19Abr 2016

Visita do xefe provincial do Servizo de Emerxencias á base de Protección Civil de Malpica

SAMSUNG CAMERA PICTURES

O xefe provincial do Servizo de Emerxencias, Víctor Pérez, e a xefa da área técnica de Emerxencias, María Jesús Leiras, visitaron hoxe a base da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica dentro dunha rolda de contactos que están a manter coas diferentes agrupacións da provincia coa finalidade de coñecer os medios dos que dispoñen, as súas necesidades e as posibles dificultades ás que se enfrontan no seu labor cotián. Os representantes da Administración autonómica estiveron acompañados polo concelleiro de Seguridade e primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e polo presidente e o vicepresidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Iván Muíño e Rubén Díaz, respectivamente, que lles ofreceron detallada información.

“A nosa intención é pulsar como están as 73 agrupacións que temos na provincia, ademais de aproveitar para visitar os GES e os parques de bombeiros”, explicou o xefe provincial, ademais de avanzar a súa intención de realizar novas visitas coincidindo “con operativos programados para ver como traballan e para estar cos voluntarios, porque tamén é unha forma de apoialos”. Víctor Pérez comentou ao respecto que o Servizo de Emerxencias ten en marcha nestes momentos unha campaña de promoción do voluntariado, e nese sentido destacou o importante labor que realizan agrupacións como a de Malpica, unha das poucas integradas exclusivamente por persoal voluntario.

Ademais de revisar as instalacións e os medios materiais da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, o xefe provincial do Servizo de Emerxencias recompilou información de cara a elaboración dunha base de datos actualizada que permitirá coñecer en detalle a situación de cada agrupación e a dotación que teñen tanto de medios humanos como materiais.