Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 12°
Xoves 12°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Un total de 160 deportistas asumen o reto de cubrir a nado os 4,3 quilómetros da Travesía Sisargas

7Ago 2014

Un total de 160 deportistas asumen o reto de cubrir a nado os 4,3 quilómetros da Travesía Sisargas

Un operativo integrado por 65 persoas, 22 embarcacións e 2 ambulancias garantirá a seguridade dos participantes por mar e por terra
540-f-foto

“Mais ca competitiva, a Travesía Sisargas é unha proba de reto e de aventura”. Esta frase de Daniel Gambón, promotor da actividade, define o espírito da proba que se vai celebrar o vindeiro domingo día 10 en Malpica. A travesía acada unha participación récord. De feito, este ano haberá 160 participantes, 60 máis ca no 2013, e todo indica que o ritmo de crecemento manterase nas vindeiras edicións, dado o interese que desperta a iniciativa.

 

Os detalles déronse a coñecer hoxe, nun acto no que, ademais de Daniel Gambón, en representación do Club Travesía Sisargas, creado específicamente para este evento, participaron o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; os concelleiros de Turismo e Deportes, Alfredo Cañizo e Manuel Torrado; o tenente de alcalde, Miguel Fernández; o xefe de Protección Civil, Iván Muíño, e o secretario da Confraría de Pescadores, Francisco Rodríguez.

 

Daniel Gambón referiuse ao crecemento espectacular da proba, que ten as súas orixes na travesía realizada no ano 1933 polo seu bisavó, Domingo Suárez, o precursor dun reto recuperado no ano 2010 coa aventura en solitario do bisneto, pero que xa no 2013 reuníu a un cento de participantes. Daniel Gambón expresou o seu desexo de que a actividade siga medrando ata acadar os 200 nadadores, ?pero pouco a pouco?, aclarou, e sempre que o dispositivo de seguridade o permita.

 

De feito, son moitísimos os medios humanos e materiais que se van mobilizar este domingo para que todo transcorra con normalidade. Os participantes están citados ás 10.00 horas para preparar a saída. Dende o porto de Malpica desprazaranse en barco ata as Sisargas. Neste sentido, Daniel Gambón agradeceu a colaboración da Confraría de Pescadores e a boa disposición dos patróns do ?Adriana?, o ?Casal Novo? e o ?Castelao?, que farán a travesía de ida cos nadadores. En total participarán 9 embarcacións, unha moto de auga e 12 kayacs, segundo explicou Iván Muíño. Tres embarcacións e a moto de auga son de intervención, outra levará o equipo médico e de coordinación, e as restantes farán labores de acompañamento e apoio.

 

Pero o dispositivo de seguridade non estará operativo só no mar, senón tamén en terra. Neste sentido haberá oito postos fixos distribuídos entre San Adrián e a Atalaia. O equipo humano estará integrado por 65 persoas, entre elas 44 traballadores de Protección Civil (27 por terra e 17 por mar) das agrupacións de Coristanco, Cabana, Arteixo, Cerceda, Carballo, A Coruña, Ferrol e Malpica; persoal sanitario, buzos do Club Náutico de Malpica que acompañarán aos nadadores e colaboradores.

 

O alcalde, Eduardo Parga, felicitou ao Club Travesía Sisargas pola iniciativa, que contribúe á promoción de Malpica como destino turístico e deportivo, e ofreceu toda a colaboración do Concello para as vindeiras edicións. No mesmo sentido manifestouse Alfredo Cañizo, concelleiro de Turismo, quen expresou o seu desexo de que a proba ?siga potenciándose? no futuro. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Torrado, destacou a ampla oferta deportiva do domingo, coa travesía pola mañá e o Trofeo de fútbol da Mostra da Olería pola tarde.

 

Na Travesía Sisargas participarán 166 nadadores, 150 homes e 16 mulleres (no 2013 só houbo catro, aínda que unha delas, que este ano repite, foi a segunda en chegar á meta). Daniel Gambón destacou o nivel dos participantes, entre os que figuran triatletas que compiten a nivel mundial, pero sobre todo subliñou a representación local. Neste sentido aludiu á presenza de Adrián Martínez, gañador do Campionato de España celebrado recentemente na Coruña, e que ademais será o participante máis novo, aos seus 16 anos. O maior ten 66. A maior parte dos inscritos, sinalou Gambón, son foráneos que moitos deles non coñecen Malpica, polo que se amosou convencido de que a proba tamén vai ter unha rendibilidade turística.