Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O alcalde e o concelleiro de Turismo viaxan a Malpica de Tajo para avanzar no irmandamento

18Xan 2015

O alcalde e o concelleiro de Turismo viaxan a Malpica de Tajo para avanzar no irmandamento

A estancia de Eduardo Parga Veiga e Alfredo Cañizo Garrido coincidirá coas festas de San Sebastián, patrón do pobo toledano
540-f-foto

O alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, e o concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo Garrido, iniciarán mañá unha estancia de tres días no pobo toledano de Malpica de Tajo para avanzar nas xestións de irmandamento entre os municipios homónimos. A estancia dos representantes municipais coincidirá coa celebración das tradicionais festas de San Sebastián, patrón de Malpica de Tajo.

 

Alfredo Cañizo xa participou o ano pasado nas festas, e mesmo tivo a honra de facer unha das ofrendas a San Sebastián, unha das tradicións do pobo. Pero quizais a máis singular é a dos “morraches”, uns personaxes que teñen un protagonismo especial durante todas as celebracións e que se caracterizan polas súas vestimentas de cores verde, vermello e marelo, as súas máscaras e chocallos. Nesta ocasión o concelleiro de Turismo estará acompañado polo alcalde, e participarán xuntos non só nos actos festivos, senón nunha serie de visitas de interese turístico e cultural e nunha reunión con todos os grupos da corporación para preparar o irmandamento formal entre as dúas Malpica.

 

Precisamente nestes días cúmprese un ano do inicio das xestións. O pasado mes de xuño Malpica de Bergantiños xa recibiu a visita do alcalde de Malpica de Tajo, Mario Cruz, e outros membros da corporación municipal, que tiveron a ocasión de participar nas festas de Corpus e San Adrián. Un dos obxectivos do irmandamento será, precisamente, aproveitar os recursos das dúas localidades para iniciar unha serie de intercambios en áreas coma a cultura, a empresa e o turismo, e as festas constitúen, neste sentido, un dos recursos máis salientables.

 

Malpica de Tajo é un municipio de 2.000 habitantes situado na comarca de Torrijos, a 51 quilómetros da cidade de Toledo. O importante papel que xogou ao longo da historia quedou reflectido no seu castelo, unha xoia da arte mudéxar datada no século XIV e que goza da declaración de Ben de Interese Cultural. Dende o punto de vista económico destaca a industria bodegueira, representada por marcas de tanto prestixio coma Osborne ou Pagos del Marqués de Griñón.