Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Centro Cívico de Malpica acolle a exposición “Asunción, María e José”, do fotógrafo Marcos Rodríguez

5Out 2016

O Centro Cívico de Malpica acolle a exposición “Asunción, María e José”, do fotógrafo Marcos Rodríguez

Marcos Rodríguez leva nove anos retratando a mulleres e homes como “Asunción, María e José”, tres dos protagonistas da exposición que pode verse durante todo este mes no Centro Cívico de Malpica. Unha exposición na que cada foto conta unha historia vital, permítenos viaxar no tempo, sentir o calor da lareira, o peso das zocas nas lameiras, o suor tras unha dura xornada de traballo na leira… Cada foto conta a historia de cada un e cada unha de nós, dos nosos maiores, espellos nos que debemos mirarnos cada día para aprender do pasado para poder encarar o futuro.

Asunción, María e José

Algo así só pode conseguilo unha persoa que entende a fotografía non só como unha profesión, senón como unha forma de vida. Para Marcos Rodríguez é así. No camiño entre Carballo, onde se criou, e Cee, onde está afincado, Marcos ten atopado moitos motivos de inspiración, moitos momentos irrepetibles para amosar ao futuro e para a eternidade, como el di. A fotografía artística non é, nin moito menos, o groso do seu traballo. Foi xefe de fotografía no semanario O Acontecer, traballou para El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños, DxT Campeón e colaborou con Que pasa na costa e La Voz de Galicia.

No seu currículum figuran numerosos premios: Concurso Internacional Vagamundos na categoría de paisaxe, premio á mellor fotografía sobre violencia de xénero en Camariñas, no certame fotográfico Xosé Manuel Eirís, mencións da federación de fotógrafos españois… en fin. O ano pasado chegoulle un dos seus maiores recoñecementos coa medalla de prata na categoría de reportaxe da World Photographic Cup e este ano xa leva todos estes:

-Representante do equipo español nas categorías de paisaxe e reportaxe na Copa do Mundo de Fotografía.
-Nominado aos “Quijotes 2015” Premio Nacional de Fotografía na categoría de “retrato” con 2 obras
-Nominado aos XII Premi Comunitat Valenciana de Fotogafía Professional con 4 obras
-Finalista nos European Photographer of the Year Awards nas categorías de Reportaxe Gráfica e Paisaxe.
-Finalista nos “Premios Andalucía de la Imagen” nas categorías “Libre creación” e “Retrato Infantil”.