parroquial
foi restaurada no século XVIII pola familia Romay Mancebo. A fachada
pentagonal coróase por unha espadana de dous corpos; enriba da
porta un fornelo coa imaxe de san Tirso. No interior, o retablo
maior, barroco segundo Leonor Alonso e Lois Guiadás, tamén,
acubilla a figura de Santiso de Bitinia entre outras figuras.
No
adro, o mausoleo neoclásico segundo Leonor Alonso e Lois Guiadás,
dos propietarios do pazo de Vilanova, construído en 1875 segundo
modelo do túmulo de Napoleón I; nel a penas se pode ler unha inscrición
que nos fala do Romay aquí inhumado.
Completando
o conxunto, a casa reitoral hoxe acolle a unhas Irmás da Caridade,
mentres que fronte ó cruceiro barroco, que se levanta no medio
da praza, féchase por alta cerca de pedra o Pazo das Mancebas.
Segundo Carlos Martínez Barbeito, a fidalguía do pazo foi
fundada por don Payo Posse de Morelle receptor da Real Audiencia
de Galicia, aínda que non apareza escudo.
Tras
pasar exemplos de casas rurais que nos suxiren o seu pasado medieval,
chegamos ó lugar de Pontella onde nos encontramos cun primeiro
peto de ánimas que, antano, se emprazaba no medio da encrucillada.
É este un preludio das cruces de pedra que se nos van amosando
nas encrucilladas que teremos que atravesar, todas elas espacios
de cultos pagáns a cristianizar. Os prados das Casas do Monte
vense engalanados de abellarizas.
No
medio do piñeiral pola dereita achegarémonos á pequena aldea de
Vigo, topónimo que, segundo Fernando Cabeza, fai referencia ó
seu significado de aldea o pequeno lugar poboado. Entre as casas
rurais levántase o pazo de Veiga fundando segundo Martinez Barbeito,
no século XVII polo capitán don Fernando Bello e a súa dona Francisca
Romero de Caamaño; o escudo presenta as armas dos Moscoso (cabeza
de lobo), Montenegro (M coroada), Caamaño (lanzas) e Figueroa
(follas de figueira).
No
casal de Río de Vaa encontramos un entorno etnográfico constituído
por catro muíños e unha casa labrega, un deles, privado, aínda
en funcionamento. O río de Vaa é unha das poucas correntes fluviais
que verten á costa de Bergantiños. Nace ós pés do castro
de Brión, percorre distintos lugares do concello e desemboca na
ría de Esteiro (Ceiruga, Barizo). Ó longo do seu discorrer
move decenas de muíños. Na aldea a lingua segue viva en palabras
como canle, aliviadoiro, gradilla, canela, rodicio, mesa, aguillón,
moega, quenlla. O uso destes muíños era un privilexio concedido
a comunidades eclesiásticas, á nobreza e ós concellos. Ata aquí
viñan moer habitantes da vila pontecesá de Corme. O fundador deste
conxunto foi Lorenzo García Soto, veciño de Coristanco, así como
dun serradoiro hidráulico. Gracias ó aproveitamento de auga esta
aldea foi o primeiro lugar do concello que contou con luz eléctrica.
 |
|
Area
recreativa do Río de Vaa/ H. Pose
|
|
Arredor
dos muíños podemos escoitar o canto do ferreiro abelleiro (Parus
maior) pousado nos salgueiros (Salix sp.). A saramaganta (Chioglossa
lusitanica) móvese polas zonas húmidas. Pola tona da auga seguramente
sobrevoa a libélula emperador (Anax imperator). Os ameneiros de
lanzal figura comparten coas figueiras vellas o predominio arbóreo
a carón do río.
Camiño
de Mens batemos batemos coa capela do Espírito Santo onde se garda
unha imaxe de San Calixto.
CAPELA
DO ESPÍRITO SANTO
A
capela foi erixida a finais do século XVIII e restaurada en 1994.
Consta dunha soa nave e ábsida rectangular. O interior é de gran
sinxeleza. Os muros son de cachotería e de escasos vans. A fachada,
pentagonal, está orientada cara ó sur. Pegado ó muro Oeste, sobresae
do teito un tellado, sostido por dúas columnas de granito, para
gorecer os fregueses.
San
Calixto xacente
Leonor Alonso e Lois Giadás recolleron unha fermosa historia que
nos fala do traslado, a finais do século XIX, do corpo santo de
San Calixto desde Roma ata a capela para mellor veneración dos
fregueses da zona, xa que "un corpo santo excita máis a devoción
que unha estatua de madeira e a súa presencia eleva a categoría
da igrexa que o posúe". Segundo o párroco de Mens, os gastos
de traslado, previstos inicialmente pola Confraría do Espírito
Santo e o cura Antonio Varela de Leis, víronse incrementados por
mor dos avatares da viaxe por mar e por terra. No mes de maio
celébrase unha romaría.
Escudo
e inscrición
Na parte superior do muro Leste podemos observar dous sillares,
un con escudo heráldico, outro coa seguinte inscrición: "Esta
obra realizouse sendo reitor D. Antonio Piñeiro (Santa Inquisición)
no ano 1684".
O
cruceiro
No campo da ermida levántase un cruceiro con pedestal de dúas
escaleiras, esteo octogonal, capitel cadrado e cruz carente de
imaxes.
De
novo, no noso camiño de Mens, á dereita, encontramos outro peto
de ánimas, no lugar do Oratorio. Dános as costas. A fachada está
composta por dous fornelos. No interior a presencia constante
de ramos de flores, tralo que se esconde a figura da Virxe. O
teito, de pedra, verte a dúas augas. No seu remate a cruz con
Xesucristo crucificado coa cabeza ladeada cara á dereita.
Unha
cruz de pedra con placa de mármore lémbranos o nome dun afogado.
Tras cruzarmos o río de Vaa, que por aquí se chama río de Chanca,
observamos as Torres de Mens.
AS
TORRES DE MENS
 |
|
Torres
de Mens / X.M. Varela.
|
|
As
Torres de Mens, xunto coas de Altamira (Brión), Cira (Ulla) e
Vimianzo son unha mostra importante da arquitectura civil do medievo.
É a única torre bergantiñá que aínda se mantén en pé. Según
Martínez Barbeito, en 1471 mandounas construír Lope Sánchez
de Moscoso para establecer unha liña defensiva fronte o poder
da igrexa.
Nelas estivo preso o arcebispo de Santiago, según as declaracións
de Gonzalo de Ardeleiro no Preito Tabera Fonseca: "Bernal Dianes
de Moscoso entrara una noche con el en la dicha villa y Tapal
de Noia y lo prendiera y llebara preso a la fortaleza de Altamira
y de alli lo ynbiara el dicho Bernal Dianes a la fortaleza de
Bimianço y que de alli lo ynbiara otra bez a la forteleza de Mens
y de alli lo ynbiara a la fortaleza de Ferreira e quel susodicho
ansi lo oio dezir al dicho su padre que fue uno de los que lo
guardaban en Mens y en Ferreira y quel testigo cree que la dicha
presion del dicho señor Patriarca turara dos años y mas tiempo
..."
Coa
perda definitiva do poderío da casa de Altamira, en 1872 foron
adquiridas por Pedro María Abelenda. Tras iniciar a reconstrucción
en 1998 baixo a sabia dirección de Manuel Gallego, o actual propietario,
familiar do comprador, recibiu o Premio Europa Nostra 1993, que
recoñece ás mellores construccións civís. O interior é privado
e tan só se permite o acceso, polo exterior, ata a torre de entrada.
Planta
As Torres de Mens están formadas por un recinto semiovalado, levantado
con muros de cachotería, tres torres de sillería e alongada casa
vivenda. Rodea todo o conxunto un foxo que tan só se interrompe
na porta de entrada (hai autores que falan dunha ponte levadiza).
Segundo Leonor Alonso e Lois Guiadás, levántase sobre un
primitivo castro utilizado como campamento militar romano (castra)
Torre
de homenaxe
Érguese señorial cara ao sur coa balconada de madeira. Está pegada
e comunícase polo interior coa vivenda principal. É a única torre
de tres plantas, as dúas restantes contan con dúas.
Torre
de entrada
Ábrese ó exterior, na planta baixa, por unha porta oxival. Nas
xambas graváronse insculpidos catro círculos con cruces. A segunda
planta, ata hai anos, exercía as funcións de pombal.
Vivenda
A modo de pequeno pazo fortificado levántase unha vivenda formada
por dous corpos. O primeiro, alongado, tellado a dúas augas, está
composto por dúas plantas; ó longo da fachada disponse
unha solaina e escalinata formada por dous tramos de escaleiras.
O segundo corpo, pegado ó anterior, está formado por tres plantas
e carece de tanta monumentalidade có anterior.
O
trigal maldito
Unha lenda nárranos que existe un pasadizo entre o castelo
e a igrexa románica, aínda que nunca se puido demostrar a súa
existencia. Dinos que o conde raptara unha fermosa moza da aldea
e tíñaa presa no castelo. Os aldeáns asaltaron o castelo e o conde
tivo que fuxir polo túnel. Para que non escapase os asaltadores
prendéronlle lume nas dúas bocas. Desde aquela o trigo e millo
que nace enriba deste paso subterráneo marelece máis pronto por
mor da maldición pasada.
IGREXA
ROMÁNICA DE SANTIAGO DE MENS
 |
|
Abside
central de Santiago de Mens / A.F.M.
|
|
A
igrexa de Santiago de Mens é o resto monumental dun antigo mosteiro
bieito que do que as noticias máis tardías nos remontan ó século
X nas doazóns dos Condes de Traba. No século XVII, segundo Jerónimo
del Hoyo (363) aínda conservaba "claustro y aposentos que demuestran
bien el haber sido monasterio". Na actualidade tan só se conservan
dous restos toponímicos que nos falan da antiga presencia deste
mosteiro e dos seus moradores: A Eira do Mosteiro e o Río dos
Píos. A parte románica, case a totalidade do templo, foi erixida
en 1134. O mosteiro estivo vinculado a Santa María de Cambre,
San Martiño Pinario e á Colexiata da Coruña.
Para
promover a arte románica do concello, cada verán, entre xullo
e agosto, celébranse as Noites Musicais, veladas musicais ás que
acoden veciños e visitantes. Para observar a igrexa por dentro
cómpre acudir en horas de culto (20.00 h).
Etapas
constructivas
A estructura basilical, os piares cadrados, a cuberta de madeira
e a irregular nivelación do chan son as pegadas prerrománicas
da igrexa. A cabeceira, a porta sur, o muro norte e a desaparecida
fachada principal son os trazos do románico. A finais do século
XIX substituíuse a fachada románica por unha barroca, de escaso
mérito.
Porta
lateral sur
Enmarcada por dúas columnas pegadas ós muros que rematan
en capiteis con decoración vexetal. O tímpano liso arquéase por
un axadrezado.
Cabeceira
Está formada por tres ábsidas. A central, pentagonal, cuberta
por bóveda de esfera e con semicolumnas pegadas. As laterais,
semicilíndricas e cubertas por bóvedas de semiesfera. No beiril
amósase unha excelente colección de canzorros.
Muro norte
Outra colección de 12 canzorros e dúas inscricións que nos datan
a construcción románica encóntranse no muro norte, a parte máis
vella da igrexa.
Decoración
interior
O arco triunfal aparece sostido por dúas columnas pegadas que
rematan en capiteis con exuberante decoración vexetal. Na ábsida
esquerda, un capitel con dous leóns en actitude agresiva
Ara
precristiá
Incrustada no altar da ábsida dereita, presenta forma rectangular.
As súas marxes están delimitadas por un marco de tres liñas insculpidas.
A superficie, onde se encontraría a inscrición, foi pulida como
signo de cristianización.
Santiago
Peregrino
Na ábsida norte ou de Santo Antón encóntrase un Santiago Peregrino
medieval, en madeira policromada, que formou parte de exposicións
xacobeas. O seu emprazamento orixinal era a capela do Espírito
Santo.

|