Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello destinará 40.000 euros á renovación do parque infantil da rúa Xaviña en Buño

19Ago 2021

O Concello destinará 40.000 euros á renovación do parque infantil da rúa Xaviña en Buño

O Concello de Malpica seguirá a renovar a súa rede de infraestruturas municipais co proxecto de mellora do parque infantil da rúa Xaviña, en Buño. Esta actuación conta cun orzamento de 39.996,03 euros con cargo ao POS+ Complementario 2021 da Deputación da Coruña, cunha achega municipal de 10.000 euros.

Deste xeito, reformaranse totalmente as instalacións situadas ao carón do CEIP Joaquín Rodríguez Otero e do campo de fútbol de Buño, que na actualidade presentan un avanzado estado de deterioro polo uso e o paso do tempo.

Así, retiraranse e substituiranse os antigos elementos de xogo e renovarase totalmente o pavimento, con disposición de novo céspede e areeiro co nivelado previo do terreo. Entre os novos elementos estará un bambán dobre mixto, un espazo multixogos con tobogán e rede de escalada, dous resortes simples e un máis dobre.

Tamén se instalará un novo sistema de valado perimetral con dúas portas de acceso independentes, unha cara a rúa Xaviña e outra cara o centro educativo. A actuación tamén inclúe a creación dun novo sistema de canalización de augas pluviais e a dotación do espazo de iluminación pública e unha fonte de auga potable. Segundo explicou o alcalde de Malpica, Walter Pardo, “esta actuación permitirá unha notable mellora no servizo para a rapazada que estuda tanto no Joaquín Rodríguez Otero como para o resto de nenas e nenos que se achegan ao parque polas tardes”. Neste sentido, resaltou “o importante esforzo que o Concello está a realizar para manter a nosa rede de infraestruturas nas mellores condicións posibles”.