Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Presentada a 7ª edición da Travesía a Nado Sisargas – Malpica, que bate outro récord de participación con 200 nadadores

10Ago 2016

Presentada a 7ª edición da Travesía a Nado Sisargas – Malpica, que bate outro récord de participación con 200 nadadores

Un operativo integrado por 90 persoas, máis de 20 embarcacións e ambulancias garantirá a seguridade dos participantes por mar e por terra

TRAVESIA-1-web

Na edición do 2014 Daniel Gambón expresaba o seu desexo de que a travesía a nado que realizou por primeira vez o seu bisavó hai 83 anos, e que el recuperou hai sete, acadara os 200 nadadores. Non parecía doado, pero aquel obxectivo é xa unha realidade. Este ano a Travesía a Nado Sisargas – Malpica bate outro récord de participación e chega a esa simbólica cifra. Por iso, Daniel Gambón asegura que “é unha edición moi especial”. Por iso e por algunha que outra sorpresa que se desvelará este domingo 14 de agosto.

Hoxe pola tarde tivo lugar a presentación desta 7ª Travesía Sisargas xunto á escultura “A Balea”, a obra de Miguel Couto que preside o porto, inspirada nunha das pinturas de Urbano Lugrís que poden verse na Casa do Pescador de Malpica e que tamén é o motivo do trofeo co que é agasallada cada ano a primeira persoa en pisar a area da praia despois de cubrir a nado os 4,3 quilómetros que a separan das Illas Sisargas.

TROFEOS-web

Ademais de Daniel Gambón, na presentación participaron o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín; o tenente de alcalde, Miguel Fernández; o xefe de Protección Civil, Iván Muíño, e o patrón maior, Pedro Pérez.

Daniel Gambón referiuse ao crecemento espectacular da proba, que ten as súas orixes na travesía realizada no ano 1933 polo seu bisavó, Domingo Suárez, o precursor dun reto recuperado no ano 2010 coa aventura en solitario do bisneto, pero que xa no 2013 reunía a un cento de participantes.

A medida que vai medrando, a organización require dun dispositivo de seguridade tamén maior. De feito, despois da presentación de hoxe celebrouse a reunión de coordinación. Máis de 90 persoas, entre Protección Civil, Cruz Vermella, persoal médico, fisioterapeutas, kayakistas e voluntarios, velarán pola seguridade dos nadadores tanto por mar coma por terra.

Dende o porto de Malpica, onde estarán situados o aparcamento para os nadadores e onde poderán recoller os seus dorsais, os participantes desprazaranse en barcos ata as Sisargas. Neste sentido, Daniel Gambón agradeceu a colaboración da Confraría de Pescadores. Embarcacións, motos de auga e kayaks cubrirán todo o percorrido, e en terra haberá dez postos fixos distribuídos entre Santo Hadrián e A Atalaia.

O alcalde, Eduardo Parga, felicitou ao Club Travesía Sisargas pola iniciativa, que contribúe á promoción de Malpica como destino turístico e deportivo. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, destacou a ampla oferta deportiva do domingo, coa Travesía a Nado Sisargas – Malpica, o Trofeo Mostra da Olería de fútbol e o partido da Selección Galega de Fútbol Praia contra un combinado da Costa da Morte.