8Feb 2016

“Os Piratas do Caribe”, gañadores do Concurso de Comparsas

• O premio infantil foi para “Os velliños de Malpica” e o de piñatas para “O Zoo de Malante”
• “Os Piratas do Caribe” tamén acadaron o primeiro premio no baile social

IMG-20160207-WA0032_entroido2016

En Malpica produciuse un verdadeiro desembarco pirata neste domingo de Entroido. “Os Piratas do Caribe”, coa súa impoñente embarcación, acadaron o primeiro premio no Concurso de Comparsas celebrado hoxe pola tarde na Praza de Villar Amigo. O mal tempo obrigou a retrasar a saída do desfile, pero a choiva respectou a tradición, e, de feito, non caeu unha gota ata o remate do animado percorrido, no que tamén foron agasalladas as comparsas “O parchís” e “Tribu comanche” co segundo e terceiro premios, respectivamente.

Na categoría infantil o galardón foi para “Os velliños de Malpica”, e no certame de piñatas triunfou “O zoo de Malante”. O alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, foron os encargados de entregar os galardóns na praza, e tamén no Centro Cívico, onde continuou a festa co concurso de disfraces para maiores que se celebrou durante o baile social, amenizado polo dúo Nuevo Siglo.

A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, sumouse á festa cun simpático traxe de “Carapuchiña Vermella”, pero hoxe os protagonistas foron as patas de pau, os parches nos ollos e as bandeiras coa caveira. “Os Piratas do Caribe” foron os gañadores do primeiro premio, e “As nenas xemelgas”, do segundo. Para as dúas comparsas houbo cestas repletas de produtos típicos do Entroido.

IMG-20160207-WA0034-entroido2016