Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica organiza para a vindeira fin de semana a XVI Cocedura Tradicional no Forno do Forte de Buño

26Xul 2014

O Concello de Malpica organiza para a vindeira fin de semana a XVI Cocedura Tradicional no Forno do Forte de Buño

Coincidindo coa Mostra da Olería, a Concellería de Turismo repetirá un proceso centenario de elaboración das pezas de barro
540-f-foto

A Concellería de Turismo de Malpica prepara para a vindeira fin de semana unha nova edición, a número 16, da Cocedura Tradicional no Forno do Forte de Buño. O proceso centenario de elaboración das pezas de barro comezará o día 2, ás 11.00 horas, coa carga do forno. O prendido será ás 15.00 horas, e xa a última hora da tarde, aproveitando a calor, celebrarase a Festa da Carroa, outra tradición que vai unida á cocedura tradicional. A descarga do forno será o domingo 3, a partir das 11.00 horas.

 

O concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo, destacou a importancia de reproducir unha parte tan importante do proceso de elaboración da olería como é a cocción tal e como se facía en Buño polo menos dende o século XVII. <Intentamos que a Cocedura Tradicional se faga como se fixo sempre>, sinalou. Para conseguilo, todo o proceso, no que participarán veciños e artesáns de Buño, estará supervisado polo oleiro Antonio Pereira, <O Rulo>.

 

Olas, ánforas, porróns? Arredor de 2.000 pezas serán colocadas con sumo coidado no Forno do Forte o sábado pola mañá. Unha vez cargado o forno, a bóveda será tapada con <cachos>, que axudan a manter a calor. O prendido será ás 15.00 horas, e nese momento entrará en escena a <muller dos fumes> para alimentar o forno con toxo ata que acade a temperatura idónea, que se sitúa arredor dos 1.000 graos. E despois será a quenda dos atizadores, que terán a misión de manter a temperatura ata que remate a cocción, unhas catro horas despois. A a calor acumulada aproveitarase para asar as sardiñas, que se servirán acompañado con pan e viño na Festa da Carroa, a partir das 21.00 horas. De feito, a cocedura nestes fornos comunitarios era, antigamente, unha festa.

 

As pezas que se descarguen o domingo do Forno do Forte serán comercializadas cunha etiqueta na que se garante que foron elaboradas de xeito artesanal.