Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 12°
Xoves 12°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello e Protección Civil de Malpica poñen en marcha unha campaña de trampeo de avespa velutina

23Mar 2018

O Concello e Protección Civil de Malpica poñen en marcha unha campaña de trampeo de avespa velutina

CAMPAÑA VELUTINA

Coa chegada da primavera empeza tamén a actividade da avespa velutina. Despois do letargo invernal as raíñas comezan a saír dos niños, polo que estamos no mellor momento para actuar e evitar que a especie invasora se siga propagando. Con esa intención, o Concello de Malpica e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil veñen de poñer en marcha unha campaña aberta á participación e colaboración tanto de apicultores/as como de veciños e veciñas que queiran axudar a combater a praga.

As persoas interesadas poden pasar pola Casa do Concello e solicitar trampas e líquido atraínte que deberán colocar o antes posible en zonas con plantas ou árbores con flores (camelios e rododendros están entre os preferidos pola avespa asiática). Tanto na trampa como no envase do líquido explícanse os pasos que se deben seguir, ademais de recordar ao voluntariado que tamén se poden preparar trampas con botellas de plástico e líquidos de uso habitual en calquera fogar como viño, cervexa, zume ou simplemente auga con azucre.

atrainte

A campaña foi presentada polo alcalde, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e membros de Protección Civil, entre eles o seu coordinador, Iván Muíño. No acto lembraron a importancia de que as persoas que queiran colaborar na campaña faciliten os seus datos no momento de solicitar as trampas e un número de teléfono de contacto para poder realizar un seguimento da campaña. Nas oficinas xerais da primeira planta do Concello de Malpica ofreceráselles toda a información.