Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica retoma as sesións de ‘Tardes na Biblioteca’ con actividades para público infantil

29Set 2020

O Concello de Malpica retoma as sesións de ‘Tardes na Biblioteca’ con actividades para público infantil

A concellaría de Cultura do Concello de Malpica retoma as sesións de ‘Tardes na Biblioteca’ con actividades para público infantil. A programación consta de tres sesións, que comezarán este venres 2 de outubro na Biblioteca Municipal Eduardo Blanco Amor. Todas as sesións se celebrarán ás 18:00 horas.

Para reservar asento, xa que o aforo é limitado debido á situación sanitaria, pódese chamar ao 696 16 11 87. Recoméndase a presenza dun adulto por cada nena/o. A primeira das sesións correrá a cargo de Inacio Vilariño co ‘Espantamedos’, unha proposta de contos e cancións para enfrontarse a eses medos patrimoniais que, dun xeito ou doutro, perviven na sociedade galega nos nosos días.

Na segunda sesión, do 9 de outubro, Magín Blanco escenificará o espectáculo ‘O que levamos nas maletas’, un contacontos musicado que axudará aos nenos e nenas a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua, polos contos e a música para que poidan artellar o seu propio universo creativo.

Para pechar a programación, o 16 de outubro, Pérez&Fernández traerán a Malpica ‘Rosa e Azul’, un espectáculo de narración oral que reflicte unha realidade que os nenos e nenas deberán coñecer. Bruxas malvadas, un neno que leva posto un vestido rosa e un pai que é ama de casa. Unha coidada selección de contos non sexistas que pretende eliminar valores e actitudes estereotipadas.

Todas as actividades contarán cos protocolos adaptados á situación provocada pola COVID-19. Será de uso obrigatorio a máscara sanitaria para maiores de 6 anos e haberá a disposición das persoas usuarias xel hidroalcólico.