Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica trasládalle ao Goberno as demandas do sector pesqueiro e solicita colaboración para mellorar as súas infraestruturas

10Ago 2021

Malpica trasládalle ao Goberno as demandas do sector pesqueiro e solicita colaboración para mellorar as súas infraestruturas

O Concello de Malpica puido trasladarlle esta mañá ao Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, as demandas do municipio en materia de infraestruturas e axudas ao sector pesqueiro nunha reunión na que tamén participou a Confraría de Pescadores malpicá.

A corporación municipal, en compañía da xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, mantivo unha xuntanza institucional co obxectivo de axilizar os trámites e que o Goberno central poida traballar en Malpica coñecendo de primeira man todas as súas problemáticas.

Neste sentido, o goberno local trasladoulle ao Delegado unha serie de solicitudes entre as que se inclúe o apoio institucional para conseguir un aumento nas cotas de pesca e asegurar o futuro do gremio. Desde a Confraría de Pescadores transmitiuse esta mesma inquedanza, “unha cuestión que pedimos que se reconsidere e que se flexibilice para velar por un traballo no mar digno”.

Ademais, Concello e Confraría lembraron a problemática existente na dársena de Malpica coas correntes de auga e o perigo que supón para os traballadores. Nunha visita que o levou por diversos recunchos da vila, José Miñones comprobou en primeira persoa a necesidade de buscarlle unha solución para a boca de entrada do porto.

Unha das posibles vías que se estiman é a ampliación do actual dique, se ben se trata dun recurso “custoso, pero que traería moitísimo beneficio económico a Malpica, un sitio estratéxico a nivel mariñeiro”, segundo expuxo o alcalde, Walter Pardo.

Logo de pasear pola zona do porto, desprazáronse á zona da atalaia, dende onde o alcalde lle trasladou ao Delegado a necesidade de crear unha senda na contorna coa que “aproveitar as marabillosas vistas que nos ofrece este espazo de cara o Atlántico”. 

José Miñones mostrou a súa vontade de funcionar como “ligazón entre a Administración central e o Concello para que este poida dar solución a estas problemáticas do xeito máis rápido posible”. Do mesmo xeito que o rexedor malpicá, agradeceu “a disposición de colaboración” entre ambas institucións e avogou por chegar a acordos “cos que beneficiar a toda a súa poboación”.

Situación do polígono industrial

De xeito previo á chegada do Delegado do Goberno en Galicia, a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, mantivo xunto a membros do goberno local unha xuntanza con representantes dos empresarios do municipio.

Nesta reunión tendéronse pontes para mellorar a situación do polígono industrial de Buño e asegurar o seu correcto funcionamento tanto no curto como no medio e longo prazo.