Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica de Bergantiños acollerá obradoiros para nenas e nenos no marco do programa educativo “A Vila do Mañá”

26Dec 2019

Malpica de Bergantiños acollerá obradoiros para nenas e nenos no marco do programa educativo “A Vila do Mañá”

A Escoliña Vella do Concello de Malpica acollerá obradoiros enmarcados no programa educativo “A Vila do Mañá”. Esta iniciativa, impulsada pola Deputación Provincial da Coruña, pretende que se tome conciencia, a través dos xogos e desde a infancia, da arquitectura, o patrimonio tanxible, o urbanismo e a paisaxe.

Serán os días 30 de decembro, e 2, 3 e 4 de xaneiro, para nenas e nenos entre 3 e 12 anos. As inscricións poderán formalizarse no Departamento de Cultura do Concello de Malpica.

O reto principal que presenta este proxecto é que a infancia e a adolescencia participen de xeito activo nos proceso de construción do espazo común, dotándoos de ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, desde a arte e a arquitectura.

Os técnicos e técnicas responsables do mesmo apuntan que “entendemos as vilas e cidades como un taboleiro de xogo, como lugar de encontro e como laboratorio de aprendizaxe para que as nenas e nenos poidan descubrir, coñecer e valorar o seu hábitat.

Despois de realizarse en concellos como Rianxo, Ames, Verín, A Pobra, Cambados ou Arteixo, chega a Malpica de Bergantiños, impulsado tanto pola Deputación da Coruña como polo Concello, e que recibe o apoio da ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña), do COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia) e de APATRIGAL (Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego).

Dálle forma o equipo POSTArquitectos, e xa ten formado parte de exposicións moi importantes tanto a nivel estatal como europeo. Así, estivo na Bienal de Venecia 2018 ou na 9th Child in the City World Conference, en Viena, Austria.