gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 19°
16°
Martes 19°
16°
Mércores 18°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Veciñas e veciños de Malpica volven a protagonizar os actos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

22Nov 2016

Veciñas e veciños de Malpica volven a protagonizar os actos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Despois do “lipdub” do ano pasado, que supera as 6.000 visualizacións en Youtube, homes e mulleres convértense en protagonistas da exposición fotográfica “Por elas, por nós”, que se presentará este 25 de novembro

CARTEL POR ELAS POR NOS

A loita contra a violencia de xénero é unha causa que implica a toda a sociedade en Malpica de Bergantiños. O ano pasado conmemoramos o 25 de novembro cun “lipdub” protagonizado por entidades, veciñ@s e representantes políticos, e este ano son homes e mulleres de Malpica os e as protagonistas dunha exposición fotográfica que poderá verse a partir do venres no Centro Cívico. “Por elas, por nós” é o lema da iniciativa promovida dende a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, que dirixe Marisol Blanco Gorín, pero que implica a distintos departamentos municipais e que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.

A exposición consta de 12 fotografías, unha por cada mes do ano, que teñen como protagonistas a homes e mulleres de distintas idades, sectores e parroquias, pero que teñen en común o seu rexeitamento á violencia de xénero. As imaxes son obra de Senén Insua Redonda, un fotógrafo que tamén se suma á causa coa súa colaboración desinteresada. Trátase de fotografías en branco e negro nas que se utiliza algún dos elementos presentes para lembrar, cun toque violeta, que estamos a conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

O obxectivo, segundo explicou a concelleira Marisol Blanco, é “sensibilizar, concienciar e visibilizar a violencia que sofren as mulleres polo simple feito de ser mulleres”. A concelleira é unha das protagonistas da exposición, na que, ademais do mundo da política, están representados o mar, o agro, o ensino, a sanidade, a mocidade, a familia, a empresa… distintos sectores que integran a sociedade do noso concello.

A inauguración da campaña “Por elas, por nós” terá lugar o día 25, ás 13 horas, no Centro Cívico. Ademais da apertura da exposición por parte do alcalde, Eduardo Parga, e da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, está prevista a proxección do “lipdub” gravado o ano pasado tamén coa participación de veciñanza e entidades de Malpica. O obxectivo que nos marcamos o 25 de novembro do 2015, de acadar tantas visualizacións coma veciños e veciñas ten o concello, está amplamente superado, xa que a día de hoxe supera as 6.000 en Youtube. Tamén se distribuirán entre as persoas asistentes chapas e marcapáxinas, e, para rematar, agradecerase a ampla participación social na iniciativa cun aperitivo. “Cremos firmemente que coa forza da veciñanza e das entidades do noso concello, e coa súa conciencia social, gañaremos a guerra contra a violencia de xénero”, manifestou Marisol Blanco.