Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Os maiores de Malpica visitaron a Casa da Auga da Coruña

20Nov 2014

Os maiores de Malpica visitaron a Casa da Auga da Coruña

O programa de envellecemento activo, no que participan 50 veciños e veciñas, continuará o martes cunha charla sobre primeiros auxilios
540-f-foto

Os maiores de Malpica que participan no programa de Envellecemento Activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais participaron hoxe nunha relaxante e instructiva visita á Coruña. O autobús partiu da vila malpicá ás 10 horas e despois da parada de rigor en Buño trasladou aos 38 excursionistas, acompañados pola concelleira Marisol Blanco Gorín, ata a Casa da Auga coruñesa, onde gozaron durante dúas horas da ampla oferta termal das instalacións. A xornada continuou cun xantar, e pola tarde, despois dun paseo ata a Torre de Hércules, os maiores adentráronse na Domus.

 

Os participantes valoraron moi positivamente a experiencia, e mesmo quedaron con ganas de máis. Pero o programa de Envellecemento Activo, dirixido este ano pola empresa de economía social + Porvir, continúa con moitas outras actividades. Para o vindeiro martes está prevista unha sesión sobre primeiros auxilios a cargo de Protección Civil e o xoves celebrarase a festa de clausura con xogos populares, merenda e baile dende as 4 ata as 8 da tarde no Centro Cívico.

 

Nos talleres de Envellecemento Activo, que se celebran en Malpica e Buño, participan un total de 50 persoas. A iniciativa, subvencionada pola Deputación da Coruña, pretende ofrecer aos maiores unha serie de ferramentas que lles axuden a mellorar a súa calidade de vida. Monitores e participantes traballan dende hai un mes nos ámbitos da saúde, a participación na sociedade, a seguridade e a formación continua, catro grandes bloques que abranguen propostas coma alimentación saudable, mantemento físico, club de lectura, festas, teatro, cine, visitas a balnearios, prevención de riscos no fogar ou busca de afeccións.