Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño superou no 2018, por terceiro ano consecutivo, os 20.000 visitantes

29Xan 2019

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño superou no 2018, por terceiro ano consecutivo, os 20.000 visitantes

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Por terceiro ano consecutivo, o Ecomuseo do Forno do Forte superou os 20.000 visitantes no 2018. En concreto foron 20.275, 42 máis ca no ano 2017 e 204 máis ca no 2016. O bo tempo prolongado durante case todo o ano, que contribuíu ao incremento dos turistas individuais e das visitas de entidades e turoperadores, xunto cun pequeno aumento des colexios (dous máis ca no ano anterior), foron dous factores clave para seguir mellorando as cifras.

Os escolares supoñen o 11,3% do público, xa que polo ecomuseo de Buño pasaron o ano pasado 2.293 nenos e nenas de máis de 40 centros educativos. Como xa sucedera o ano anterior, en momentos puntuais foi preciso contratar persoal de apoio para poder atender a demanda dos colexios, xa que, ademais de mergullarse na historia da olería e na forma de vida dos antigos artesáns a través da visita guiada ao complexo, os rapaces convértense en oleiros por un día nos obradoiros infantís que se desenvolven no cabanote.

Pero as principais visitas colectivas son as organizadas por entidades e turoperadores. De feito, o Forno do Forte foi o destino o ano pasado de 81 excursións, que achegaron ata Buño a un total de 4.108 visitantes.

En canto aos visitantes individuais, a maioría son da contorna. A Coruña é a cidade galega que máis visitantes achega, seguida de Vigo e Santiago, e o ano pasado notouse un aumento de persoas procedentes das Rías Baixas e da Mariña Luguesa. De fóra de Galicia, Madrid é a comunidade que “envía” máis turistas ao ecomuseo. A continuación sitúanse Cataluña e Comunidade Valenciana, e increméntanse as visitas dende Andalucía e Castela León. Francia e Gran Bretaña son, así mesmo, os países de orixe da maior parte dos visitantes estranxeiros, e dende o outro lado do Atlántico dominan os de Sudamérica, aínda que tamén tivemos algún de Estados Unidos.

Se aínda non coñeces o Forno do Forte, aproveita para visitalo en calquera época do ano. Estes son os nosos horarios:

HORARIO DE INVERNO (NOVEMBRO A FEBREIRO)
Martes a sábado
Mañá: 11:00 a 14:00
Tarde: 16:00 a 18:00
Luns pechado

HORARIO DE VERÁN (MARZO A OUTUBRO)
Martes a sábado
Mañá: 11:00 a 14:00
Tarde: 16:00 a 19:00
Domingo
Mañá: 10:00 a 14:00
Luns pechado

ESTE HORARIO AMPLÍASE DURANTE A SEMANA SANTA E A MOSTRA DE OLERÍA