Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
11°
Xoves 14°
11°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Representantes dun Grupo de Acción Costeira de Rumanía visitan Malpica para aprender das experiencias locais

25Abr 2015

Representantes dun Grupo de Acción Costeira de Rumanía visitan Malpica para aprender das experiencias locais

A expedición, integrada por 32 membros de confrarías e agrupacións de pescadores, está a estudar distintas iniciativas en Cataluña e Galicia
540-f-foto

Representantes do Grupo de Acción Costeira (GAC) do Delta do Danubio, en Rumanía, incluíron Malpica no programa de visitas que están a facer a distintas vilas pesqueiras de Cataluña e Galicia coa finalidade de aprender das experiencias locais. O alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, recibiron e acompañaron ao grupo, integrado por 32 persoas que forman parte de confrarías ou agrupacións de pescadores do GAC do Delta do Danubio.

 

En Rumanía están arrincando agora este tipo de programas, e o proxecto que se leva a cabo nesa zona en concreto inclúe un apartado formativo dentro do cal se enmarcan as visitas a Cataluña e Galicia, segundo explicou o xerente do GAC-3 Costa da Morte, Guillermo González, que exerce como guía dos visitantes. Na xornada malpicá (onte estiveron en Camariñas) puideron comprobar como se organizan e traballan nas redeiras, as aplicacións artesanais que realizan e tamén outros proxectos desenvolvidos con fondos do GAC, como Malpica, o mar de Sisargas, unha tenda de efectos navais ou unha taberna. ?Para eles é moi interesante ver que tipo de proxectos se poden facer, como se pode diversificar?, sinalou Guillermo González. O traballo coas redes interesoulles especialmente polas posibles aplicacións que poidan ter no Delta do Danubio, onde teñen pesca fluvial. A expedición rumana tomou, ademais, boa nota da experiencia de traballo complementario que realizan o GAC e o GDR, que comparten sede no Centro Comarcal de Buño.

 

O xerente do GAC-3 destacou que para a Costa da Morte tamén resultan moi proveitosas este tipo de visitas, tanto pola promoción que supoñen para os proxectos desenvolvidos como pola posibilidade de establecer contactos con outras rexións e países para intercambios futuros ou experiencias conxuntas.