Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
Luns 15°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Festas do Mar

Festas do Mar

23Ago 2019

O Concello de Malpica habilita un aparcamento para 1.000 vehículos e un servizo de microbús durante as Festas do Mar

tirolina

Nestas Festas do Mar non haberá problemas para aparcar en Malpica, porque a Concellaría de Turismo, Festexos, Seguridade Cidadá e Tráfico vén de habilitar unha ampla zona de estacionamento nas inmediacións do campo de fútbol de Pedra Queimada con capacidade para 1.000 vehículos e con iluminación.

Este ano, ademais, e como novidade, un servizo de microbús conectará o aparcamento co centro da vila. O microbús funcionará durante a fin de semana (sábado e domingo) dende as 23.00 ata as 05.00 horas, aproximadamente, para facilitar os desprazamentos ás persoas que se acheguen a desfrutar das verbenas das Festas do Mar. O servizo será circular, polo que os desprazamentos realizaranse cada 10-15 minutos, e de balde.

O concelleiro de Turismo, Festexos, Seguridade Cidadá e Tráfico, Alfredo Cañizo, agarda que as medidas adoptadas contribúan a mellorar a mobilidade e a garantir a comodidade da multitude de persoas que se achegan durante estes días á nosa vila.

Ademais, animou a todos os visitantes a seguir desfrutando da tirolina xigante instalada no porto, que dende a Festa Galega está a ser un dos principais atractivos non só do noso concello, senón de toda a Costa da Morte. A tirolina, de 150 metros de lonxitude e 11 de altura, conseguiu no ano 2017 o récord da tirolina portátil máis longa de Europa e na actualidade é a segunda máis longa das súas características.

12Ago 2019

Xa podes inscribirte no Concurso de barcanas e castelos de area “Praia de Area Maior”

Xa podes inscribirte no Concurso de barcanas e castelos de area “Praia de Area Maior”, organizado pola Concellería de Cultura de Malpica e que celebrará a súa 19ª edición o 23 de agosto, coincidindo, como é tradición, co arranque das Festas do Mar. As anotacións poderán realizarse no Centro Cívico ata o día 22 e o propio día 23 ata as 11.00 horas na praia.

Haberá tres modalidades de participación: infantil (ata os 10 anos), amateur (de 10 anos en diante) e barcanas (sen límite de idade). E outorgaranse seis premios: 1º, 2º e 3º na modalidade amateur (Premios Sonpress 2019, dotados con 130, 70 e 50 euros, ademais de trofeo), premio á mellor barcana (Premio Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa, consistente en trofeo), premio infantil (trofeo) e premio especial do público (Premio Asociación de Amas de Casa de Malpica, consistente en trofeo), que se elixirá mediante votación en urna de 13.00 a 13.30 horas.

As persoas participantes disporán de dúas horas para elaborar as súas creacións con area na Praia de Area Maior. O xurado, integrado por representantes do Concello de Malpica e das entidades colaboradoras, valorará a calidade artística e a orixinalidade de cada proposta segundo os criterios establecidos.

CARTEL CASTELOS AREA xullo 19

 

23Ago 2018

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area marca o comezo das nosas tradicionais Festas do Mar

CARTEL CASTELOS AREA AGOSTO 18

O Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior” leva xa 17 anos marcando o comezo das tradicionais Festas do Mar. E este ano non será diferente, porque mañá venres a partir das 10.30 horas desenvolverase a 18ª edición coa finalidade de seguir promovendo a cultura popular e fomentando o uso lúdico da nosa praia. As inscricións poderán realizarse ata as 11 horas na mesma praia.

O Concello de Malpica establece tres modalidades de participación: infantil (ata 10 anos), amateur (a partir de 10 anos) e barcanas tradicionais de area (sen límites de idade). Cada participante ou grupo de participantes deberá realizar unha única obra. Na categoría amateur, coa colaboración de SonPress, haberá tres premios dotados con 130, 70 e 50 euros, respectivamente, e trofeo. Tamén recibirán trofeos os gañadores dos premios á mellor barcana, á mellor obra infantil (Premio Asociación de Amas de Casa de Malpica) e á máis votada polo público (Premio Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa), que terá á súa disposición unha urna para votar entre as 13 e as 13.30 horas.

O xurado, que estará formado por representantes do Concello de Malpica, da Asociación de Amas de Casa e da Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa, valorará a calidade técnica da obra, a súa complexidade, o deseño, as dimensións, a orixinalidade e a vinculación con Malpica.

Programa das Festas do Mar

cartel festas

Co Concurso de Barcanas e Castelos de Area arrancan as Festas do Mar, organizadas pola Asociación Cultural e Deportiva Estádiga coa colaboración do Concello, e que contarán tamén nesta primeira mañá de celebracións cos pasarrúas dos gaiteiros da Asociación Cultural Malante. Pero haberá música durante toda a xornada, xa que na sesión vermú das 14 horas actuará o Dúo Ciclón, ás 16 empezarán as actividades no mar na praia de Area Maior, ás 18 soará a música de Os Mecánicos no paseo e despois do pregón de Selina Otero, previsto para as 22 horas, chegará a verbena con Dúo Diamante, Smoke Trío, Monoulious Dop e Los Hijos de la Pandilla.

O sábado 26 actuarán de novo os gaiteiros de Malante ao longo da mañá, e na sesión vermú, que este ano terá dous escenarios, tocarán o Dúo De Festa (centro de saúde) e Calú (praza de Anselmo Villar Amigo). A partir das 17 horas haberá inchables na praia e ás 19 a Mekánica Rolling Band animará as rúas da vila. A verbena arrancará ás 23 horas cun cartel de luxo: Palladium e El Combo Dominicano.

As Festas do Mar rematarán o domingo con outra xornada chea de actividades: pasarrúas cos gaiteiros de Malante, misa cantada pola Coral de Malpica ás 12, sesión vermú ás 14 con O Tren da Unha, procesión marítima a partir das 17.30 e pasarrúas con Kilomberos de Monte Alto xa desde as 18 horas. Na última verbena, a partir das 22 horas, música variada con Disco Móbil Impacto, Grupo Bomba e Malpica Tomorrowland para pechar a festa tras a sesión de fogos de artificio na praia ás 24 horas.