gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 14°
11°
Sábado 14°
11°
Domingo 15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Oito locais de hostalería participarán a vindeira fin de semana na 1ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar

26Ago 2016

Oito locais de hostalería participarán a vindeira fin de semana na 1ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar

Actuacións musicais, premios directos e unha variada oferta de tapas elaboradas con produtos do mar, ingredientes principais da iniciativa

Malpica sabe a mar - cartel NOVO

As concellerías de Promoción Económica e Turismo e o sector hostaleiro de Malpica unen as súas forzas para poñer en marcha unha iniciativa conxunta que unirá tres sectores fundamentais na economía local: a pesca, a hostalería e a olería. A 1ª Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar, que se celebrará a vindeira fin de semana, do 2 ao 4 de setembro, nace coa finalidade de impulsar o turismo enogastronómico coincidindo co remate da temporada de verán e de poñer en valor a tradición pesqueira da vila malpicá.

Malpica Sabe a Mar pretende diferenciarse doutras iniciativas semellantes incluíndo os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permitirá, por unha banda, poñer en valor o produto local e o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que incluiría a ruta sería a olería, xa que para a ocasión elaboraríanse pratos artesanais que se repartirían entre os 8 establecementos participantes: Taberna do Lesto, Restaurante O Burato, Café bar Humboldt, Café Bar Ibarra, Café bar JB, Restaurante San Francisco, Area Chill Out e Larada Bar.

A Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar arrancará o venres ás 19.30 horas co acto inaugural na praza de Anselmo Villar Amigo, onde actuarán os gaiteiros da Asociación Cultural Malante, que posteriormente farán un percorrido polos oito locais participantes e rematarán no Paseo da Praia. As tapas serviranse nesa primeira xornada de 20.00 a 23.00 horas; o sábado, de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 23.00, e o domingo, de 12.00 a 14.00 horas. O domingo pola mañá tamén haberá unha sesión vermú moi especial, amenizada polo Coro Toxos e Froles de Ferrol.

As tapas custarán 1,5 euros, e con cada unha entregaráselle ao cliente un rasca que lle permitirá obter premios directos, entre eles tapas e camisetas coa imaxe da ruta, que dende as concellerías de Promoción Económica e Turismo, que dirixen Pilar Doldán e Noelia Freijeiro, preténdese que teña continuidade en anos vindeiros e que cada vez aglutine a un número maior de establecementos hostaleiros.