Novo éxito de participación no Concurso Gastronómico de Doces de Entroido de Malpica
O certame do Martes de Entroido, que este ano celebrou o seu 15º aniversario, reuniu a centos de persoas no polideportivo municipal
Novo éxito do Concurso Gastronómico de Doces de Entroido de Malpica na súa 15ª edición, cun total de 25 participantes nas tres categorías establecidas: infantil, amateur e profesional. O xurado, integrado por representantes do Concello e das entidades colaboradoras, Asociación de Redeiras Mar da Illa e ANPA Ventorillo, tivo que enfrontarse a unha difícil tarefa dada o elevado nivel. Sabor, presentación, orixinalidade e tradición mesturáronse nunha tarde que encheu de animación o polideportivo municipal.
Na categoría infantil o primeiro premio foi para as “Borlas de froita” de Alba Villanueva; o segundo, para as “Magdalenas multicolor” de Noelia Garrido, e o terceiro, para o “Brazo de xitano de Entroido” de Brais Casal. Na categoría profesional o gañador foi o “Queique con máscara” do JB, mentres que o segundo posto correspondeu ao “Flan de mandarina” do Cachón e o terceiro, ao “Flan de café con nata” do Brebaxe. Polo que respecta a categoría amateur, na que se rexistrou a maior participación e que foi, polo tanto, a máis rifada, trunfou o “Queique de laranxa e canela” de Luisa de Spellos. O segundo premio foi para a “Tarta de cereixas” de Isabel Camiño Mouzo, e o terceiro, para a “Tarta de trufa” da Asociación de Amas de Casa.
Todos os participantes levaron como recordo unha peza de Olería de Buño, que entregaron as representantes das asociacións Mar da Illa e ANPA Ventorrillo; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e o alcalde, Eduardo Parga.
A festa do Martes de Entroido reuniu a centos de persoas no polideportivo de Malpica. Os máis pequenos puideron gozar durante toda a tarde cos xogos inchables, o karaoke, o futbolín, o touro mecánico e, por suposto, a degustación de doces que puxo o punto final á celebración.