Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Forno do Forte bate o seu propio récord de visitas na mellor Semana Santa dende a súa apertura no 2006

7Abr 2015

O Forno do Forte bate o seu propio récord de visitas na mellor Semana Santa dende a súa apertura no 2006

O ecomuseo de Buño foi o recurso patrimonial da Deputación Provincial da Coruña máis visitado no ámbito da Costa da Morte
540-f-foto

O patrimonio foi o auténtico protagonista da Semana Santa en Malpica, cun programa de actividades que, á vista dos datos, respondeu ás expectativas de veciños e visitantes. Un total de 621 persoas pasaron polo Forno do Forte de Buño na mellor Semana Santa dende a apertura ao público do ecomuseo, no ano 2006, co que se converte no recurso turístico da Deputación Provincial da Coruña máis concorrido da Costa da Morte.

 

O día de maior afluencia foi o xoves, coincidindo coa cocedura experimental en forno aberto que levou a cabo a Fundación Terra Termarum de Cuntis. Os resultados foron moi interesantes, xa que mentres todas as pezas chegadas dende a vila pontevedresa saíron ben, dúas das elaboradas no Forno do Forte romperon, o que pon sobre a mesa as posibles diferenzas entre unhas e outras. “Foi unha actividade experimental, e precisamente o interesante é iso, que xorden preguntas e hai que buscar respostas”, sinalou Paco Doval, xerente do ecomuseo. Precisamente, a raíz desta primeira toma de contacto vai continuar a colaboración entre os artesáns das dúas vilas oleiras, e este ano na cocedura tradicional do Forno do Forte haberá pezas de Cuntis.

 

As rutas guiadas polos fornos de Buño e os obradoiros infantís tamén tiveron moi boa acollida entre os visitantes, a maioría procedentes do propio municipio de Malpica e da Costa da Morte, seguidos dos da Coruña, Pontevedra, Arteixo, Vigo, Santiago, Lugo e Ferrol. De fóra de Galicia houbo menos público que noutras ocasións, e principalmente chegado dende Madrid, Asturias, Zaragoza, Burgos e San Sebastián.

 

A Semana Santa no municipio de Malpica coincidiu ademais coa primeira xornada de limpeza da Croa do Castro, na parroquia de Cerqueda. Para este sábado, día 11, está prevista unha segunda de novo coa participación de veciños e voluntarios.