Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 18°
15°
Sábado 20°
14°
Domingo 19°
17°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O deporte volve a amosar a súa cara máis solidaria en Malpica

3Ago 2016

O deporte volve a amosar a súa cara máis solidaria en Malpica

A Travesía Sisargas e a UD Cerqueda colaboran co banco de alimentos que xestionan a Concellería de Servizos Sociais e Amigos de Galicia

TRAVESIA-BANCO-ALIMENTOS-2-web

A solidariedade e o deporte van unidos, unha vez máis, en Malpica. Grazas ás iniciativas impulsadas polos organizadores da Travesía Sisargas e pola UD Cerqueda, as 21 familias usuarias do banco de alimentos que xestionan a Concellería de Servizos Sociais e a Fundación Amigos de Galicia, e do que se benefician un total de 64 persoas, recibirán unha axuda extra.

Daniel Gambón, promotor da Travesía a Nado, vén de facer entrega ao Concello de Malpica de 200 quilos de alimentos para o banco municipal. Por segundo ano consecutivo, cada participante na proba deportiva colabora con esta iniciativa cun quilo de produtos non perecedoiros. Aos 190 quilos de arroz, conservas, leite, azucre, aceite e demais alimentos achegados polos 190 participantes, a organización engadiu outros dez, ata completar os 200. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, que recibiu os alimentos xunto co alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro Miguel Fernández, expresou o seu agradecemento a Daniel Gambón e aos participantes na Travesía Sisargas por “este xesto tan altruísta e tan importante, porque beneficia a familias que carecen dos recursos necesarios para cubrir necesidades tan básicas coma a alimentación”.

Convencidos tamén de que o deporte debe ir moito máis alá da competición, os membros da xunta directiva da UD Cerqueda tamén destinarán este ano a recadación do Trofeo Solidario Os Petóns, que se disputará este sábado 6 de agosto, ao banco de alimentos do Concello de Malpica.