Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Os Petóns

Os Petóns

25Ago 2019

Corme e Dumbría son os equipos convidados ao VII Trofeo Solidario Os Petóns, que se disputará o sábado 31 de agosto

os_petons_2

De esquerda a dereita, Sergio Bastón, Roberto García, Daniel García, Walter Pardo, Tamara Torrado e Javier Fernández

A UD Cerqueda tennos dado sobradas mostras de que o seu traballo vai moito máis aló do deporte. Un dos exemplos é o Trofeo Solidario Os Petóns, que neste 2019 acada a súa sétima edición consolidado como unha das principais citas de toda a Costa da Morte nas que deporte e solidariedade van da man. Nesta ocasión os equipos convidados son o Corme CF e o CF Dumbría, que deste xeito contribúen a demostrar tamén que os partidos non só se xogan nos campos de fútbol.

Hoxe presentamos no salón de plenos o cartel deste VII Trofeo Solidario Os Petóns, que se disputará o sábado 31 no campo de Xaviña (Buño). No acto participaron o alcalde de Malpica, Walter Pardo; a primeira tenente de alcalde, Tamara Torrado, e o concelleiro de Deportes, Daniel García Reixía. En representación do club acudiron os capitáns, Sergio Bastón e Javier Fernández, e o presidente, Roberto García.

O alcalde agradeceu o xesto solidario da UD Cerqueda e dos outros dous equipos participantes, e destacou, así mesmo, a importancia da participación das categorías inferiores para crear conciencia tamén entre os máis pequenos. Os fondos que se recaden na xornada deportiva do vindeiro sábado irán destinados un ano máis ao banco de alimentos do Concello de Malpica.

O calendario de partidos é o seguinte:
16.00 horas: UD Cerqueda-Corme CF (infantís)
17.30 horas: UD Cerqueda-Corme CF (cadetes)
19.30 horas: UD Cerqueda-CF Dumbría (sénior)

cartel_os_petons

27Dec 2017

A UD Cerqueda implica aos máis pequenos nas causas solidarias co 1º Minitrofeo Os Petóns

A UD Cerqueda volve a demostrar que os partidos non sempre se xogan nos campos de fútbol, e que unha entidade deportiva pode ser moito máis ca iso. Pero ademais o club malpicán quere transmitir esa filosofía ás novas xeracións, e por iso este ano organiza por primeira vez unha versión “mini” do trofeo solidario Os Petóns. Deste xeito tamén implicará aos máis pequenos nas causas solidarias.

OS PETONS MINI

Hoxe tivo lugar a presentación do torneo na Casa do Concello de Malpica, coa participación do alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro Miguel Fernández; o presidente e o capitán do Cerqueda, Roberto García e Daniel Reixía, e o presidente da SD Sofán, Ricardo Serrano. O club carballés, que xa participou co equipo sénior en edicións anteriores do trofeo Os Petóns, comparte plenamente a filosofía da UD Cerqueda.

O I Minitrofeo Os Petóns disputarase este sábado 30 no campo de Xaviña (Buño). Ás 11 xogarán os equipos benxamíns de ámbolos dous clubs e as 12, os infantís. Do mesmo xeito que a recadación do torneo sénior vai destinada á compra de comida para o banco de alimentos, nesta ocasión os cartos que se consigan servirán para mercar xoguetes para os nenos e as nenas de familias con poucos recursos.

Por iso, tanto desde os equipos participantes como desde o propio Concello de Malpica faise un chamamento a toda a veciñanza para que se achegue este sábado ao campo de Xaviña, “porque a ocasión -sinalaron- ben o merece”.

CARTEL