Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
10°
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello complementa o equipamento da nova embarcación “Malpica 2” para seguir mellorando o servizo de salvamento

11Mai 2016

O Concello complementa o equipamento da nova embarcación “Malpica 2” para seguir mellorando o servizo de salvamento

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Co inicio da temporada de praias á volta da esquina, o Concello de Malpica vén de realizar un importante esforzo para mellorar os servizos de salvamento completando o equipamento da nova embarcación “Malpica 2”, entregada o pasado mes de febreiro pola Xunta de Galicia dentro do plan de mellora dos medios materiais dos que dispoñen os servizos de Protección Civil de Galicia. A embarcación pneumática de salvamento e rescate, de cinco metros de eslora, dispón agora do mellor equipamento, como puideron comprobar o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández, e o coordinador de Protección Civil, Ivan Muíño.

O Concello de Malpica instalou na nova embarcación un equipo de GPS sonda ploter 92sv, sistema VHF con megáfono, altofalantes e antena; focos led e luz xiratoria de emerxencia co correspondente panel de control.  A lancha está rexistrada na 8º lista coa matrícula CO-2-1-16.

Con este investimento, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, unha das poucas que funciona exclusivamente con persoal voluntario, é unha das mellor equipadas da zona. Deste xeito, como xa o está a facer, pode colaborar de forma permanente con Salvamento Marítimo, ademais de estar ao servizo da seguridade en todo tipo de probas deportivas náuticas que se disputan en augas malpicás ou en calquera outro punto da costa no que sexa requirido o seu apoio.

En canto a medios destinados ao salvamento no mar, o servizo conta agora con dúas embarcacións, tubos de rescate, boias torpedo, un taboleiro espiñal para a inmobilización de posibles lesións medulares, un desfibrilador e un taboleiro de rescate innovador, xa que ao ser inchable é máis lixeiro e polas súas dimensións permite realizar vixilancias dinámicas pola praia durante a época estival. Precisamente nos vindeiros días terán lugar as probas de selección dos seis socorristas que desenvolverán o seu labor na praia de Area Maior a partir do 18 de xuño.