Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O convenio para o mantemento do Ecomuseo do Forno do Forte increméntase ata 69.200 euros para o ano 2019

29Dec 2018

O convenio para o mantemento do Ecomuseo do Forno do Forte increméntase ata 69.200 euros para o ano 2019

28122018 convenio

Valentín González Formoso e Eduardo Parga Veiga

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinaron o convenio para o financiamento das actividades do ecomuseo do Forno do Forte durante o ano 2019.

A institución provincial achegará 69.200 euros, o que supón un incremento de 9.200 euros con respecto a este ano, para cubrir o 100% dos gastos de mantemento, xestión e promoción do ecomuseo do Forno do Forte de Buño, co obxecto de garantir a valorización e mantemento do conxunto etográfico.

González Formoso subliñou que, dende hai máis dunha década, a Deputación da Coruña colabora co Concello de Malpica de Bergantiños na posta en valor e difusión da olería tradicional de Buño, mostrando desde a vida cotiá dos artesáns ata todo o proceso de elaboración das pezas, nunhas instalacións que recuperan e conservan os elementos arquitectónicos propios dunha casa dedicada á olería.

O presidente provincial destacou que, ademais de financiar estas actividades, a Deputación da Coruña apoia tamén cada ano a celebración da Mostra de Olería de Buño, á que se destinaron 80.000 euros nos últimos anos.

Un importante recurso turístico e etnográfico

Os visitantes do Forno do Forte teñen a oportunidade de coñecer en profundidade todo o proceso de produción de pezas, desde o torneado ao cocido ou o secado nun centro que contribúe a conservar e poñer en valor a cultura popular e é tamén un importante recurso turístico e etnográfico da comarca.

O acordo asinado entre González Formoso e Parga Veiga renova o compromiso da Deputación co Forno do Forte. Entre as obrigas do Concello, atópase ofrecer un horario mínimo de atención ao público de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 horas a 19.00 horas, todos os días da semana agás o luns. Así mesmo, fomentarase o estudo e investigación en asociación con entidades oleiras e culturais da zona e facilitarase información turística e cultural sobre a Costa da Morte aos visitantes.