Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O presidente da Xunta pon o parque eólico de Malpica como exemplo da enerxía eólica máis eficiente

5Feb 2018

O presidente da Xunta pon o parque eólico de Malpica como exemplo da enerxía eólica máis eficiente

IMG_5314

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, considera que o parque eólico de Malpica demostra que é posible “facer unha enerxía eólica máis eficiente, porque produce máis enerxía con menos infraestrutura, e menos invasiva, xa que o número de aeroxeradores redúcese nun 90%”. Este luns, precisamente, Alberto Núñez foi testemuña do remate das obras de repotenciación do parque de Pemalsa, que, malia reducir de 69 a 7 o número de aeroxeradores, producirá o dobre de enerxía, un aspecto no que incidiron tanto o presidente da Xunta como o alcalde de Malpica, Eduardo Parga.

IMG_5335

O alcalde foi o encargado de abrir o acto, ao que asistiron tamén os rexedores de Ponteceso e Chantada; o delegado territorial da Xunta na Coruña e o conselleiro de Industria, ademais de directivos do grupo Elecnor, que ten unha participación do 95,55% no parque a través da súa filial de desenvolvemento e explotación de enerxía eólica, Enerfín. Eduardo Parga destacou que os avances tecnolóxicos permitíronnos entrar na vangarda das enerxías renovables hai 20 anos, coa instalación dun dos primeiros parques eólicos de Galicia e de España, e que hoxe volven a situar a Malpica á vangarda con este proxecto de repotenciación. “Para nós –manifestou- é un motivo de satisfacción que Malpica volva a estar na vangarda, tanto a nivel de producción como desde o punto de vista paisaxístico e ambiental”.

Na mesma liña, o presidente da Xunta aseverou que este proxecto conxuga un triplo compromiso: co ambiente, cunha redución do número de aeroxeradores, que pasan de 69 a 7; coa industria das renovables, xa que este é o segundo parque que se repotencia en Galicia, reducíndose a infraestrutura pero non a potencia nin a eficiencia enerxética, e cos concellos de Malpica e Ponteceso, xa que, ademais dun investimento de 22 millóns de euros durante a súa execución, fixa industria e emprego.

IMG_5322

“En definitiva, estamos a falar dun parque que manterá a décima parte dos aeroxeradores, que duplicará a súa produción de enerxía equivalente ao consumo eléctrico de 18.500 fogares, e que diminuirá nunha hectárea a superficie total ocupada”, dixo, incidindo na aposta da Xunta pola repotenciación para renovar a flota de aeroxeradores instalados en Galicia, buscando un equilibrio entre a sustentabilidade ambiental e a eficiencia da eólica galega.