Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Cultura
  3. O Concello de Malpica de Bergantiños reforza o seu compromiso coa cultura

13Mai 2020

O Concello de Malpica de Bergantiños reforza o seu compromiso coa cultura

O apoio á cultura foi, é e sempre será unha prioridade para o Concello de Malpica de Bergantiños. O noso compromiso co sector refórzase nestes días nos que moitas e moitos profesionais están sufrindo os efectos provocados pola crise do coronavirus. Agora, máis que nunca, a concellería de Cultura do Concello estará do lado das xestoras e dos xestores culturais, músicos e músicas, artistas escénicos e do audiovisual, das escritoras e escritores e, en xeral, de todas aquelas persoas que viven, día a día, da cultura.

Nestas últimas semanas, vimos a gran parte do sector ofrecendo contidos de xeito altruísta, co único fin de que as cidadás e cidadáns puideran levar mellor esta difícil situación. E é que, se algo aprendemos deste confinamento, foi a apreciar con máis forza o valor da música en vivo, a maxia que se xera nun escenario, ou a enorme satisfacción de poder sentarse nunha butaca e gozar da última estrea cinematográfica. Aprendemos, en definitiva, o superpoder da cultura, que se converte na nosa mellor aliada nos momentos máis difíciles.

Cremos que este é o momento de devolverlles o favor, e querémolo facer amosando o noso máis firme compromiso con este ámbito. Tal é o noso apoio, que a intención é buscar alternativas que nos permitan pospor a programación cultural de 2020 en lugar de cancelala. Isto redundará, non só no beneficio do propio sector, senón tamén no da veciñanza do noso municipio. Porque entendemos, e o estado de alarma así nolo demostrou, que a cultura segue a ser un piar fundamental na sociedade.

Desde a concellería de Cultura estamos estudando xa as diferentes opcións para ofrecer á cidadanía de Malpica unha programación completa, sempre atendendo ás directrices fixadas polas autoridades sanitarias. Farémolo para que a cultura nunca pare.