Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica prepara a conmemoración das Letras Galegas cun compendio de actividades culturais

7Mai 2021

Malpica prepara a conmemoración das Letras Galegas cun compendio de actividades culturais

O Concello de Malpica, da man da concellaría de Cultura, presenta a programación para conmemorar as Letras Galegas do ano 2021, cun compendio de actividades entre as que se destacan sesións de poesía, música ou a presentación das obras gañadoras do certame de poesía erótica Illas Sisargas.

As actividades darán comezo na mañá do venres 14 de maio no que o espectáculo ‘O exército das paxariñas’ protagonizado por Soraya Lema e Adela Dios recorrerá os centros de ensino do Concello, a súa chegada ó CEIP Milladoiro, CEIP Joaquin Rodriguez e ás escolas unitarias de Barizo e Mens, do CRA A Nosa Señora do Faro, achegará ó alumnado de educación infantil e primaria a figura de Xela Arias, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021.

Na busca da Fraga das paxariñas faladoras, fábula creada por Xela Arias, dúas rapazas aventureiras atópanse co exército das paxariñas: a paxariña tradutora, a poeta, a música e a reivindicativa, todas elas forman a alma de Xela e todas falan moitas linguas mais hai unha lingua que as une a todas: a lingua galega. A través de fábulas e contos acompañados de música co acordeón, ukelele, tambor e a frauta van descubrindo a vida e obra da escritora, que este ano se lle dedican as Letras Galegas 2021. Con este espectáculo de narración oral e música pretendemos que as nenas e os nenos coñezan o valor da poesía e a maxia das palabras da man de Xela. O exército das Paxariñas é un espectáculo de narración oral con música en directo acordeón, ukelele, tambor e frauta.

O propio 14 de maio, ás 20h o fogar do pensionista da Casa do Pescador acollerá a presentación das obras gañadoras das últimas dúas edicións do Certame de poesía erótica Illas Sisargas, ‘rascamaceiras’ de Laura Ramos Cuba e ‘O cuarto de Jane’ de Charo Pita, da man do colectivo Caldeirón. A actividade continuará na xornada do domingo 16 de maio, na que ó longo de todo o día a Praza do Campo acollerá unha completa programación:

Ás 12:00 horas será o momento para as familias acompañadas da rapazada para gozar cos ‘Arrolos con Mamá Cabra’ nos que Gloria Mosquera e Diego Maceiras interpretan e ensinan ás familias participantes neste pequeno obradoiro algúns arrolos cos que adormecer, aleitar, e tamén cos que gozar da música nos primeiros días e meses de vida.

O obxectivo do grupo Mamá Cabra dende o seu nacemento é o de transmitir o gusto pola música dende a primeira infancia e este obxectivo comeza nas voces das súas familias coas que comparten estas cancións para arrolar en galego.

Ás 13:00 horas chega a hora do Vermú das Letras da man do grupo de Malpica Meigallo, da A.C.D Carcaxía, que comezou a súa andadura no ano 2003, formado nos seus inicios por 5 mozas con ganas de aprender e conservar a cultura musical e artística deste país. Durante o primeiro ano, coa axuda da súa mestra, Marina Torrado, coa que con grande esforzo e meses de ensaios e máis ensaios, descubriron que tanto esforzo valía a pena e saborearon finalmente o agrado do público, e dos profesionais do gremio, que as recompensaron en diversas ocasións con premios nos concursos de música tradicional Xiradela de Arteixo e Xacarandaina da Coruña.

E isto converteuse en algo case aditivo, en algo tan forte que as impulsou a non baixar o listón, a seguir aprendendo, mellorando as técnicas, superando cada vez retos máis difíciles. Pero non só a satisfacción persoal de adicarse a algo que as apaixona é o motor deste grupo, a súa maior motivación é que a riqueza artística máis valiosa que ten este país, esa que naceu das inquedanzas dos nosos bisavós, sen que ninguén llas ensinara, e que se conservou de pais a fillos de forma natural, sen obriga ningunha, esa que é diferente en cada comarca, en cada concello, en cada parroquia, esa que lles invade o corazón, non se esqueza xamais.

Ás 17:30 horas é o momento do ‘Café con Letras’ no que nos acompañará Atenea García con ‘De ti e mailo mundo que apañes’ que pretende ser un humilde percorrido pola obra da poeta, tradutora e editora Xela Arias, un percorrido que nada ten de cronolóxico pero moito de persoal, co que a nós se refire.

Revoltas pola palabra achegámonos excitadas á súa obra, posuídas por esa escrita extrema que remove pel e ósos. Aparece entón a dúbida, o medo ao non estar á altura de semellante extremidade, a de Xela, a dos extremos. Pero nese xusto momento o poema tranquilízanos. De ti e mailo mundo que apañes é un espectáculo dirixido á mocidade que combina a narración oral con outras linguaxes escénicas. Esta proposta tenta facer un breve percorrido pola obra da poeta Xela Arias, mergullándonos tanto na súa poesía como na súa breve pero interesante obra narrativa. Xela, a poeta que ten máis de actual que de histórica.

E a fin desta intensa xornada chegará ás 19:30h co concerto de Acordeireta, grupo formado por Patricia González e Alejandro Balbuena. Despois dunha longa traxectoria individual, deciden xuntar o acordeón e a pandeireta para divertirse, para seguir alimentando as súas almas, polo gusto de transmitir un sentimento arraigado ás nosas raíces, por reivindicar temas sociais dos nosos tempos, por homenaxear con música a persoas queridas e admiradas e sobre todo, para dignificar a nosa lingua, a cultura galega e compartilo con vós.

A programación continuará o propio Día das letras, o luns 17 de maio a cita será ás 12:00 horas na praza Villar Amigo e alí cunha lectura poética aberta a toda a cidadanía que se achegue e na compañía de A.C. Malante de Malpica poremos fin a esta primeira edición dun Malpica un mar de Letras que nace co obxectivo de gozar e coñecer as nosas letras da man da produción cultural local e do país.

Malante constitúese como tal logo de formar parte da Escola Municipal de Artes escénicas. Así, as persoas integrantes de entre 20 e 30 anos deciden asociarse, para unha maior capacidade de autoxestión e participar nun maior número de intercambios culturais. Os socios fundadores eran arredor de 15 persoas. Comezaron a realizar actividades de baile, pandeireta e gaita e aos dous anos montaron unha banda de gaitas que percorreu toda Galicia e parte do estranxeiro, como Portugal e Francia. Participaron, entre outros festivais internacionais, no de Ortigueira e no de Montignac.

Para seguir toda a actualidade de cultura na provincia, podedes seguir as redes de Facebook, Instagram e Twitter do Departamento de Cultura da Deputación da Coruña.