Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O belén da igrexa parroquial de Malpica conserva pezas elaboradas de forma artesanal hai case 70 anos

3Xan 2015

O belén da igrexa parroquial de Malpica conserva pezas elaboradas de forma artesanal hai case 70 anos

O tradicional nacemento, que recuperou o esplendor grazas á implicación do párroco e dun grupo de veciños, pode visitarse ata a festa de San Xulián
540-f-foto

O belén da igrexa de Malpica é un tesouro. A maior parte das pezas que o integran teñen case setenta anos de antigüidade e todas foron feitas de maneira artesanal. Pero máis aló do económico, o nacemento ten un valor social e case histórico. As súas orixes remóntanse ao ano 1946, cando o párroco Santiago Abuelo Alvite e a mestra, dona Anastasia, organizaron unha función de teatro no cine Lerio para recadar fondos e comprar figuras novas. Pero a maior parte das pezas foron adquiridas ao ano seguinte, coincidindo coa chegada de Benigno Rocamonde, tras o falecemento do cura anterior, e de dona Lidia, a profesora que ocupou o posto de Anastasia cando se trasladou.

 

De 1947 proceden a maior parte das pezas. Entre as máis emblemáticas están o muíño, que funcionaba perfectamente, e o portal, construído por Pepe de Paz. Malpicáns coma el fixeron, de feito, todas as casas do belén malpicán. Así aforrábanse uns cartos. E aínda que o resto das figuras viñan de fóra, foron os veciños máis mañosos os que se encargaron sempre de que a roda do oleiro xirase, de que as galiñas picasen o gran, de que a auga do río circulase ou de que a iluminación funcionase correctamente.

 

O belén de Malpica chegou a ser unha referencia na comarca, pero na última etapa de Benigno Rocamonde entrou en declive e empezou a deteriorarse. Hai uns 15 anos, un grupo de malpicáns recolleron o testemuño dos pioneiros de 1946 e decidiron recuperalo. Houbo que restaurar moitas pezas e mercar outras, pero sempre idénticas ás orixinais, e pouco a pouco o nacemento foi recobrando o seu esplendor e medrando. Ten un circuíto pechado de auga e practicamente todos os compoñentes son eléctricos, o que permite que o río flúa e que as figuras teñan movemento. “Quixemos plasmas as profesións tradicionais da zona”, sinalan os organizadores do belén, no que, ademais dos Reis Magos, o Neno Xesús, a Virxe María, San Xosé, a mula, o boi ou os pastores, aparecen un ferreiro, un muiñeiro, un oleiro, unha atadora… “Algunhas figuras son desproporcionadas, porque son incluso anteriores a 1947”, apuntan. Pero o conxunto é espectacular.

 

A montaxe leva unha semana. Todos os días ás 10 da noite reúnense catro malpicáns que perden horas de sono para colocalo todo no seu sitio. “Non queriamos que se perdese, porque era moi tradicional, viña a velo todo o mundo de todos os sitios ata que empezou a decaer, e queremos que a xente volva a visitalo”, sinalan. Quen queira facelo pode achegarse á igrexa de luns a venres a partir das 18 horas ou as fines de semana pola mañá. Iso si, antes da festa de San Xulián, porque despois empezarán a desmontalo e a gardalo ata o ano que vén.