Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. “O tolleito de Inishman” foi a obra mellor valorada polo público da XIII Mostra de Teatro de Malpica

8Dec 2017

“O tolleito de Inishman” foi a obra mellor valorada polo público da XIII Mostra de Teatro de Malpica

O tolleito de Inishman, cunha puntuación de 4,97 sobre 5, foi a obra mellor valorada polo público da XIII Mostra de Teatro de Malpica. A montaxe de Contraproducións, dirixida por Cándido Pazó e interpretada por Evaristo Calvo, Ana Santos, Ricardo de Barreiro, María Roja, Luis Iglesias, Santi Romay, Marcos Pereiro e Susana Dans, colleitou na nosa vila un novo recoñecemento, que se suma aos cinco premios María Casares acadados este ano.

O tolleito de Inishman

Cándido Pazó subiu ao escenario para dedicarlle a representación a Paco Souto

Contraproducións arrebátalle deste xeito o título a Malasobra, que fora a compañía gañadora da valoración do público nos anos 2014, 2015 e 2016, e que nesta ocasión quedou no cuarto posto. Con 185 espectadores, a proposta de Contraproducións foi tamén unha das que máis público atraeu ata o auditorio do Centro Cívico, e ademais estivo cargada de emoción porque Cándido Pazó subiu ao escenario antes de que comezase a función para dedicarlle a representación a Paco Souto.

En total, os nove espectáculos programados pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo reuniron a 1.093 persoas. As obras infantís volveron a triunfar, e, de feito, A tropa trapalleira de Bocaberta, con 195 persoas, foi a que levantou máis expectación. Do mesmo xeito que a afluencia foi boa, cunha media de 121 espectadores/as por función, tamén foi moi alta a puntuación acadada polas compañías participantes, cunha media de 4,55 sobre 5, o cal demostra a boa acollida que ten o teatro galego.

Ademais de Contraproducións, que fixo dobrete con Memorias dun neno labrego, e Bocaberta, pola XIII Mostra de Teatro de Malpica pasaron Volta e Dálle con Dura Lex, Malasombra con Os Rockenstein, Ibuprofeno Teatro con O furancho (segunda coa mellor valoración do público), A Panadaría con Pan! Pan!, Rimavane con Vestido de voda (terceira na votación) e Talía Teatro con Foucellas.