Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
10°
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ruta

ruta

3Ago 2018

O Concello de Malpica pon a punto o Camiño dos Faros para a ruta de Malpica a Barizo prevista para o domingo 12 de agosto

limpeza camiño dos faros

Operarios/as municipais iniciaron os labores de acondicionamento do Camiño dos Faros para a ruta entre o porto de Malpica e a praia de Barizo que se realizará o vindeiro domingo 12. O prazo de inscrición está aberto ata o día 9, en horario de 09.00 a 13.00, tanto no Departamento de Educación e Cultura (Centro Cívico) no teléfono 981 707 104 coma na Oficina de Información Turística situada na planta baixa da Casa do Concello (entrada pola praza da fonte). As prazas están limitadas a 150.

A ruta percorre a primeira etapa do Camiño dos Faros. Arranca no porto de Malpica e discorre pegada á costa, rodeando a península do Santo Hadrián, coas Sisargas sempre presentes, ata a área recreativa de Beo, onde se realizará unha parada. Despois proseguirá por Seiruga, o río de Va, o monte da Insua e Barizo, onde remata. Son uns 13 quilómetros de percorrido con pouca dificultade.

A saída realizarase ás 09.00 horas. A duración aproximada da ruta é de 3 horas e media, polo que a chegada a Barizo está prevista para as 13.00 horas. Media hora despois empezarán a saír os autobuses con destino a Malpica. O prezo do transporte é de 2 euros agás para os/as menores de idade, que viaxarán de balde.

A organización recomenda levar calzado axeitado, gorra, protección solar, auga, toalla pequena e calcetíns de reposto (hai que cruzar o río Va). Así mesmo, pídese aos participantes que non saian da ruta marcada e que non deixen ningún tipo de residuo polo camiño.

CARTEL RUTA DOS FAROS AGOSTO 18

19Nov 2016

A I BTT Malpica-Nariga reunirá a máis de 200 participantes

Un total de 210 afeccionados teñen confirmada a súa participación na I BTT Malpica-Nariga, que mañá demostrará por que é coñecida xa como a ruta máis espectacular de Galicia. A esa espectacularidade, marcada pola paisaxe, súmase a dos premios que entregarán os organizadores –Concello de Malpica, Sporting Seaia e Emesports.es- aos tres primeiros e ás tres primeiras clasificadas. Trátase de orixinais e coidadas reproducións do faro de Punta Nariga chapadas en ouro, prata e bronce, elaboradas especialmente para a proba e doadas pola Xoiería Díaz Antelo. O tenente de alcalde, Miguel Fernández; o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, e o técnico de Deportes do Concello, Pablo Lista, presentaron onte os trofeos. A relación de establecementos colaboradores, aos que Iago Espasandín quixo agradecer a súa implicación, complétase con Panadería Labrador, Refugio As Garzas, Evobici.com, 20liveirabike, Pedalea Bien e MACT Centro de Recuperación y Preparación Física.

IMG-20161024-WA0001-220x310

A I BTT Malpica-Nariga arrancará mañá domingo, ás 10.30 horas, dende a lonxa de Malpica, onde tamén estará situada a meta. Os participantes percorrerán un total de 45 quilómetros, e á súa chegada serán agasallados cun xantar a base de polbo elaborado por Fernando Agrasar, de As Garzas, todo un estrela Michelín. A comida alongarase ata as 17 horas, e tamén haberá un sorteo de agasallos doados polos establecementos colaboradores.
Todos os detalles da xornada poden seguirse a través do Facebook Ruta BTT Malpica Nariga.