Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Os veciños celebraron a reapertura da fonte do Ventorrillo

26Set 2015

Os veciños celebraron a reapertura da fonte do Ventorrillo

As análises revelan que non hai restos do vertido de gasóleo que obrigou a pechala hai case tres anos, pero a auga non é apta para o consumo

540-f-foto

Os veciños celebraron cunha improvisada festa a reapertura da fonte do Ventorrillo a última hora da tarde de onte, despois de case tres anos fóra de servizo. O manancial que a abastece resultara afectado polo vertido de 10.000 litros de gasóleo que se produciu por unha rotura no tanque de combustible do colexio Milladoiro, e o goberno municipal non quixo reabrila ata comprobar que estaba totalmente limpa. Segundo indicou o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, as últimas análises confirman que xa non hai restos de gasóleo, o que permitiu atender as solicitudes veciñais de reapertura. O propio Miguel Fernández e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, sumáronse onte aos veciños e veciñas que se reuniron xunto á fonte para celebrar que volva a ter auga. Dende o goberno municipal de Malpica agradeceron á panadería Forno Novo a súa colaboración cunha empanada e un doce, o que converteu a xuntanza nunha pequena festa.

 

O concelleiro de Obras e Servizos agarda que coa posta en funcionamento da fonte queden despexadas todas as dúbidas e os rumores sobre as causas que a mantiveron pechada durante estes case tres anos, e insistiu en que o goberno municipal non quixo poñer en risco a saúde pública abríndoa mentres existisen restos do combustible. Agora, aínda que xa non queda gasóleo, a auga da fonte non é apta para o consumo, como indica o cartel que se colocou onte mesmo no surtidor.