Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
10°
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Malpica

Malpica

19Nov 2018

O Concello de Malpica conmemorará o sábado 24 o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co lema “A igualdade, un reto para o futuro, un compromiso para o presente”, co que trata de sensibilizar á poboación sobre a necesidade de seguir traballando para acabar coas desigualdades que orixinan a violencia de xénero.

Ademais da difusión do cartel conmemorativo, o departamento que dirixe Marisol Blanco Gorín ten programadas unha serie de actividades, abertas a toda a cidadanía, para o sábado 24.

O punto de encontro será a Praza da Fonte, xunto á Casa do Concello, onde se realizará ás 18.30 horas unha solta de globos morados, en homenaxe ás mulleres vítimas da violencia de xénero, e brancos, en lembranza dos nenos e nenas que sofren tamén a violencia familiar. Nese mesmo lugar gardaranse cinco minutos de silencio por todas as vítimas mortais desta lacra social.

Os actos trasladaranse a continuación ao salón de plenos. Marisol Blanco será a encargada de abrir a xornada, que inclúe a proxección da curtametraxe Corazón amoratado e un coloquio posterior coa participación de Uxía Carreira, unha das guionistas da película. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, será o encargado de pechar o acto institucional.

25N

17Nov 2018

Asinado o contrato de mellora de infraestruturas en Aldeola e na rúa da Praia de Malpica

16112018 aldeola_praiaO alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar un contrato coa empresa Construcciones Vázquez y Reino para a execución do proxecto de mellora de infraestruturas en Aldeola (Cerqueda) e na rúa da Praia de Malpica. No acto de sinatura tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

O proxecto, que acada un orzamento total de 38.000 euros, inclúe dúas actuacións diferentes. En Aldeola, na zona da escola infantil, procederase á instalación dunha rede de augas pluviais, mentres que no paseo marítimo o obxectivo é construír un muro que facilite a accesibilidade ás vivendas.

O prazo de execución é de tres meses a partir da comprobación de replanteo.

4Nov 2018

O ferrolán Mario Regueira gaña o XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas co poemario “Marco Livornio”

ganhador 2018

O premio do XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas non só enriquece a colección da editorial Caldeirón _única no seu xénero_, senón que o propio xénero gaña un autor. “Creo que sempre houbo algo de contido erótico na miña obra, pero penso que sen este certame nunca chegaría a facer un poemario destas características”, asegurou o gañador, o ferrolán Mario Regueira.

O fallo do xurado, integrado por Paco de Tano, Eduardo Estévez, Elvira Riveiro e Antón Noceda como secretario, fíxose público, como é costume, durante a celebración da Cea das Letras, que cumpre o dobre obxectivo de dar a coñecer ao gañador ou gañadora do ano e de presentar impresa a obra premiada na edición anterior. Neste caso, o libro co que foron agasalladas todas as persoas asistentes foi Diáspora de amor balea, unha obra asinada por Andrea Nunez Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984). O ano pasado só puido acudir María á lectura do fallo, pero esta vez estaban as dúas, e ademais de deleitarnos cunha lectura a dúas voces dalgúns dos seus poemas eróticos, amosáronse moi satisfeitas coa edición da obra.

Paco de Tano, presidente da Asociación Cultural Caldeirón, foi o responsable de desvelar o título da obra gañadora nesta edición, Marco Livornio, que cualificou coma “un sorprendente percorrido por relacións eróticas diversas e plurais, nun ton épico, case elexíaco”. En palabras do propio autor, Marco Livornio é “un libro bastante especial e bastante estraño”, que aborda o erotismo desde unha perspectiva homosexual.

mario_regueira

Mario Regueira

Aínda que teremos que agardar ao vindeiro ano para ver a súa obra impresa, Mario Regueira adiantounos dous poemas. O gañador desta 13ª edición tivo palabras de lembranza para Paco Souto, que foi un dos impulsores do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, e co que lle houbese gustado compartir esta Cea das Letras. “Non cheguei a tempo”, lamentou.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, felicitou tanto ao gañador deste ano coma ás gañadoras do ano pasado e reiterou o compromiso do goberno municipal, e o seu particular, co mantemento e a difusión do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O Concello de Malpica achega os 1.000 euros do premio anual, que inclúe tamén a publicación da obra gañadora.

A Cea das Letras deste ano tivo un terceiro ingrediente literario, xa que tamén participou coma convidado Xabier Xil Xardón, que presentou o seu poemario Detéxtonos (Positivas) acompañado por Leo Arremecághona á guitarra.

Filloas á pedra e Olería de Buño

Mentres todo isto acontecía no escenario, o salón de actos da Casa da Cultura de Seaia, que volveu a abrir as súas portas para a Cea das Letras, recendía a filloas á pedra. Foron as protagonistas gastronómicas da velada grazas á colaboración de Ana Pereiro, máis coñecida coma Ana de Zas, que ten unha man excepcional para preparalas. Tanto de primeiro prato, acompañadas con rinchóns, coma na sobremesa, con doce, estaban exquisitas. E para completar un menú potente, fabada a fartar.

Outra das protagonistas da noite foi a Olería de Buño, coa que, ademais de ser agasallados o premiado e os membros do xurado, serviuse toda a comida e a bebida aos asistentes, entre os cales se atopaba a deputada no Congreso Alexandra Fernández.

13 anos de premios

Co fallo feito público hoxe, a listaxe das obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é a seguinte:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo
  13. “Marco Livornio”, Mario Regueira

O gañador

Mario Regueira (Ferrol, 1979). Comeza a súa carreira literaria como narrador co libro de relatos Rebelión no inverno (2004) ao que seguen as novelas L’affiche rouge (2007) e Outono aquí (2012), esta última premio Lueiro Rey de novela curta e traducida ao castelán como Las hojas muertas (2013). Como poeta ten publicado Tanxerina (2006, premio Xosemaría Pérez Parallé),Blues da Crecente (2009, premio Xohán Carballeira) e O silencio (2012). Tamén é da súa autoría o ensaio Lois Pereiro, unha persecución (2011). Licenciado en Filoloxía Galega e diplomado en Dereito, en 2016 defende a súa tese de doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada sobre a narrativa galega durante a posguerra. Actualmente fai crítica literaria no Sermos Galiza e outros medios e participa do podcast cultural Burán, que se emite en Radio Campus Culturae e Cuac FM.

29Out 2018

Iniciamos unha serie de obras de reforma na Casa do Concello para mellorar a accesibilidade e o servizo á cidadanía

alejandro martinez reforma casa concello

O Concello de Malpica iniciará en breve unha serie de obras que teñen como finalidade mellorar a accesibilidade das oficinas municipais e, en consecuencia, o servizo á cidadanía. O alcalde, Eduardo Parga Veiga, asinou hoxe o contrato coa empresa adxudicataria do “Proxecto de reforma interior da Casa do Concello”, que inclúe unha primeira fase dos traballos previstos. No acto tamén estivo presente o concelleiro de Obras, Miguel Fernández Mirás.

A empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos será a encargada de executar estas primeiras obras, que, tal como explica o alcalde, inclúen a reforma integral do espazo ocupado pola Policía Local e a antiga biblioteca para situar nel as oficinas xerais, que agora están situadas no primeiro andar. “Queremos mellorar a accesibilidade para que calquera persoa poida acudir ás oficinas municipais”, sinala Eduardo Parga. A maiores están previstas unha serie de melloras na Alcaldía.

As obras teñen un custe de 46.355,68 euros e un prazo de execución de dous meses, segundo o contrato asinado hoxe. A reforma do resto dos espazos irase acometendo por fases, e en función da dispoñibilidade, para seguir modernizando a Casa do Concello.

26Out 2018

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas mantén a cifra récord de participación cun total de 20 obras

convite

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas mantense nas cifras máis altas de participación dos seus 13 anos de historia, xa que nesta edición volvemos a recibir un total de 20 obras. O vindeiro 3 de novembro farase público o fallo do xurado, coincidindo coa Cea das Letras, que se celebrará na Casa da Cultura de Seaia.

O acto comezará ás 22.00 horas coa presentación da obra “Diáspora de amor balea” de Andrea Nunes Brións e María Rosendo Priego, gañadora o ano pasado, e darase a coñecer o fallo desta 13ª edición.

As persoas que queiran asistir á cea, que está aberta a todo o mundo e ten un prezo de 15 euros, poden reservar praza poñéndose en contacto coa Asociación Cultural Caldeirón no 649 507 285 ou co Departamento de Educación e Cultura do Concello de Malpica no 981 707 104.

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas cumpre 13 anos. A relación de gañadores das anteriores edicións é a seguinte:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo
24Out 2018

A “Danza da choiva” de Elefante Elegante, Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil no 2017, abre a XIV Mostra de Teatro

Despois da celebración das Misións Pedagóxicas, a semente cultural que prendeu hai 85 anos en Malpica segue abrollando con iniciativas coma a Mostra de Teatro, que acada a súa 14ª edición cun cartel no que teñen cabida as mellores compañías galegas, entre elas as máis queridas polo noso público, e os espectáculos para todas as idades.

Para que esa semente prenda dende a infancia, este ano traemos propostas aptas para nenos e nenas xa dende os 3 anos, e a primeira chegará mañá coa Danza da choiva de Elefante Elegante, gañadora do Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil no ano 2017. Especialmente recomendada para nenas e nenos de 3 a 10 anos, será a encargada de abrir, mañá venres ás 20.30 horas, a nosa cita anual coa escena.

Para os/as peques da casa este ano tamén teremos teatro musical. Xoán Curiel e a Banda do Verán estarán no Centro Cívico o vindeiro 2 de novembro con A casa do terror, para nenos e nenas de 4 a 12 anos que queiran celebrar o Samaín dun xeito moi especial, animado e divertido.

Entre 6 e 12 anos sitúase o público preferente do seguinte espectáculo, Sopa de sapo de Talía Teatro, que acode unha vez máis á nosa Mostra de Teatro, neste caso cunha comedia interpretada por María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos e Rubén Prieto. Verémolos en acción o día 9.

Tamén pensamos no público adolescente e adulto, destinatario das outras tres propostas deste outono teatral. O venres 16 reuniremos a Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei no espectáculo de Culturactiva Falar sen cancelas. As gargalladas están aseguradas.

E ao venres seguinte tamén, porque o día 23 recibiremos a unha das nosas favoritas, Malasombra Producións, que obtivo a mellor valoración do público nos anos 2014, 2105 e 2016, e que nesta ocasión nos presenta O caso é ter saúde, para maiores de 16 anos.

Para pechar a Mostra de Teatro recibiremos a Contraproducións, compañía gañadora da valoración do público o ano pasado, coa fabulación dramática Fillos do Sol, coa que foi finalista no María Casares deste ano na categoría de mellor texto orixinal. A sinatura é de Cándido Pazó, e a inspiración, de Eduardo Pondal.

Non a perdades, esta nin ningunha! Lembrade que a partir de mañá tedes unha cita cada venres ás 20.30 horas (prégase puntualidade) no auditorio do Centro Cívico.

CARTEIS TEATRO 2018 (1)

17Out 2018

O Concello de Malpica recibe unha axuda para a iluminación do Centro de Interpretación do Buño Oleiro

O Concello de Malpica de Bergantiños vén de recibir nha axuda para o proxecto de “RENOVACIÓN DA ILUMINACIÓN INTERIOR PARA A MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA PARA O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO BUÑO OLEIRO E TERRAS DE BERGANTIÑOS (CIBOTB)”, que ten un orzamento total de 43.051,87 euros.

A contía da axuda é de 33.236,04 euros. A distribución dos fondos é de 75% FEADER, 2,50% MAPA e 21,50% AGADER.

Esta axuda foi concedida ao abeiro da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020. A convocatoria á que optou o Concello de Malpica foi o da submedida 19.2 dentro das estratexias dos grupos de desenvolvemento rural (GDR 22: Costa da Morte).

O Concello vai iniciar en breve os trámites para a contratación deste proxecto, que se prevé que estea totalmente executado no primeiro trimestre do ano 2019.

CARTEL AXUDA AGADER

14Out 2018

Malpica celebra o 85º aniversario da chegada das Misións Pedagóxicas co primeiro espectáculo de monicreques de España

Captura

As Misións Pedagóxicas volven a Malpica 85 anos despois. Aquel proxecto de solidariedade cultural que levou bibliotecas, música, cine e teatro a máis de 7.000 pobos e aldeas españois entre 1931 e 1936, chegou ao noso concello o 20 de outubro de 1933. A representación de A doncela guerreira, de Rafael Dieste, foi o primeiro espectáculo de monicreques que se levou a cabo en España, e a Concellería de Educación, Cultura e Turismo de Malpica quere lembrala este ano dun xeito especial. Así, o vindeiro 21 de outubro volverá a haber monicreques no mesmo lugar que 85 anos atrás.

Pero o programa de actividades deseñado polo departamento que dirixe Noelia Freijeiro en colaboración coa A.C. Malante, a A VV San Antonio e A Tropa dos Pardo, do que xa tivemos un anticipo durante o verán co Retablo de Fantoches Rafael Dieste, será máis amplo.

A partir deste luns 15 e ata o 31 deste mes estará aberta no espazo expositivo do Centro Cívico a mostra fotográfica As Misións Pedagóxicas en Malpica, e durante eses mesmos días todos os veciños e veciñas que dispoñan de fotografías daquela época poden achegalas ao Departamento de Educación, Cultura e Turismo para proceder á súa dixitalización e incorporalas á exposición. As persoas que colaboren recibirán un CD con todas as imaxes recompiladas.

O día 21, como hai 85 anos, as Misións Pedagóxicas chegarán a Malpica. Ás 18 horas, na Praza de Anselmo Villar Amigo (fronte á Casa da Santa), a Cía. Pérez&Fernández representará O poder de Amabel, un espectáculo para todos os públicos recomendado para nenos e nenas a partir de 5 anos no que veremos actores e monicreques Amigurimis. O elenco está formado por Victoria Pérez e Manu Fernández (Milucho en Libro de Familia).

A Praza de Anselmo Villar Amigo será tamén o escenario, a partir das 19.00 horas, dun magosto popular no que contaremos coa música de A Tropa dos Pardo e Cantareiras da A.C. Malante, ademais de cantos de taberna, e no que, como non podía ser doutro xeito, haberá castañas, pero tamén viño, licor café e chocolate. Todo de balde agás as cuncas, que se venderán a 2 euros e que permitirán recuncar tantas veces como se queira ata esgotar existencias.

A xornada completarase cun Concurso de disfraces de época, con premios para a mellor caracterización dos anos 1920-1930. Haberá unha categoría infantil (ata 12 anos) e outra absoluta, e o xurado será popular. O primeiro premio na categoría infantil consistirá en trofeo e cesta infantil, e na absoluta, en trofeo e cesta de produtos de tempada.

Misions-Pedagoxicas-2018

5Out 2018

Asinado o contrato para a instalación dunha caldeira de biomasa, subvencionada polo Inega, no centro de interpretación da olería

caldeira tratada

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou hoxe o contrato para a instalación dunha caldeira de biomasa no Centro de Interpretación do Buño Oleiro e Terras de Bergantiños (CIBOTB). Ademais dun representante da empresa adxudicataria, Medancli, SL, no acto celebrado na Alcaldía estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

A instalación da caldeira conta cunha subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), aprobada o 19 de xuño dentro da liña de axudas para a realización de proxectos de enerxías renovables e cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, en concreto para a tipoloxía B3 – Caldeiras con sistema de alimentación automática. O importe da axuda é de 40.465,30 €.

Entre os obxectivos para a instalación dunha caldeira de biomasa está a redución estimada de gases de efecto invernadoiro dunhas 45,419 toneladas CO2/ano.

caldeira

4Out 2018

A posta en valor da gastronomía local centra unha nova acción formativa da CMAT e a Deputación para o sector hostaleiro

cmat

Dentro do Programa de mellora da competitividade do sector turístico da Costa da Morte, organizado por Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) e financiado pola Deputación da Coruña, do 16 de outubro ao 27 de novembro desenvolverase unha nova acción formativa centrada na posta en valor da gastronomía local.

O programa formativo, de 30 horas de duración, desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo, que se converterá no punto de encontro de profesionais de toda a Costa da Morte. O prazo de inscrición xa está aberto. Os/as interesados/as poden enviar a súa solicitude de participación ao correo electrónico acertaformacion@gmail.com ou chamar ao teléfono 981 106 060. Terán preferencia os/as socios/as da CMAT.

A acción será impartida por Acerta Formación, que ten preparado un programa variado no que se inclúen aspectos de xestión, marketing e gastronomía. Comeza cunha serie de sesións dedicadas a mellorar as capacidades do sector hostaleiro e de restauración en canto ao deseño estratéxico da súa oferta gastronómica. No relativo ao marketing abordaranse principalmente cuestións de redes sociais, monitorización e vixilancia online. En canto á gastronomía, 15 horas son totalmente prácticas, e tratan especificamente temas de cociña (elaboración de pinchos e preparación de pratos con produtos locais) e coñecemento do produto (peixe, carne, algas…).

As sesións formativas terán unha duración de dúas horas e media e serán impartidas por expertos de referencia no panorama galego.

Programa da acción formativa

Página 7 de 18« Primera...56789...Última »